Feísmo en positivo

Un foro do colectivo Ergosfera analiza a complexidade e as virtudes deste fenómeno

Imaxe de presentación do encontro sobre feísmo
Imaxe de presentación do encontro sobre feísmo
A urbanización de FADESA en Miño. Un somier a cerrar unha finca. A uralita en casas de pedra. Edificios de tres andares onda vivendas tradicionais. O fenómeno coñecido como Feísmo abrangue toda unha serie de manifestacións a miúdo contraditorias e complexas. O colectivo Ergosfera organizaba recentemente na Coruña unha xornada para reflexionar sobre esta denostada cuestión e reivindicar os aspectos positivos que ten este xeito de entender a construción.

Vídeo da xornada Eu si quero feísmo na miña paisaxe

O pasado 15 de decembro, a Fundación Luís Seoane, na Coruña, acollía un simposio cun título cando menos sorprendente. Eu si quero feísmo na miña paisaxe era o lema co que o colectivo Ergosfera, centrado na reflexión sobre o urbanismo e arquitectura, quería chamar a reflexionar sobre esta cuestión. Logo de anos de denuncias e declaracións contra un fenómeno amplamente estendido no campo galego, a reclamación que se fixo desde este foro chama a pensarmos mais polo miúdo unha realidade que aínda non foi analizada polo miúdo. Segundo explica Iago Borja Carro, membro do colectivo, “resulta un termo moi amplo que abrangue moitas cousas e non se pode pretender acabar con el só cunha normativa, porque iso tamén eliminaría moitos procesos que son moi interesantes para o territorio”

As orixes
Para os membros de Ergosfera, o feísmo non é un fenómeno novo. “É unha cuestión que sempre pasou. A xente vai acumulando os materiais que teñen a súa disposición e consideran a construción como un proceso”, sinala Carro. En todo o caso, o que mudou nos últimos anos son os materiais a disposición da xente. Se no canto de uralita e tixolos os alboios e ampliacións se continuasen facendo, como aconteceu durante séculos con táboas reutilizadas ou pedras tiradas mesmo de castros ou castelos achegados, é posible que o mesmo fenómeno non se considerase igual. “En determinado momento as élites urbanas decátanse e deciden que as cousas teñen que estar acabadas en determinado tempo para entrar nos correspondentes circuítos económicos, mentres que a quí a vivenda considérase un proxecto vital que vai por fases”. Ampliacións, renovacións e modificacións para se adaptar a circunstancias que mudan explican boa parte das actuacións atribuídas ao feísmo.

Historia dunha percepción
A percepción social do feísmo como un mal endémico do país non xorde, segundo os análises de Ergosfera, ata un tempo relativamente recente. “Ollando libros de Juan Creus ou Pablo Gallego de 1997 e 1998 que son uns primeiros achegamentos desprexuizados á realidade paisaxística do país non se menciona o termo. Realmente no é ata 2000 ou 2001 con Cuíña de conselleiro e moito eco en La Voz de Galicia que xorde e, a partir de aí, dispárase, porque ten unha potencia mediática importante”. Sucedéronse a partir de entón as novas, as galerías de chapuzas galegas nos medios, reportaxes, e mesmo os primeiros intentos de reivindicación deste fenómeno, con propostas xa en 2005 como a dos catálogos na rede de Agropop-art, enxalzando as virtudes da reciclaxe e da busca da utilidade que se perciben nestas creacións. En 2004 Ourense acolleu un foro específico a esta cuestión, que tivo continuidade en 2007, mentres continuaban iniciativas artísticas e cidadás a denunciar o que era visto como unha problemática endémica do noso país. O desenvolvemento da Lei da Paisaxe, en 2008, e a presentación da Estratexia Galega da Paisaxe en 2011, supoñen unha cristalización do movemento mediático e social que se deu sobre a cuestión. Pendentes do desenvolvemento desta última proposta, desde Ergosfera sinalan que se trata “dunha serie de normativas que dalgún xeito se poden considerar contrarias a este fenómeno, aínda son propostas algo vagas”.

