Apuntamentos do natural

A medio camiño entre arte e ciencia, a ilustración da natureza conta cos bos representantes no noso país

Por moito que avance a técnica, e que sexa sinxelo e barato incluír fotografías en todo tipo de publicacións, existe un ámbito no que a ilustración mantén, desde hai séculos, a súa impronta. A ilustración da natureza amósanos, en guías, libros, paneis ou artigos científicos, tipos ideais que nos permiten identificar aves, setas, árbores e todo tipo de animais e plantas. Un traballo complexo e exhaustivo que, ao tempo, achega obras de indubidable beleza.

Hai xa anos que Calros Silvar é un referente indiscutido no noso país á hora de retratar elementos da natureza. O seu traballo en guías de campo como as de aves, mamíferos, cogumelos, fentos, libélulas ou árbores, entre outras, que son imprescindibles para calquera afeccionado á natureza do noso país. Canda a estas, ten publicado tamén traballos didácticos para nenos dedicados a campos como artrópodos, moluscos ou vexetais. Antón Taboada, pola súa banda, é un ilustrador que desembarcou recentemente neste ámbito. Desde hai uns meses traballa para o Departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago, ilustrando artigos para revistas científicas e recreando ilustracións antigas para unha publicación do CSIC sobre fauna ibérica.

Tipos ideais
Malia a amosar especies naturais, os ilustradores da natureza non amosan, polo xeral, o retrato dun individuo concreto en moitos dos seus traballos. “É o caso das guías de campo. Non fas o retrato dun exemplar determinado, porque pode ter características que non correspondan ao modelo ideal do bicho ou da planta en cuestión. Entón para unha guía tes que facer un compendio do que sería o ideal”. Isto implica a miúdo representar de diferentes xeitos un mesmo animal ou planta: vistas de fronte e de perfil, detalles de diferentes partes e todo tipo de recursos que procuran facilitar a identificación de especies concretas ou por de relevo peculiaridade do tipo retratado fronte a outros semellantes. A responsabilidade que implica este traballo fica claro se pensamos, por exemplo, na identificación de setas comestibles mediante unha destas obras. “Para isto o mellor é conseguir material o máis directo que se poida, pero en ocasións, con especies raras é difícil velas e hai que contar con material que achegan outros. Eu prefiro material directo”. Pola súa banda, Taboada apunta que, neste campo, “ás veces non é tan importante a representación fidedigna do animal como destacar determinadas características que serven para marcar as diferenzas entres especies”.

Campo e estudio
Entre as peculiaridades deste traballo, Silvar ten claro que o principal é o traballo de campo. “O traballo de estudio pode facelo calquera que domine as técnicas de ilustración, pero hai todo un proceso de campo, com son os bosquexos, que esixen un certo entrenamento. Cómpre ser rápido, ter certa técnica e contar con retentiva, xa que os animais non adoitan estar moi quedos. Esta información de primeira man é moi importante para despois realizar a arte final, o traballo de estudio”. Para alén das notas tiradas da realidade, os ilustradores contan con material extra para afinar ao máximo as súas representacións. “Contas con xente que te asesora, vas acumulando material propio, e logo podes contar con fotografías ou, no caso de plantas, con herbarios que teñen exemplares das distintas especies. En ocasións, a documentación pode levar máis do que o tempo no campo”, explica pola súa banda Taboada, que traballa en ocasións mesmo co apoio de fotografías tiradas mediante microscopio.

Exactitude
A necesidade de ser exhaustivos leva a que os ilustradores se enfronten tamén a erros e críticas. “As correccións son cousa case habitual”, explica desde a súa veteranía Silvar. “É un traballo moi técnico”, advirte Taboada. No entanto, queda espazo para a subxectividade. “O tema da cor, por exemplo, é moi relativo, cada quen o pode ollar diferente e é algo difícil de tratar. Logo si que hai detalles como a lonxitude dunha pata ou a curvatura dun pico nun paxaro que tamén pode haber que corrixilo. Cando levas moito tempo a traballar nalgo é sinxelo que che escapen detalles. No caso das guías hai moitos afeccionados, xente que coñece o tema e olla con lupa todo, entón cómpre ser moi rigoroso”.

Clásicos
Desde que a ilustración científica e da natureza comezou a se xeralizar cara ao século XVIII, as técnicas neste campo non mudaron moito. No de Taboada, advirte que a súa experiencia en traballo de gabinete céntrase en “tinta en branco e negro e un sombreado que se fai mediante punteado”. Fóra da oficina, “vese un pouco de todo, e mesmo hai quen se centra no emprego do ordenador, pero aínda hai moitas técnicas clásicas como a acuarela”. Do mesmo xeito Silvar salienta que esta é unha técnica moi habitual. “Resulta moi áxil de empregar no campo para bosquexos, e a miúdo tamén serve para arte final. Hai quen aposta polos acrílicos ou mesmo polo óleo. O ordenador eu emprégoo sobre todo para facer composicións con varias especies ou para preparar para a edición traballos feitos a man e escaneados”.

Formación específica
Encol da necesidade de contar con coñecementos de bioloxía, os dous consultados coinciden en sinalar que é algo que facilita o labor pero que non resulta necesariamente imprescindible. “Está ben ter certos coñecementos, pero eu mesmo non son biólogo. Obviamente resulta unha axuda importante”, sinala. Taboada pola súa banda, biólogo de formación, apunta que “non é imprescindible pero si dá certa facilidade. Sobre todo no meu caso facilita a comunicación coa persoa que che encarga o traballo”.

Arte e traballo
Malia á escasa marxe de creatividade que permite este tipo de ilustracións, Taboada considera que “é unha liña interesante, resulta unha fonte de traballo coa que non contaba, non pensei que houbese opcións e resulta que si existe un certo campo para se dedicar a isto”. A nivel de satisfacción, e dentro do amplo labor que realizou, Silvar recoñece a existencia de obras máis prezadas que outras. “En canto a resultado, gustoume moito como quedou a Guía de Mamíferos de Galicia. Logo houbo outras que resultaron un desafío polo complicado, como foron a de libélulas, a de algas ou a de fentos, son elementos que teñen moitos detalles e dan moito traballo”.

Galería: Ilustracións da natureza

Galería: Ilustracións da natureza

Arroaz real (Tursiops truncatus) e Golfiño riscado (Stenella coeruleoalba) Calros Silvar

Víbora de Seoane (Vipera seoanei)

Víbora de Seoane (Vipera seoanei)

Calros Silvar

Bocho de mar (Fucus spiralis)

Bocho de mar (Fucus spiralis)

Calros Silvar

Sobreira (Quercus suber)

Sobreira (Quercus suber)

Calros Silvar

Avelaiona (Strix aluco)

Avelaiona (Strix aluco)

Calros Silvar

Cantarela (Cantharellus cibarius)

Cantarela (Cantharellus cibarius)

Calros Silvar

Crecopia

Crecopia

Antón Taboada

Callicomus Riederei

Callicomus Riederei

Antón Taboada

Micrambe natalensis

Micrambe natalensis

Antón Taboada

Capa do libro <i>Cacaborro</i> de Xavier López Rodríguez

Capa do libro Cacaborro de Xavier López Rodríguez

Antón Taboada