Ideas que paga a pena difundir

O TEDxGalicia celébrase este venres 25 na Facultade de CC. da Comunicación da USC

Belén Varela. Foto: TEDxGalicia
Belén Varela. Foto: TEDxGalicia
Só 18 minutos para contar unha historia “inspiradora”. Un auditorio heteroxéneo. E uns relatores do máis heterodoxo: desde científicos, xornalistas, produtores audiovisuais, cociñeiros, gandeiras, psicólogos, xenetistas ata matemáticos, filósofas, empresarios e mesmo frades. Todos eles comparten unha xornada preparada tanto para o público local como para a súa posterior audiencia internacional. É o TEDxGalicia.

O TEDxGalicia é un formato que ten orixes internacionais. En realidade, a súa matriz, o TED, naceu en 1984 dentro do ambiente liberal e creativo da California da época, buscando reunir xuntas a persoas de tres disciplinas: tecnoloxía, entretemento e deseño (Technology, Entertainment, Design) para compartir ideas. Co tempo, a idea orixinal de TED expandiuse cara unha corporación sen ánimo de lucro que organiza dúas grandes conferencias anuais en California e Escocia, edita libros e, sobre todo, dispón dunha das plataformas de vídeos máis visitadas do mundo, consumidos por todo tipo de público que quere acceder a conferencias breves, de 18 minutos, concebidas para aprender cousas novas ou facer reflexionar.

Este ano celébrase a segunda edición do TEDxGalicia o 25 de novembro. É un proxecto coordinado por Marcos Pérez Gulín coa colaboración da Fundación Galicia Sustentable, Grandiant, Sustiner, Tecnópole e Netbiblo. Unha das claves para entender os TEDs é que se trata dunha cesión da marca, ou da franquicia, a terceiras partes que comparten a filosofía dos fundadores”. Os novos eventos creados deste xeito chámanse TEDx –con x- e reciben logotipos e imaxe corporativa por parte do TED, e tamén remiten os vídeos gravados nas conferencias para que figuren no repositorio global de TED. “Está deseñado para dar a comunidades, organizacións e individuos a oportunidade de estimular o diálogo a través de experiencias TED no nivel local”. Os eventos TED están planificados de xeito totalmente independente á matriz.

A nova edición do TEDxGalicia celebrarase na Facultade de CC. da Comunicación e acollerá baixo unha temática aberta: “Sinxelas aproximacións a unha realidade complexa” a participación de 21 destacados ponentes, como Güintervan, Emma Lustres, Kiko Pastor, Flavio Morganti, Patrick Berry, Manuel Gago, Antonio Salas, Daniel Álvarez, Marta Álvarez o Manuel Borbio, entre outros. Son profesionais de diferentes áreas e disciplinas que orbitan desde as ciencias naturais ata as sociais e a creatividade persoal. Cada ponente dispón só de 18 minutos para transmitir a súa mensaxe e o congreso concíbese case desde un punto de vista televisivo, cunha realización audiovisual pensada para o posterior consumo separado das conferencias na gran base de datos internacional do TED. A clave do éxito do TED é o networking, a oportunidade de facer contactos no ambiente xeral de intercambio do TED.

Aínda que o evento ten orixe estadounidense, os TEDx tentan construírse desde a experiencia e proxectos locais. Deste xeito, este ano houbo o 11 de novembro un TEDx na USC, e haberá TECs (unha variante dos TED) no ámbito rural (Lalín, en novembro) e litoral (Cee, en decembro). Todos constrúense ao redor do lema central da organización: “ideas que paga a pena difundir”.