Cuestión social
A evolución deste proceso, e da percepción sobre o mesmo, está relacionada, segundo se analizou no foro, coa situación social do agro e do país en xeral. “Hai un momento no que o territorio deixa de ser produtivo para empregos primarios. Entón búscaselle outro xeito de produtividade e pénsase no turismo como o grande redentor. Aquí mestúrase unha idea do modelo suízo da orde, e dunha beleza estabilizada no rural, vendible. E isto vai á contra de como se viviu realmente o territorio nestes últimos anos”, lembra Carro, que incide no peso que ten a percepción urbana na conceptualización desta realidade. “A maioría destas perspectivas son visións que se teñen desde a cidade sobre o exterior, é máis un problema de percepción que do propio territorio. Cómpren análises sen prexuízos”. Desde Ergosfera consideran que nin a problemática nin a reacción son exclusivas do noso país. “A idea de facer unha lista de valores ideais para a paisaxe e de tentar estabilizalo non é só galega. En calquera lugar se tenta crear unha marca do territorio e vendela para o potencial turista”. Do mesmo xeito, tampouco as dinámicas que dan pé ao feísmo e os conceptos e materiais cos que se desenvolve son só galegos. “Son cousas que acontecen en todo o mundo, procesos nos que os ciadadáns participan en proxectos de autoconstrución”.

Vantaxes
Dentro desta loita contra os prexuízos, no debate que organizou Ergosfera apareceron cuestións como a capacidade de reciclaxe, a innovación á hora de lle dar novos empregos aos materiais, e mesmo a comparanza de determinadas obras nadas deste xeito con propostas arquitectónicas de vangarda como reconsideracións do feísmo. “Cuestións como a reutilización de somieres e bañeiras son de autoría anómina e reprodúcense por todo o territorio. Temos un caso como o de Vila Somier, un espazo en Covas que unha señora está a facer dese hai 12 anos con estes elementos como material principal” explica. No foro puídose ver unha completa documentación desta obra arquitectónica, con planos e historia dun proxecto multifuncional que inclúe hora, grella, rocho e zonas de ocio. Outra iniciativa que reivindican desde Ergosfera é o aproveitamento dos galpóns como salas de cinema e espazos públicos que se fai en Cans, Porriño, durante o seu coñecido festival de cinema.

Non todo é bo
Malia á sua chamada de atención sobre a necesidade de repensarmos o feísmo, desde Ergosfera deixan claro que non están a favor de todas as actuacións que habitualmente se adscriben a este fenómeno. “Cómpre diferenciar o que fan as persoas para desenvolver o seu xeito de vida e o que se fai por negocio. Non se poden dar as mesmas solucións nin son os mesmos conflitos temas tan dispares como a urbanización de FADESA en Miño, que tamén se considera feísmo, e o cerre dunha fica que se fai con materiais que desde a cidade non nos parecen estéticos. Desde o noso punto de vista habería que actuar contra o primeiro e desde o segundo”, explica Carro. De calquera xeito, advirte tamén que “moitas das desfeitas que se fixeron son legais e estaban contempladdas nos planeamentos urbanísticos. Nós obviamente estamos en contra de macrourbanizacións e de casas construídas onde non se debería”.

Futuros
“Este é un ámbito investigación en proceso e agardamos tirar máis cousas”, adiantan desde Ergosfera. Unha das cuestións pendentes é saber cal vai ser a evolución deste xeito de entender a construción, e mais logo da aplicación das novas regulacións legais ao respecto. “Nalgún momento nós ou alguén que pense coma nós terá que se posicionar e deberá debaterse se a única vía para o territorio que consideramos non urbano sexa esa estabilizacioón paisaxística. Para isto cómpre un consenso social sobre o que é o territorio” conclúe Carro.
Presentación e consensos do foro Eu si quero feísmo na miña paisaxe.