O sector cultural ve con reticencias a remodelación do goberno

Os creadores gardan pola estrutura orgánica da nova consellaría

“Considero que é un paso atrás” aseguraba Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. A adscrición das competencias de Cultura en Educación, desaparecendo a actual consellaría de Cultura e Turismo, é vista pola Asociación de Actores e Actrices, como “unha mostra máis do desmantelamento da cultura galega”, en palabras de Casilda Alfaro, vicepresidenta da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia. Outras entidades, como Agapi, optan por esperar a que se coñeza todo o organigrama.

“É unha mensaxe que o goberno nos fai para o noso autogoberno ao emular o Ministerio de Cultura de Madrid xa desaparecido. Pero a situación é diferente porque o ministerio desaparece porque están transferidas ás comunidades autónomas” puntualizaba Bragado, quen considera que a austeridade dun goberno "non depende do número de consellerarías como da eficacia na xestión”. Nese sentido, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, apunta que “depende máis dos recursos que do feito de dispor un departamento propio”. Con todo, o sentir maioritario é o de agardar ata que se coñeza a estrutura orgánica deste departamento.

Os cambios
“Hai que agardar a organización, e ver se mantén a Dirección Xeral do Libro. Unha vez publicado haberá que estudar o organigrama e ver que se manteñen os compromisos de futuro” puntualizaba Bragado. Desde a AAAG teñen convocada unha xuntanza para este xoves co obxecto de facer unha valoración oficial do colectivo ante esta situación.