Proxectos que medran

Berrobambán achégase ao paso da infancia á madurez en A Folla máis alta

Era un poemario moi alonxado da poética infantil, polo seu léxico coloquial e abondosos recursos fónicos. Aquela publicación impresa titulada Contatrás (Positivas, 2006) chega agora en forma de dous espectáculos escénicos para que a súa autora e tamén directora, Paula Carballeira, siga falando de “medrar, desas cousas que imos deixando atrás no paso da infancia á madurez”. A Folla máis alta é a primeira das dúas entregas que acaba de estrear a compañía Berrobambán esta fin de semana no Teatro Ensalle de Vigo.

“Falamos do que habita na infancia, do que fomos sendo nenos e do que nos lembramos daquela etapa; pero tamén dos adultos, para lembrar as cousas máis agradables, o que nos emociona, porque o teatro tamén é emoción” asegura Paula Carballeira. Autora do poemario, traslada agora a escena esta temática a través de dous espectáculos. O que estreou esta fin de semana en Vigo, no Teatro Ensalle é o primeiro deles e está pensado para un público familiar.

En A folla máis alta Berrobambán, a compañía de Paula Carballeira, procura unha estética innovadora baseada na multidisciplinariedade. “Buscaba xuntar a moitos creadores de diferentes disciplinas, do mesmo xeito que nun libro implicamos á xente como o deseñador ou o editor…” explica Paula que conta nesta proposta con David Loira para crear o movimento escénico, ou con Carlos López como músico, Ramón Bermejo como cantante e profesor de técnica vocal ou con X. Carlos Hidalgo como creador do universo gráfico. Para Carballeira, o máis complicado deste espectáculo foi “darlle un fio de unión porque son poemas, fragmentos, historias que tiñan que ter unha forma escénica”.

Comeza así o periplo deste espectáculo mentres en Berrobambán, xa teñen os ollos postos en Avestruz en terra allea, o segundo espectáculo que conforma o proxecto Contatrás e que está pensado para un público adulto.