O xoves, un de decembro, celébrase en Vigo o undécimo e derradeiro faladoiro do ciclo que lle dedicou a Álvaro Cunqueiro o Consello da Cultura Galega. Desta volta, o eixe do encontro será o traballo xornalístico deste autor. A Casa da Galega da Cultura acolle a partir das 20 horas o debate, no que participan o editor e xornalista Victor Freixanes, a profesora Dolores Vilavedra, o ensaísta e crítico Ramón Nicolás e o xornalista e conselleiro do Faro de Vigo, Ceferino de Blas. O faladoiro intégrase nos actos organizados con motivo do centenario do nacemento do mindoniense.