Folla de ruta

CGAC, MARCO e a Fundación Seoane adoptan diferentes estratexias para combater a crise

Non son grandes revolucións, pero hai pequenos indicios de que algo está a mudar para os principais centros de arte contemporánea do país. Comezaron prolongando a estadía das exposicións, abaratando custes reducindo o horario de apertura ao público, despois cobraron prezos simbólicos por actividades que antes desenvolvían de balde e agora teñen sobre a mesa, nalgúns casos, cobrar prezos simbólicos pola entrada. Iso si, a actividade expositiva e de investigación é, para algúns deles, intocable. O MARCO, o CGAC, e a Fundación Luís Seoane buscan o seu camiño.

“Sobrevivir”. Ese é o gran reto que Silvia Longueira, directora da Fundación Seoane, considera para a entidade neste 2012. É un desafío compartido para os tres centros de arte contemporánea do país, aínda que cada un deles, pola súa natureza, teñen as súas particularidades. No caso do CGAC, por poñer un exemplo, a idea principal deste 2012 é, en palabras do seu director, “poñer as contas a cero este ano para poder celebrar o seu aniversario (que terá lugar en 2013) dispoñendo de todo o orzamento para a programación”. Con todo, os tres centros comparten unha característica, dependen de entidades públicas. O CGAC da Consellaría de Cultura, Educación e Deporte; o MARCO do concello de Vigo e a fundación Luís Seoane do da Coruña. Entre os tres, sumaron preto de 230.000 visitas no último ano. Son cifras que confían en poder repetir malia os recortes, aínda que cada quen emprega as súas estratexias.

O buque insignia: o CGAC
O Centro Galego de Arte Contemporánea arrinca este 2012 con dúas boas noticias. Dunha banda a súa última exposición, a de Jeff Wall foi considerada por varias publicacións especializadas das mellores mostras do ano. Da outra, incrementáronse as cifras de visitantes con respecto a 2012. A sede do centro recibiu 66.000 visitantes, a mostra da exposición Mystique, con fondos propios que se desenvolveu na Igrexa da Universidade da USC tivo 3.400; e a exposición de Cristina García Rodero, que produciu e que este ano recalou no Círculo de Belas Artes de Madrid tivo 28.500. En total, a súa actividade xerou 97.900 visitantes. Con todo, para o seu director, Miguel von Hafe non está satisfeito cos resultados. “Temos que continuar a traballar en buscar máis público e facelo por outros medios diferentes da publicidade das exposicions, temos que conseguilo a través de vías de colaboración con outras entidades” afirma. E ese empeño pode verse na programación que ten un ritmo alto de actividades en colaboración con entidades que teñen que ver co máis contemporáneo da arte e doutros xéneros. Este ano, o CGC vai colaborar co festival de curtametraxes de Oberhousen, unha referencia ineludible para o sector audiovisual, así como con outros colectivos de carácter internacional. “Son actividades que non teñen un gasto económico moi elevado e que van posibilitar traer ata Santiago, traballos que doutro xeito sería moi compilcado” asegura Miguel von Hafe.

Con todo, as actividades son paralelas á programación expositiva do centro que este ano no tira de fondos propios. “Comezaremos con fondos, pero dunha das coleccións máis importantes de España, como é a de Helva de Algear” asegura von Hafe. Será o propio director, o comisario de Gravity&Disgrace, coa que pretende facer un aceno á exposición desenvolvida en Londres a principios dos noventa sobre a escultura postminimalista. “Pretende facer un diálogo con aquela exposición e, xogando irónicamente co título, aproeitará para reflexionar sobre os tempos presentes”. Será a primeira parte e contará cuns cinco artistas, entre os que haberá dous nomes galegos. Despois chegará a obra de Esther Ferrer, unha das referencias da arte contemporánea en España e que rematrá o seu ciclo expositivo no CGAC. As grandes exposicións pecharán en 2012, “cunha antolóxica de Fenando Casás coa que esperamos ofrecer unha faceta deste artista que ten moita obra descoñecida para o gran público”.
Con todo, o CGAC afrontará un ano que ten sobre a mesa introducir pequenos cambios. Está sobre a mesa a idea de cobrar un prezo simbólico sobre a entrada. “Non hai unha opinión definida, nin unha decisión tomada, está sobre a mesa. Con todo non me parece errado porque somos dos poucos museos que non teñen un prezo fixado para as exposicións” asegura Miguel von Hafe.

