Falece Isaac Díaz Pardo

As complicacións dunha pulmonía recente acabaron coa vida do histórico galeguista

A morte sorprendía a Isaac Díaz Pardo esta mañá aos 91 anos de idade na Coruña. O histórico galeguista, industrial, empresario e activista cultural estaba ingresado no hospital San Rafael da Coruña a se recuperar dunha pulmonía. Co seu falecemento remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. O velatorio ten lugar hoxe no tanatorio Servisa da Coruña, mañá a mediodía haberá unha homenaxe civil no Museo do Pobo Galego e o enterro realizarase tamén mañá, venres 6 de xaneiro, pola tarde no cemiterio de Boisaca, en Compostela Información actualizada (22:40).

Cunha longa vida plenamente dedicada a Galicia e ao galeguismo, a figura de Isaac Díaz Pardo (1920-2012) resulta fundamental para coñecer a evolución do noso país ao longo do século XX. Testemuño do galeguismo de preguerra e da súa aniquilación polo franquismo, traballador incansable durante os anos escuros, conexión imprescindible coa cultura galega na emigración e peza fundamental na configuración da nosa cultura na etapa autonómica, a figura do recentemente falecido emerxe como unha constante na historia da nosa cultura ao longo dos últimos cen anos.

Nado en 1920 na compostelá rúa das Hortas, o fillo do histórico galeguista e pintor Camilo Díaz Baliño amosou moi cedo tanto o seu compromiso político como a paixón pola creación artística. Xa con 16 anos realizou carteis e participou activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía desde a súa militancia socialista. Abandonada pola guerra a militancia activa na política, comezou a pintar de xeito sistemático durante a contenda, refuxiado na casa do seu tío na Coruña, realizando a súa primeira exposición individual nesta cidade no 39. Entre 1940 e 1942 desenvolve a súa carreira artística en Madrid cunha bolsa de creación da deputación da Coruña e toma contacto co deseño industrial nunha das primeiras experiencias de formación deste tipo que se desenvolven no estado. No 42 obtén unha nova bolsa para viaxar por Italia e coñecer a pintura renacentista. Continuou unha carreira crecente dando clases en Barcelona, ampliando estudos e Londres e sendo recoñecido como un dos grandes novos valores da pintura galega. No entanto, en pleno éxito, en 1948 decidiu abandonar a práctica profesional da pintura, aínda que continuaría producindo diferentes obras ao longo da súa vida.

Foi só un ano despois cando comezaría a actividade industrial que marcou o resto da súa biografía, coa posta en marcha de Cerámicas do Castro, en Sada. En 1951 presentou as primeiras pezas desta iniciativa, e deu o salto a Bos Aires en 1955 fundando La Magdalena, unha nova empresa de cerámica, cidade onde se instalaría, con diferentes viaxes a Galicia, ata 1968. En Arxentina desenvolveu un intenso contacto co exilio galeguista, que se fixo especialmente próximo con Luís Seoane e á revista Galicia emigrante. Esta experiencia reafirmou o seu interese pola vangarda e o deseño como ferramentas de desenvolvemento e renovación cultural. No 63, os dous creadores desenvolven o proxecto de recuperar a experiencia da cerámica de Sargadelos, coa que Raimundo Ibáñez realizara a primeira tentativa, falida de industrialización en Galicia. A iniciativa pretendía, de xeito semellante, ser unha semente para un novo proxecto de país, actuando como base para toda unha serie de entidades que abordarían a investigación, a produción e a creatividade como ferramentas para o desenvolvemento galego.

Como parte do mesmo, crean nese mesmo ano Ediciós do Castro, centrada na recuperación da memoria histórica de Galicia e mais na investigación da sociedade e da economía do país, e que publicou máis de mil títulos, entre eles o imprescindible Memorias dun neno labrego de Neira Vilas. Pola súa banda, o Laboratorio de Formas de Galicia, no tamén no 63, pretendía investigar a orixe e evolución das formas desenvolvidas ao longo da historia do país. A estas entidades sumouse, en 1970, o Museo de Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, centrado na produción artística do país posterior a Castelao, a coincidir coa apertura da fábrica de Sargadelos. A este complexo de entidades aínda se sumará, no 72, o Seminario de Estudos Cerámicos, centrado na investigación encol deste material, no 78 o Instituto Galego da Información, como foro de documentación e debate, e que pretendía ser a base do xornal Galicia, que finalmente non chegou a saír.

