Inaugúrase o Museo de Arte Contemporánea de Vigo cunha mostra do grupo que creou en Galicia a arte contemporánea

Cárcere da arte

Foi un cárcere, símbolo da represión, do castigo, das constriccións, pero desde hoxe é un exemplo de liberdade, de creatividade e de imaxinación. O que foi durante anos a sede dos xulgados e do cárcere de Vigo convértese desde hoxe no novo Museo de Arte Contemporánea. O MARCO abre as súas portas cunha exposición sobre o seu cambio do museo e sobre a xeración que inaugurou a arte contemporánea en Galicia.

Cando hoxe se consuma a visita técnica e oficial, a cidade de Vigo pasará unha páxina na súa historia. Acaba de dar un paso máis e un apoio definitivo nun interese por constituírse en un lugar de parada e non de paso da arte. Coa apertura do Marco a cidade de Vigo vaise convertendo en referente cultural. A casa das Palabras, aínda en proxecto, o acabado de inaugurar museo do Mar, a remodelación e o cambio de orientación do teatro Fraga e, en vías de construcción, a sede olívica da Fundación Barrié converten a Vigo en referencia obrigada. Toda unha nova oferta que se suma á xa existente: o pazo Quiñones de León e a Casa das Artes. Pero Vigo precisaba ter un espacio que levase ó mundo da arte o que xa tiñan iniciado noutros campos, é dicir, trasladar ó mundo creativo realidades como ser a cidade máis nova e industrializada de Galicia. E decidiron facerse un oco na fachada da arte atlántica que comezaba en Santiago no Centro Galego de Arte Contemporánea e remata no Museo Serralves de Porto. E o resultado foi o MARCO.



A xestación


A idea do Marco non é nova, o proxecto acariñouse na década dos noventa e foise amasando pouco a pouco en xornadas de debate e pequenos foros de análise. Pero as circunstancias non sopraron a favor ata decembro de 2000 cando o proxecto foi tomando corpo, visibilizouse e deuse a coñecer á opinión pública. Desde entón os prazos fóronse apurando ata dar lugar á presentación técnica de hoxe, aínda que o Museo non se regulariza como tal ata o venres que é cando abre as súas portas ó público. Un museo que nace como iniciativa do Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Caixanova.



O Marco constitúe en si mesmo toda unha obra de arte asentándose nun dos vértices do Vigo cultural, artístico e social. A remodelación dos antigos xulgados e cárcere municipal (construídos arredor do 1880) sitos na céntrica rúa Príncipe constitúe un exemplo de meta-arte, é dicir, en si mesmo é unha obra de arte. O seu proceso de remodelación encargado a unha equipa formada por Quijada, Fraga e Portolés, recrea unha estructura panóptica moi efectista, o que quere dicir que toda a súa estructura interior se pode ver desde un único punto. Non en van toda esta mutación e transformación do concepto e uso do edificio dá orixe a una das primeira mostras coas que abre o museo “Cardinales”. Comisariada por Bartomeu Marí e Dirk Snauwert recrea o cambio arquitectónico para dar conta do novo uso do edificio e dos conceptos de museo e de espacio de exhibición e liberdade. Unha mostra de carácter internacional que xunto cunha homenaxe á xeración “Atlántica” serven para inaugurar este novo centro.



Con Atlántica réndeselle unha homenaxe dobre ó proxecto deste Museo que é o de fomentar e divulgar a arte contemporánea (as produccións artísticas máis recentes) e establecer unhas liñas de investigación e recuperación de movementos históricas. E Atlántica cumpre estes requisitos. Por unha banda porque o movemento de “Atlántica” foi o dun colectivo de artistas e intelectuais unidos por unha vontade común de renovación, que traballaban cun enfoque creativo radicalmente innovador e integrador co resto do mundo. E polo outro porque, segundo a directora do museo Carlota Alvarez Bassó, “é unha exposición que estivemos investigando en arquivos privados de coleccionistas e de particulares desde hai un ano”.



Aínda que a programación do museo pechada para o ano 2003, existen lagoas conforme a proxecto museístico que é. De feito, a directora do museo, escollida por concurso de méritos, clarifica que “primeiro teremos que existir, e logo xa comezaremos a desenvolver os proxectos”. O museo presentarase ó público cos únicos cadros que mercou en ARCO este mes de febreiro cando se presentou oficialmente ó público. Logo de anunciarse que os fondos do Quiñones de León pasarían ó novo museo, desmentido a escasas catro semanas da inauguración, o MARCO abre as súas portas entre a dicotomía de centro de arte e de museo, é dicir, entre producción e exposición. Carlota Álvarez é clara ó respecto “fundamentalmente os primeiros anos traballará como centro de arte, porque o que queremos é crear unha dinámica e crear unha liña de programación que invite ós cidadáns ir ó museo e crear un hábito. E así pouco a pouco faremos unha colección que ata dentro de catro ou cinco anos non se poderá desenvolver ese corpo expositivo”.



E nese interese de educar ós cidadáns unha política de prezos reducida (que van desde 1 ata 3 euros), programas específicos de pedagoxía museística dirixidos a nenos e familias para fines de semana.

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Fachada principal do Marco

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Detalle da rehabilitación interior do edificio

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Exemplo da reconstrucción do edificio mantendo unha estructura panóptica

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Escultura de Francisco Leiro que se pode contemplar no Marco dentro da exposición "Atlántica"
Parella, 1983

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Obra de Langlands & Bell

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Galería: Exteriores e interiores do novo museo

Guillermo Monroy (1954-1982)
Maceta, 1982
Testo