O Culturgal das medras

A Feira das Industrias Culturais pretende consolidarse como punto permanente de unión do sector

Juan Carlos Fasero, Anxos Riveiros, Miguel Amigo e Sergio Lago na presentación do Culturgal 2011
Juan Carlos Fasero, Anxos Riveiros, Miguel Amigo e Sergio Lago na presentación do Culturgal 2011
Culturgal, a Feira das Industrias Culturais Galega, chega á súa cuarta edición. Pontevedra acolle un evento que, logo de diferentes mudanzas e orientacións, semella ter atopado o seu oco. Baixo a dirección de Sergio Lago, o proxecto enfronta agora a súa expansión como punto de encontro dos diferentes axentes do sector da cultura e que aposta por chegar para alén da cita anual.

Actividades na rúa, un foro temático, ou a maior presenza das novas tecnoloxías e das artes escénicas son algunhas das novidades que atopará quen se achegue os vindeiros días 2, 3 e 4 de decembro a Pontevedra ver o Culturgal. Segundo explica Sergio Lago, director da cita, “tentamos que a feira teña unha programación máis plural, dándolle máis importancia ás propostas transversais de colaboración entre distintos sectores. Este ano entrou con moita forza o sector das artes escénicas e queremos tamén visibilizar de xeito especial as propostas relacionadas coas novas tecnoloxías, Asociacións como Eganet fan parte da feira e terán un papel importante na difusión deste sector”, lembra, “aínda que se manteñen moi fortes a música e o sector editorial “. Outra das grandes novidades do evento é a apertura das actividades para alén do Recinto Feiral da Cidade do Lérez. O Teatro Principal, a Praza da Verdura, a Sala Karma ou o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais acollerán a programación nocturna do evento. “Queremos levar o espírito de Culturgal á cidade”, explica o directo, e para isto contarán con formacións como Malvela, o Cuarteto Caramuxo, Mercedes Peón, Davide Salvado, Os da Ría ou Niño y Pistola entre outros.

A hora do debate
A outra grande vertente pola que aposta o proxecto é por afianzar a súa posición como punto de debate transversal das diferentes industrias culturais do país. O Foro Culturgal, centrado desta volta na crise económica e na pegada das novas tecnoloxías nestes ámbitos, integra diferentes foros que se desenvolvían anteriormente no evento. “Quixemos integrar estas actividades para tratar temáticas transversais que afectan a todos, como é o financiamento de proxectos, o novo xeito de desenvolver iniciativas, a visibilización a través das redes e as novas canles de contidos dixitais. Estes son temas que afectan a todos, desde a música e as artes escénicas ao libro e ao audiovisual e que amosan a converxencia que se está a dar, tan a nivel de retos como de solucións”.

Aposta privada
Chama a atención como un proxecto promovido nun comezo desde a administración pública conseguiu un alto grado de independencia da mesma. A crise que se produciu en 2009, cando a falta de apoio impediu a celebración da edición desta feira foi aproveitado para desenvolver unha fórmula na que as industrias culturais galegas reclamaron o seu protagonismo e cargaron coa organización, artellando a Asociación Cultural. Dun proxecto abanderado pola Asociación de Editores pasouse a unha iniciativa na que teñen un peso crecente o audiovisual, a música, as novas tecnoloxías ou as empresas de xestión de cultural, tanto á hora de achegar propostas como de ocupar postos no propio evento. Os resultados do pasado ano, con aproximadamente 11.000 visitantes e arredor de setenta expositores afianzaron a proposta no medio da crise, e a elección de Sergio Lago para a dirección do evento, logo dun proceso de selección pública, acabou de dar o pulo co que a cita se convoca nesta cuarta edición. Sorprende aínda máis a capacidade de iniciativa que está a amosar a nosa industria cultural precisamente nun momento de aguda crise económica no que o apoio público a este ámbito está a ser un dos máis perxudicados no noso país. “O sector semella que aposta por se achegar ao público, que ao final é o seu cliente principal”, explica o director. “Como proxecto as ideas están bastante claras, hai un grande consenso arredor e agardamos ver os resultados de cara ao vindeiro ano”, apunta Lago. No entanto recoñece que “vivimos un momento moi complicado. As industrias teñen moita frontes abertas, e a cuestión económica será importante para o futuro”.

Consolidación
Malia a crise, o director sinala que o evento incrementou o número de postos e de profesionais e que conseguiu ampliar as súas propostas de programación e debate. “Penso que esta é a cita de consolidación. Por unha banda, para a Asociación Culturgal como proxecto común do sector, e pola outra para a feira como escaparate da produción cultural galega”, sinala Lago. De cara á nova edición apunta que desde a organización “temos moita ilusión. Pensamos que se fixo un bo traballo e que tanto asociacións como entidades participantes achegan moitas propostas e actividades. Vai ser un grande esforzo colectivo, pero queda moito por traballar”. Un total de 130 actividades, trinta máis que no pasado ano, e setenta postos compoñen o groso dun evento no que están acreditados 130 profesionais. Para alén, incrementouse tamén o número de entidades que colaboran na organización, tanto pública como privado, e reforzouse de xeito especial a colaboración con centros de ensino. Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga, Teresa Cuíñas, Manuel Rivas, José Luis Cuerda, Domingo Villar, Xulia Alonso, Riveiro Coello, María Xosé Queizán, Carlos Callón ou Uxía son algúns dos nomes que participarán nas conversas públicas que se desenvolven no evento, para alén da ampla programación de actividades para todos os públicos. 

Visibilidade e mercado
A visibilidade está a se revelar como o eixe fundamental que move o encontro. Nun momento no que a viabilidade comercial de actividades como as feiras do libro está en entredito, a consolidación dunha feira na que se mesturan diferentes produtos culturais, vencellados pola súa creación no noso país, pode sorprender. “Construír unha feira como esta é bastante complexa, non existen moitos referentes de eventos transversais semellantes”. E é que Culturgal toca moitos paos, desde os espectáculos e actividades, á súa función como punto de venda e mais como espazo de encontro e de debate para o sector. Lago recoñece que “hai unha vocación de utilidade para os profesionais e logo búscase lograr unha visibilidade de cara ao público como obxectivo principal, e isto é algo que tamén vai ligado ao comercial. Nese sentido buscamos facer un evento atractivo, pensamos que canta máis xente veña, máis mercará. Este ano creamos un punto de venda común para que lle sexa máis cómodo ao público acceder ás principais referencias para o Nadal”.

Despois da feira
Para alén das propostas concretas para esta edición, Culturgal aspira a se consolidar como punto de referencia a nivel galego. “Pode actuar como elemento vertebrador da propia industria. Existen foros sectoriais pero tentamos servir un pouco como punto de encontro”, asegura. “O groso da programación é na propia feira, pero estamos a participar en iniciativas que van para alén deste evento”. Logo da feira, a Asociación Culturgal enfróntase e a outro reto organizativo inmediato. “Xusto ao rematar a feira, de feito no día 4 de decembro, Culturgal coordina a presenza galega na Feira do Libro e do Disco de Durango, que é un referente e na que o noso país é a cultura convidada deste ano”. Malia a isto, a organización e representacións deste tipo non é dos principais eixes de traballo da entidade. “A representación en feiras adoita ser máis sectoriais, e tanto as diferentes asociacións culturais ou as administracións están a cumprir con ese traballo”. En xeral, a intención é continuar traballando como unha iniciativa de visibilidade para a cultura do país. “Tentamos que o espazo de debate que comezamos poida ter continuidade e que Culturgal poida ser un axente interlocutor que aglutina diferentes sectores”.
Programa completo do Culturgal 2011.