Este conglomerado industrial e cultural, suporía a grande obra á que dedicou a súa vida, e deixou unha pegada fundamental na cultura galega desde a súa constitución. Nun momento no que a cultura do país carecía de apoio institucional, o labor de mecenado e de apoio que se desenvolveu desde o complexo Sargadelos foi fundamental para favorecer a reflexión e a recuperación do labor cultural desenvolvido no exilio. A rede de galerías que a firma creou no mundo funcionaron, e aínda funcionan como auténticas embaixadas da cultura galega, coa fusión de arte, deseño e literatura propia destes espazos, e a cerámica de Sargadelos conseguiu constituírse como un auténtico símbolo de Galicia. De xeito parello ao seu traballo empresarial e do seu labor de mecenado, Díaz Pardo non abandonou o seu labor creativo. Entre outras tarefas, abordou abondosas colaboracións en prensa, a realización de carteis de cego, ou a escrita ensaística e dramática, con títulos como Midas. O ángulo de pedra, Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por il mesmo (con Celso Emilio Ferreiro), Xente do meu rueiro,, Presencias galegas na arte dos nosos días, Teatro en Israel, Galicia hoy (con Luís Seoane), Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo, O Marqués de Sargadelos, ou Castelao para alén de participar en todo tipo de foros e eventos.

Deste a posta en marcha destes proxectos e ata practicamente o seu falecemento, Díaz Pardo configurouse como un elemento fundamental da cultura do país, cun intenso labor de mecenado e patrocinio desde as súas empresas, as galerías Sargadelos a funcionar como centros culturais por todo o país e contactos en todos os ámbitos políticos e culturais. “Eu son un templagaitas e un limpamerdas” definíase a miúdo, apuntando a súa capacidade de colaborar con todo tipo de gobernos e entidades, ao tempo que se reafirmaba na súa condición de “conservador libertario”. Conservador polo seu esforzo en manter o legado da cultura do país e, especialmente, o traballo do galeguismo de preguerra, e libertario polos seus ideais sociais, que nunca abandonou.

Nos seus últimos anos de vida, Díaz Pardo viu como se sucedían ás homenaxes á súa figura desde todo o espectro cultural e político. Exposicións, actos, nomeamentos honorarios como Académico de Ciencias ou Fillo Predilecto e Adoptivo de diferentes Concellos, a Medalla de Ouro de Galicia ou a Medalla ao Mérito no Traballo. De xeito paralelo, a primeira década do século XXI foi tamén a que viu o que el mesmo definiu como o seu “maior fracaso”. A perda de control do Grupo Sargadelos a mans doutros socios do complexo obrigoulle a abandonar o Instituto Galego da Información e levar o inmenso legado artístico e documental que alí reunira supuxeron un grave revés para o histórico galeguista. A isto sumouse pouco tempo despois un duro debate dentro da súa propia familia sobre o destino que se lle debía dar a estes bens. Finalmente, un acordo coa Xunta permitiu que o seu legado se depositase na Cidade da Cultura durante un período de sesenta anos. Na institución facilitarase o seu acceso a investigadores e dixitalizarase un material histórico no que se inclúe a propia biblioteca persoal do defunto, así como das empresas que el fundou, do Seminario de Estudos Galegos e mesmo de persoeiros como Lorenzo Varela ou Manuel Díaz Rozas. Nos últimos tempos, Díaz Pardo, afastado da xestión empresarial, fora espazando a súa presenza pública e traballo cultural, aqueixado xa dos males da idade.


Isaac Díaz pardo durante o desmantelamento do IGI (2010) acompañado por Martiño Noriega. Foto: Culturagalega.org

Isaac Díaz pardo durante o desmantelamento do IGI (2010) acompañado por Martiño Noriega. Foto: Culturagalega.org