O cotián como arte

Unha exposición achégase ao universo creativo de Alfonso Sucasas

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia
Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia
Alfonso Sucasas (Lalín, 1940) non é amigo de moitas palabras. “Os cadros están aí para que falen e punto” espetou na inauguración da exposición coa que a Fundación Novacaixagalicia se centra no seu traballo. Cincuenta e sete pezas que permiten trazar o perfil dun dos grandes da plástica galega, cunha carreira que tivo uns complicados inicios.

Responde ao estereotipo de creador na súa torre de marfil. Prefire a soidade dos pinceis, dos lenzos e do seu estudo, aos actos sociais. Non é moi amigo de prodigarse en inauguracións, nin de falar da súa obra e, con todo, Sucasas fíxose un oco na plástica galega.
“Hai un ano empezamos a falar co artista e, acompañados por un experto e un galerista, comezamos a buscar obras para facer unha gran exposición antolóxica” explica Paloma Vela, responsable de exposicións da Fundación Novacaixagalicia. A mostra faría o número 55 desa serie que iniciaron en 1984 con Urbano Lugrís para dar a coñecer aos grandes valores da plástica galega. “Era unha referencia obrigada e ademais, servía para homenaxear a un creador que tivo uns comezos difíciles e que ademais, era unha gran exposición en Vigo, cidade na que reside” explicaba Vela.

A saída de Lalín
Sucasas naceu en Lalín en 1940 e manifestou desde novo un interese e destrezas no eido das artes plásticas. Tiña só 12 anos cando fixo o primeiro cadro, pero tivo que sortear unha forte oposición familiar para poder dedicarse á pintura. Sendo adolescente preparouse paraingresar na Escola de San Carlos e Valencia, proba á que nunca se chegou a presentar por desexo de súa nai. Si se presentou ao exame de ingreso da Escola de Belas Artes de San Fernando, pero suspende e continúa a súa formación en Lalín. Motivado polo seu interese polas artes plásticas, emigra a Venezuela, onde participa en diferentes exposicións, traballa en iniciativas subvencionadas polo Estado pero, ante a imposibilidade de vivir do oficio, compaxina a creación cun traballo de camareiro nun centro galego. É a necesidade económica o que o trae de volta a Lalín para traballar no negocio familiar. Pero só dura tres meses, xa que ao cabo dese tempo marcha ao Brasil. Está alí sete anos, traballando en empresas de publicidade, de decoración e de deseño, e no tempo libre realiza algunha obra. Desta etapa, asegura a Enciclopedia Galega, só conserva un debuxo “A Prostitución”, na que se aprecian moitas das características que logo se asentarían na súa obra: expresionismos, deformación marcada das figuras, canon curto nalgunhas,gusto pola curva, sentido tráxico mesturado con distorsión crítica… e a súa preocupación pola figura humana.

A volta creativa
“Non pretendíamos facer unha retrospectiva, senón unha exposición que servirá para facer unha parada no seu camiño e, de paso, que nos dera para por a vista atrás” recoñece Paloma Vela. Un autorretrato do ano 1957 marca o inicio argumental desta mostra que se pode ver no centro cultural en Vigo antes de itinerar por diferentes salas do país. “Era tamén unha forma de que o pintor salde a súa débeda coa cidade á que estivo moi vencellado” asegura Paloma Vela.

O seu autorretratao, xunto cun cadro pintado a carbón Paisano, son das obras máis antigas que se conservan deste artista que desenvolveu a súa etapa máis creativa á volta de Brasil. Instalado no seu Lalín natal, vive e pinta no ambiente familiar ata que uns amigos o animan a expor no Hostal dos Reis Católicos. Tiña 28 anos e vencéllase ideoloxicamente ao grupo nacionalista compostelán, que se aprecia no contido de carácter socio-político das súas primeira obras. Con todo, a súa obra pronto adquire unha temática vencellada á representar un mundo intimamente ligado coa terra. Na exposición apréciase esa evolución e reencontro inicial do pintor co mundo da súa infancia e a adolescencia. Paloma Vela destaca a temática que agroman neste momento da súa traxectoria e que quedan como unha constante. “Na súa obra hai un gusto polo cotiá, a representación constante de escenas apenas insignificantes como temática artística e que él eleva a ese tema, son xogadores de cartas, entroido, tabernas…. Pero representadas con ironía, como él afronta a vida” afirma Vela.

Entre 1970 e 1975 reside en Vigo, nunha época moi fértil na que se relaciona con Laxeiro, Blanco Amor, Lugrís, Lodeiro, Huete… moi influíntes no seu pensamento. Pero logo decide volver a Compostela, onde instala o seu estudio e abre a busca de linguaxes propias que lle acabou conferindo unha marca persoal. "É un ser indomable ao que non lle gustan os 'ismos' nin as modas e a súa obra destaca pola cromática e a xeometría", afirma Gerardo Fentanes, amigo do artista e profesor de Historia e Arte que falou na inauguración da mostra, antes de destacar a súa forma de "recoller a tradición histórica de Galicia". Nesta faceta tamén incide Vela, ao afirmar que en toda esta exposición “se pode apreciar o que el defende como unha das súas características que é a ausencia de modas”.

Hai, ademais, outra característica que marca todo a súa obra e que se pode apreciar nesta exposición. “É o vitalismo, esta ledicia de vivir reflectida desde un fondísimo espírito franciscano e con moito traballo” que está presente en todo o que fai. As pezas que se exhiben nesta mostra foron rescatadas desde o almacén do propio artista, coleccións particulares, fondos do Parlamento Galeo e da Sociedade Anómina de xestión do Plan Xacobeo e a colección de arte da fundación Novacaixagalicia.

Sucasas: antolóxica

Sucasas: antolóxica

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia

Alfonso Sucasas. Fonte: Novacaixagalicia