Lugo presenta o programa Muralla Dixital

A iniciativa busca a posta en valor de patrimonio galego e portugués mediante as tecnoloxías da información

30/11/2011 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio

A aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación para a posta en valor do patrimonio histórico, e mais concretamente dos recintos amurallados de cidades de Galicia e do Norte de Portugal. Esta é a proposta do programa Muralla Dixital que se presentaba esta mañá no salón de actos do Centro de Empresas e Innovación de Lugo, liderado por este concello, conta coa presenza de Compostela, Valença, Monção e Melgaço. Entre as propostas da iniciativa está crear unha rede de cidades amuralladas, coordinando a presentación de contidos, a promoción e os procedementos de traballo entre os socios.

Que che parece esta nova?
26 lecturas 0 reaccións
Compartir:

A participación das novas tecnoloxías no proceso vertébrase na creación de contidos dixitais interactivos que recreen a planimetría, a paisaxe e mais a arquitectura das cidades que participan no proxecto, así como propostas para pantallas táctiles e multitáctiles. O proxecto no que están a traballar estas cidades inclúe tamén o envío de información mediante a tecnoloxía bluetooth e o emprego de códigos QR para achegar información aos visitantes.

Como resultado da implantación da iniciativa conseguiranse planimetrías en tres dimensións de todas as murallas implicadas e estudos sobre as mesmas, así como a dixitalización doutros bens patrimoniais. O programa conta co financiamento de fondos FEDER da Unión Europea e está integrado no Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, cun orzamento total de 1.883.800 euros, dos que o fondo FEDER achega 1.412.850.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Tecnoloxía, Lugo, Portugués, Portugal...