Sempre Seoane na Fundación Luis Seoane
“Non podemos esquecer o contexto a actual, porque nós tivemos un recorte orzamentario que nos obrigou a replantexar as liñas de traballo” explica Silvia Longueira, directora da Fundación Seoane. Con todo, anuncia que para este ano 2012, o centro continuará fiel á liña de traballo que xa iniciaron e que vén marcada polos estatutos fundacionais da entidade. “Nunca deixaremos de traballar na liña de Seoane” puntualiza ao tempo que especifica que se continuará co traballo de sistematización e dixitalización dos seus fondos. Neste sentido, Longueira especifica que “para este ano hai unha mostra de óleos, gravados, ilustracións… dentro desa temática na que pedimos que interveñan outros artistas e outros comisarios para darlle continuidade ao discurso e abrir esas perspectivas desde a política ata a artística, que abordou a súa figura”.
Outra das liñas que terá continuidade na fundación é a que atende a traballar con proxectos temáticos relaciónados coa filosofía, literatura e o ensaio no ámbito contemporáneo. “Neste aspecto temos un proxecto con Vari Caramés, Carlota Pérez e Manuel Olveira que traballaremos unha historia vencellada á expresión corporal e a danza con colectivos que viven en centro de inclusión” puntualiza.

Unha das características definitorias da Fundacion Seoane desde a súa aparición é que estivo de sempre moi apegada á realidade e ás novas tendencias. Nesta ocasión, e aproveitando os cen anos da desaparición de Bram Stoker, un dos clásicos da literatura, a Fundación “programa un proxecto sobre unha das súas obras máis coñecidas, o conde Drácula”. Canda esta e baixo o título de Desde Bertch a Walter Benjamin, unha exposición pretenderá amosar o traballo e de artistas galegos que, aínda sendo coñecidos, non teñen o pulo definitivo a nivel coñecido.
“Procuraremos non mermar a calidade” afirma Silvia Longueira, que volve á dirección do centro que xa dirixira hai catro anos. Si se notará na cantidade porque ela mesma asegura que se reducen de catro eventos a tres ao ano, e as exposicións se inauguran en bloque. “Este ano faremos as estreas de dúas en dúas e procuramos estamos prolongando a vida dos proxectos” conclúe.
Canda a programación expositiva, que seguirá a ser de balde, reforzará a actividade pedagóxica que tan ben lle funciona nos cursos que programa en época estival como o verán ou o nadal. “Son cursos de pagamento, fórmula que xa empregamos desde hai tempo e que case se autofinancian” explica Longueira. Neste momento, alén do de arte contemporánea, a fundación prepara con Eduardo Riestra un de literatura de viaxes. Con todo, “seguimos a buscar patrocinadores tanto para as actividades, como para as exposicións e neste momento, resulta todo moito máis complicado”.

O MARCO ante o décimo aniversario
A principios de febreiro o MARCO aproveita o carácter performativo da súa última exposición, Presenza activa para ofrecer unha peculiar forma de inaugurar a súa última aposta. Tres xornadas consecutivas --xoves 9, venres 10 e sábado 11 de febreiro- permitirá ir activando as obras que conforman un novo proxectos expositivo. En colaboración coa LABORAL, Centro de Arte e Creación Industrial de Xixón, ofrecerán desde propostas de corte teatral, nas que o espectador asume un rol pasivo, atra outras nas que o público se involucra totalmente. En medio, diferentes posibilidades de relación entre ambas as dúas, e co espazo e a contorna que comprende a obra. Todas as pezas foron creadas para este proxecto, excepto a obra de John Bock e de La Ribot. Maja Bajević, John Bock, Sue-C, Gary Hill, Thom Kubli, Mads Lynnerup, Alastair MacLennan, Sergio Prego ou Carlos Rodríguez-Méndez, son algúns dos artistas do proxecto.

En xuño chega a outra exposición, tamén en coprodución co francés FRAC Lorraine, que é o resultado do premio de novos comisarios. Segundo explica unha nota de prensa remitida polo MARCO, o proxecto gañador “toma como punto de partida a escritura do autor uruguaio Felisberto Hernández (1902-1964), para explorar a noción de lectura e as súas diferentes modalidades, experiencias e estructuras. As obras exhibidas fan uso da relación e interacción entre texto e lector, así como da condición, o acto e o proceso da lectura, e as formas de construción do significado”. A mostra chegará ao MARCO de Vigo, depois de se exhibir en Francia.
O MARCO non desvelou aínda a programación do segundo semestre do ano, precisamente onde se concentrará a actividade coa que pretende celebrar os dez anos da fundación deste centro. Malia reducción orzamentaria pola saída de membros do padroado (a Fundación Novacaixagalicia e a Deputación de Pontevedra), a entidade asume o desafío da súa continuidade cunha redución de gastos que obrigou ao centro a pechar a mediodía, nesa franxa horaria con menos visitantes, e o peche de Plaxio, a libraría instalada no centro. Con todo, o centro ten tamén ás súas costas, o feito de ser o centro de arte contemporánea máis visitado en 2011 con 116.000 visitantes.