Galicia integrarase na World Digital Library

O director xeral do Libro explicou as políticas de dixitalización da Biblioteca de Galicia

A Comisión Cuarta de Educación e Cultura do Parlamento acollía esta mañá a intervención na que director xeral do Libro, Francisco López Rodríguez, explicou as políticas de dixitalización pública que está a desenvolver a Biblioteca de Galicia. Segundo anunciou, a Biblioteca Dixital Galiciana integrarase na iniciativa World Digital Library. Responsables deste proxecto, auspiciado pola UNESCO e mais pola Biblioteca do Congreso de Estados Unidos, convidaron ao noso país a participar no mesmo, segundo explicou Rodríguez, “mesmo antes de que o fixesen coa Biblioteca Nacional” de Madrid.

Segundo adiantou, a participación neste proxecto favorecerá a visibilidade da nosa cultura a nivel internacional e súmase á integración dos fondos galegos na biblioteca dixital Europeana, xa en marcha. Canda a isto, unha das principais apostas neste campo está, como xa fora anunciado, continuar na implantación de estándares e metodoloxías que permitan localizar con facilidade o material dixitalizado así como garantir a súa compatibilidade con outros proxectos internacionais. Do mesmo xeito, adiantou o desenvolvemento dun portal de recursos educativos que aproveite o material xa dixitalizado na Biblioteca de Galicia.

Entre outras liñas estratéxicas neste campo está afondar no traballo de dixitalización de fondos como cartografías e material sonoro e bibliográfico, así como a incorporación de novas tecnoloxías e a ampliación dos traballos de dixitalización a museos e arquivos, entre outras entidades. De cara ao futuro, adianta que o seu departamento está a realizar conversas con empresas como Navantia e Massó con vistas a dixitalizar os seus arquivos.

López Rodríguez adiantou tamén a vindeira posta en marcha dun repositorio de patrimonio dixital, é dicir, un arquivo de webs galegas que gardará as publicacións na rede de entidades públicas, empresas e colectivos de todo tipo. Para isto anunciou o inicio de traballos como a realización de convenios e mais na sinatura de procedementos de catalogación e arquivado.