As investigacións nas Rías da Mariña descobren novos pecios

Localizáronse restos de afundimentos contemporáneos e rexistrouse un barco flamenco do século XVI

30/11/2011 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
33 lecturas | Compartido 0 veces

Prato de cerámica de Delf do século XVII

Un vapor de palas do século XIX descansa no fondo da Ría de Ribadeo, canda a unha nave inglesa ou holandesa do XVII. Nas proximidades da praia de Lago, en Xove, atópanse os restos dun barco flamengo do século XVI. Na Ría de Viveiro poden verse os restos da fragata Sta. María Magdalena e do que podería ser o bergantín Palomo, afundidos en 1810. A localización destes pecios son os principais resultados da última campaña de prospeccións de arqueoloxía mergulladas que desenvolveu a Xunta de Galicia na rías da Mariña lucense. Ademais dos xa mentados, os investigadores conseguiron referencias orais sobre a localización de seis pecios significativos no exterior da ría de Viveiro, coñecidos cos nomes de Liberty, Foral, Carrizo, Calagrán e Sairón.
O director xeral de Patrimonio Cultural, Xosé Manuel Rey Pichel presentou onte os resultados desta investigación, destacando o estado no que se atopa o navío flamengo, que non presenta síntomas de expolio e que semella máis soterrado do que en anteriores prospeccións, o que garante a súa mellor conservación. Os traballos, que se desenvolveron entre o 28 de setembro ao 17 de outubro comprenderon 4 xornadas de prospección xeofísica, que cubriron 600 hectáreas de superficie, e 10 xornadas de prospección de mergulladores. A iniciativa intégrase na realización do inventario do patrimonio cultural mergullado que xa deu a coñecer nos pasados meses restos semellantes nas rías de Vigo e Corcubión. Das inspeccións realizadas, retirouse material que podería ser obxecto de expolio para a súa conservación no Museo do Mar de Galicia. A maior parte do mesmo retirouse do pecio do século XVII da Ría da Ribadeo, onde se localizaron anforetas, pipas de caolín e unha pistola de arzón, entre outras. Nas proximidades atopáronse tamén materiais dun período comprendido entre a época medieval e a contemporánea.

Universo culturagalega.gal