O camiño dixital das bibliotecas

As políticas de dixitalización documental en Galicia apostan pola converxencia con modelos internacionais

A pasada semana, representantes dalgunhas das máis importantes bibliotecas do mundo reuníanse na Cidade na Cultura no marco no I Encontro de Bibliotecas Dixitais. A iniciativa reflexionou durante dous días sobre os desafíos da dixitalización bibliográfica e documental, un proceso en acelerada implantación que promete revolucionar o noso acceso ao coñecemento. No noso país é a Biblioteca de Galicia a entidade que lidera este traballo. O seu director, Daniel Buján explícanos as tendencias que se están a seguir no campo e adiántanos o que será Galiciana, a futura Biblioteca Dixital Galega.

Hai xa anos que desde diferentes bibliotecas, arquivos, fundacións ou entidades se está a abordar, con maior ou menor fortuna e coherencia, a dixitalización de todo tipo de material con vistas a facilitar a súa consulta e estudo. Este proceso, combinado coas posibilidades de Internet supón unha auténtica revolución no acceso ao coñecemento que está aínda a dar os seus primeiros pasos. Desde comezos dos anos noventa, en que este proceso chegou ao noso país, ficou en evidencia a necesidade de coordinar e conseguir unha mínima coherencia nos métodos de dixitalización e de consulta. A Biblioteca de Galicia está a actuar nese sentido, apostando por estándares internacionais na descrición de documentos, os metadatos que permiten a recuperación e o emprego do material dixitalizado.

As prioridades
Canda a esta estandarización, o centro desenvolve tamén unha política á hora de verter documentos para os novoso formatos. Nese sentido, Buján explica que “mantemos parte das tradicionais prioridades, comezando pola prensa”. Isto débese, sobre todo “á súa capacidade informativa, á cantidade de títulos aínda pendentes de dixitalizar e mais polo risco de deterioramento”. A este material súmase tamén a atención crecente que reciben “novos materiais como as gravacións sonoras e audiovisuais, ou o material gráfico”, noutros tempos relegados a un segundo plano neste tipo de iniciativas fronte ao texto escrito. Fóra do propio material que se vai incorporando aos novos soportes, “a prioridade está a se pór nos procesos de descrición, tanto sobre material novo como sobre cousas xa previamente dixitalizadas”. Os coñecidos metadatos, que fan posible a recuperación da información dos máis diversos novos e que determinan se un documento dixitalizado é verdadeiramente útil e a súa información se pode recuperar con facilidade. “A evolución está a ser moi rápida e é prioritario adaptarse ás novas normativas e protocolos”, explica Buján.

Aposta polo internacional
Precisamente, encol desta evolución, o director da Biblioteca do Gaiás sinala que “aínda que evoluciona moi rapidamente, en liñas xerais é estable. Cada nova evolución trabállase sobre a anterior e non supón un inicio desde cero. O mesmo feito de se tratar de normativas internacionais nas que todos traballamos dálles estabilidade, porque non é tan sinxelo mudalas sen consenso, e cada vez que hai un cambio aplícase ao traballo anteriormente feito, o que dá maiores garantías e estabilidade a todo o proceso”, conclúe. O acordo xeral fai que moitas veces proxectos europeos adapten e desenvolvan iniciativas nadas por exemplo na Library of Congress estadounidense. Malia a que, como en moitos outros ámbitos das novas tecnoloxías, o noso país se incorporou aos procesos de dixitalización documental con certo atraso, e que a crise non está a axudar a nos pór ao día, o director da Biblioteca de Galicia asegura que en xeral o noso país está a seguir as liñas internacionais neste sentido. “Hai unha certa dilación, polo demais lóxica, pero en xeral as liñas coinciden”. A demora, no entanto fai que fique pendente unha inxente tarefa para situar en boas condicións os principais fitos da nosa cultura na rede.

A futura biblioteca
A grande aposta neste sentido, que se presentará proximamente é Galiciana ,a Biblioteca Dixital Galega que se integra no proxecto Europeana. Esta é a iniciativa da Unión Europea para pór en Internet o seu patrimonio documental. Museos e bibliotecas de toda a UE están a achegar os seus contidos a este web, que á súa vez integra bibliotecas dixitais estatais (como é Hipana) e mais de culturas sen estado propio como é a propia Galiciana. No futuro web galego poderán atoparse todo tipo de publicacións en liña, desde manuscritos a xornais ou libros completos, así como abondosas fotografías, mapas ou gravados, en todo o caso exhaustivamente catalogados e organizados. Aínda sen contarmos con cifras oficiais dos contidos que se poderán atopar na mesma e mais do tipo dos mesmos, Buján adiántanos que no proxecto “contamos con algo máis dun millón de imaxes. De feito hai máis, pero esas son as que están recolectadas por Hispana e polo tanto visibles desde Europeana. Estamos a ver a posibilidade de facilitar e leitura en e-readers a través dun portal específico para acceso a obras libres de deritos ou préstamo a través das bibliotecas dos que están sometidos a dereitos de propiedad”, explica. Malia a que esta plataforma resulta polo de agora pouco coñecida polo grande público fronte a propostas como a coñecida Google Books, Buján sinala que se trata “do modelo que se emprega en España e en Europa. A súa normativa ten validez internacional e tamén é asumida por outros contornos. Ademais, dános visibilidade e permítenos acceder a xudas, e trátase dun dos modelos máis estudados e con maior e máis clara visión de futuro”.

O futuro
Precisamente de cara a tempos vindeiros, o grande desafío “está sobre todo nos modelos de descrición e no seu desenvolvemento” antes do que en conseguir meter mais material ou facelo en menos tempo. “A cuestión é que ofrezcan maiores e mellores opcións de busca, e que posúan unha grande interoperatividade, para permitir o traballo entre diferentes sistemas. Os traballos para a integración linguística de Europeana e do seu Europeana Data Model (EDM) é un exemplo”. O traballo pendente, sen dúbida, é inmenso, pero fundamental para a incorporación da nosa cultura ás novas tecnoloxías e para a súa visibilización internacional.