O debate sobre os estereotipos e a influencia dos medios na literatura foron algúns dos temas que centraron o II Encontro de Escritores Novos

O falar das letras novas

O de escritor é habitualmente un oficio solitario. Quen está a comezar nestas lides ten ademais que enfrontarse a toda unha serie de problemas que abranguen desde as relacións con editoriais ata a definición dun estilo propio. Para dialogar, coñecerse e comprender un pouco mellor a posición dos autores non consagrados celebrouse esta fin de semana de Mondoñedo o II Encontro de Escritores Novos.


En decembro de 1996 o pazo de Fonseca de Compostela acolleu o I Encontro de Escritores Novos, unhas xornadas que remataron cun intenso debate entre os poetas dos oitenta e a aposta rupturista dos autores que xurdiron na última década. Seis anos despois a poeta Yolanda Castaño, secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega, decidiu recuperar o espírito daquelas xornadas para analizar unha situación moi diferente da de entón. Segundo ela, a dinamización cultural diminuíu moito nos últimos seis anos, e posiblemente se estea a fraguar agora mesmo unha nova explosión de actividade semellante á que viviu a nosa literatura a mediados dos noventa. Ata Mondoñedo foron os arredor de cincuenta participantes no encontro esta fin de semana para falar e coñecerse.






Sobre a narrativa


Logo da conferencia inaugural a cargo de Xabier Cordal e da Noite Teatral do venres na que grupos coma Teatro Bruto ou Carlos Santiago amosaron o seu bo facer, a mañá do sábado arrincou cunha mesa redonda sobre a narrativa. Nomes pouco coñecidos polo grande público coma son os de Rosa Aneiros, María Arce, Roque Cameselle ou Samuel Solleiro analizaron a situación da nosa narrativa e dos escritores novos dentro dela. A mesa iniciouse coa presentación de dúas posturas diferentes. Por unha banda estaban os que consideraban excesiva a influencia da literatura española sobre a nosa á hora de potenciar determinados xéneros e autores. No mesmo sentido criticaron o suposto abuso de tópicos sobre o noso país coa intención de acadar un incremento das vendas. Pola outra banda, os que defendían que a do libro é unha industria cultural que se desenvolve nun mercado, e que iso implica vantaxes e inconvenientes. Deste xeito apuntaron que nun contorno globalizado, as influencias externas sobre cada autor e sobre o sistema literario en xeral son inevitables. Con todo, os novos narradores avogaron por fuxir dos estereotipos temáticos e estilísticos e buscar orixinalidade nas súas obras. Tamén se sinalou a dificultade de facer xeneralizacións sobre a obra destes novos escritores, xa que existe unha gran disparidade de temáticas e de estilos.




Sobre a poesía


Logo da intensa mañá, a tarde do sábado dedicouse á poesía. Unha análise sobre o auxe poético dos noventa ocupou boa parte do tempo a María do Cebreiro, Emma Couceiro, Carlos Negro e Baldo Ramos. Así, falouse diversas tendencias formais e temáticas dos autores que saíron á luz neste período e avaliáronse as diferentes apostas editoriais que apoiaron esta explosión poética, coma a editora Letras da Cal ou Espiral Maior. Ademais, sinalaron a grande porcentaxe de autores novos que na actualidade continúan traballando neste xénero.




Comparando

No intento de ver como lles vai ós autores novos das outras literaturas peninsulares organizouse na maña do domingo unha mesa redonda na que participaron o vasco Aritz Gorrotxategi, o catalán Héctor Hernández e o portugués Jorge Marmelo. Nas exposición de cada un deles observáronse abondosas coincidencias coa situación dos novos escritores en Galicia, coma o auxe poético que se produciu nos noventa ou o actual auxe da narrativa. Tamén se coincidiu en problemas coma o da distribución e traducción da obra dos autores que comezan. Tamén se detectaron peculiaridades de cada sistema, coma a maior facilidade para publicar en Galicia ou a aparición dunha vaga de escritores-xornalistas en Portugal.



Facer xuntos


Un dos principais obxectivos do congreso era que os nosos novos escritores se coñecesen, xa que moitos dos participantes aínda non se atoparan en persoa. Neste sentido, algún dos participantes destacou as diferencias entre poetas e narradores. Mentres eran moitos os poetas se coñecían por ter participado en volumes colectivos ou en recitais conxuntos, nos narradores existía un maior descoñecemento mutuo. Actividades coma a noite teatral do venres, a noite poética do sábado ou o roteiro literario por Mondoñedo, así como a convivencia en xantares e ceas, permitiron un maior achegamento entre autores e compartir de xeito informal coñecementos, perspectivas e ideas.



Conclusións

Ó mediodía do domingo, Yolanda Castaño presentou as conclusións do encontro, nas que se incluíu unha crítica ó escaso apoio que prestan os medios de comunicación á literatura e a tendencia a xeneralizar e a etiquetar obras e autores. Este xeito de tratar as letras condiciona, segundo os escritores, a percepción da obra polo público e polo propio autor e pode influír nos camiños literarios dos que comezan. Neste mesmo sentido tamén se salientou a ausencia dunha crítica sólida que realice propostas de alcance e non se limite a analizar as obras individualmente. Coincidindo co comentado polos escritores foráneos convidados, denunciouse a dificultade de proxección dos autores novos. A nivel da poesía, as conclusións destacan a vitalidade da poesía do país e o alto índice de novas voces que participan nela, e falta dunha clasificación crítica da poesía posterior ós anos oitenta. Os escritores participantes tamén coincidiron na preocupación polos estereotipos que se presentan da sociedade galega a través da literatura e sinalaron a necesidade de construír unha lingua literaria común a través do estilo propio de cada autor.




Resumindo

Yolanda Castaño, coordinadora do encontro, destacou a alta participación deste evento e a calidade dos debates, que amosa que os autores novos teñen unha grande madureza á hora de realizar críticas e reflexións sobre o propio sistema literario. Como único punto negativo, sinala a escasa presencia de autores con máis experiencia, o que, segundo ela, “dá que pensar con respecto ó interese que poidan ter polos que van ser o futuro”. O futuro do futuro atoparase no vindeiro encontro, dentro duns anos, “cando a ocasión o requira”, segundo Yolanda.
Novas voces da poesía galega.
Edición de textos poéticos de novos autores galegos: Ana Romaní, Celso Fernández Sanmartín, Emma Couceiro, Estevo Creus, Yolanda Castaño, María do Cebreiro Rábade, Marta Dacosta, Martín Veiga e Rafa Villar.

Publicado polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.