O camiño da Gloria

As obras de intervención do Pórtico da Gloria durarán 24 meses e custarán 2 millóns

Detalle dunha das figuras do Pórtico da Gloria
Detalle dunha das figuras do Pórtico da Gloria
Non hai datas previstas para o seu inicio pero sábese que, unha vez que comecen as obras de intervención no Pórtico da Gloria serán precisos dous anos para a recuperación do seu esplendor. Así o estableceu o director da Fundación Catedral Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, e Javier López, director xeral da Fundación Barrié, na “proposta de intervención” que deron a coñecer nunha rolda de prensa. Ademais, anunciaron que a fundación incrementará nun millón de euros ao proxecto. Unha actuación que entra agora en fases administrativas e de xestión, como a aprobación da proposta por parte da Xunta e a convocatoria dun concurso público internacional para a súa execución.

Para iniciar o proceso de recuperación cómpre o visto bo da Xunta. “É á dirección xeral de Patrimonio á que lle corresponde autorizar as obras e, aínda que os fomos implicando no proceso de elaboración da proposta, ten que dar o visto e prace” aseguraba o director xeral da Fundación Barrié. Unha vez que se lle remita a proposta e sexa aprobada pola Xunta,iniciarase o outro proceso. “É a convocatoria dun concurso público de carácter internacional para a execución das obras e que terá un custe de dous millón de euros” afirmaba Javier López. Polo carácter do proxecto e a implicación da Fundación Barrié, esta entidade achegará un millón máis do previsto (inicialmente estaban presupostados tres) ao programa Catedral.

O diagnóstico
Tres anos e dous millóns de euros foron necesarios para identificar, investigar e analizar o Pórtico da Gloria. Relizarónse estudos que serviron para documentar toda a información da fase de diagnóstico que gardaba relación co Pórtico da Gloria. Identificáronse as canteiras desde as que se obtivo o granito, analizáronse as diferentes capas de policromía (chegaron a descubrir ata cinco niveis), detectáronse algas e humidades e establecéronse cales eran as intervencións necesarias. Todo o material que xerou arredor das oito liñas de investigación que se abriron nese período, a conservar no Arquivo da Catedral, serviu para a elaboración tanto da proposta de intervención (xa rematada e lista para presentarlle á Dirección Xeral de Patrimonio), como do Plan de Conservación Preventivo.

A proposta de intervención
Dividida en dúas fases, as actuacións teñen o obxectivo último de “preservar, de xeito máis rigoroso posible o Pórtico da Gloria”, aseguraba Javier López que era firme ao expresar que o cometido será o de “unha maior conservación e unha menor intevención”. Nese sentido volveu reiterar que non se “repintará o pórtico, senón que se restaurarán as policromías existentes”. A primeira fase, afondará en traballos xa realizados e documentación fotográfica e fotogramétrica,así como a posta en marcha de acción propostas no Plan de Conservación Preventiva”. A segunda, de 18 meses de duración, supón tratamentos químicos e mecánicos de actuación sobre o pórtico, eliminación de materiais inestables (sucidade, costras, depósitos biolóxicos…).

A proposta de intervención conta tamén con outra variable, que afecta a orixe de moitos dos humidade. “Cómpre facer a intervención en paralelo con outras obras que axuden a eliminar as humidades que afectan ao pórtico da Gloria e que chegan, principalmente, da fachada sur” confirmaba Daniel Lorenzo. Con todo, e no marco do Plan Director da Catedral, a Fundación Catedral de Santiago está a buscar financiamento. “Se non conseguimos os dous millóns de euros que precisamos para arranxar os problemas de humidades, intentaremos realizar accións de emerxencia que calculamos teñen un custe entre 150.000 e 200.000 euros”.

O Plan de Conservación Preventiva
Aínda sen concluír, o Plan de Conservación Preventiva pretende establecer unha serie de medidas e recomendacións que atenden ao carácter da catedral. “Isto non é como a rehabilitación da escultura do Patio dos Leóns da Alhambra, cuxa restauración se fai nun lugar especializado, senón que é un lugar de culto aberto ao público e no que se teñen documentado numerosas condutas que danaron o edificio, como poñer os paraugas mollados no propio Pórtico”, explicaba Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago. Non quixo avanzar medidas concretas porque o documento está pendente de se concluír, pero referiuse a medidas como a apertura das fiestras, regular o fluxo de aire, condicionar a hora de apertura e peche da catedral, o uso de iluminación interior… “medidas que concilien o uso da catedral con todos os traballos” puntualizou.

Ponse en marcha a oficina técnica
A Fundación Catedral de Santiago asinaba hoxe dous convenios con varias entidades, o Consorcio de Santiago e a Xunta de Galicia, que permitirá a súa implicación na posta en marcha da Oficina técnica do Plan Director da Catedral de Santiago, que permitirá coordinar todas as accións que se realicen no edificio. O Plan Director, que implica un total de 24 millóns de euros, inclúe actividades prioritarias, secundarias e actuacións de final en fachadas, cubertas e torres. En virtude do acordado nese documento, a Xunta destinará 2.5 millóns a estas actuacións.

Vistas dun diagnóstico

Vistas dun diagnóstico

Un dos ensaios da limpeza

Un dos ensaios da limpeza

Ensaios do tratamento sobre o pórtico da Glorai

Ensaios do tratamento sobre o pórtico da Glorai

Estudos construtivo estruturais

Estudos construtivo estruturais

Estudos policromía

Estudos policromía

Os cinco niveis de policromía analizados durante a fase de diagnóstico

Os cinco niveis de policromía analizados durante a fase de diagnóstico