Suso de Toro: "Se quixese retratar hoxe o meu país non o faría mellor"

Repasamos o impacto de Polaroid nos 25 anos desta obra

O escritor Suso de Toro. Foto: Tino Viz.
O escritor Suso de Toro. Foto: Tino Viz.
Hai xa un cuarto de século a segunda obra dun escritor novo revolucionaba a crítica e a narrativa galega. Polaroid de Suso de Toro, constituíu un fito na renovación das nosas letras e marcou xeracións de lectores que accederon ao título a través das lecturas dos institutos. A conmemorar os 25 anos da edición desta obra, Xerais organizou, o pasado xoves, un acto literario en Compostela. Analizamos a pegada e a vixencia desta obra co seu autor.

Polaroid foi no seu día un choque na nosa literatura. Segundo lembraba Dolores Vilavedra a analizar os fitos das nosas letras de finais do século XX, "foi un revulsivo que obrigou a cuestionar o que é a novela e a literatura. En certo xeito marca un punto de inflexión e amosa a herdanza das posmodernidade nas nosas letras". Para mais, o feito de que un libro tal chegase aos centros de ensino como lectura recomendada "provocou protestas de Asociacións de Pais, considerábase inmoral". O feito de lograr o Premio da Crítica en 1987 non fixo máis do que incrementar o eco da obra. Textos como o Manifesto Kamikaze ou Galicia, esa merda coa súa chamada a facer croquetas coa momia de Castelao ou a derrubar a casa de Rosalía de Castro continúan a ser citados e lembrados a día de hoxe.

A definición
O texto de presentación da editorial deixa claro o espírito rupturista da obra ao tempo que a dificultade para a definir: "Polaroid é un libro de narracións que enlaza tanto coa cultura underground dos anos setenta como co tempo da cultura pop, da produción de obxectos industriais de consumo en serie, do tempo dos medios de comunicación audiovisuais e da cultura da música pop anglosaxona. Mais tamén é un libro que trata das linguaxes, da lingua e os seus diversos niveis e usos; que xoga e experimenta coa linguaxe narrativa; que ironiza sobre a literatura e as súas retóricas; que utiliza, a partir da oralidade, todo tipo de materiais atopados, creados, manipulados para facer literatura… ". Fotografías, supostas cartas de lectores, Manuel Fraga como un personaxe de ficción... as apostas arriscadas sucedíanse nunha obra que resultou fundamental no posterior desenvolvemento da carreira literaria do seu autor, así como das letras galegas en xeral.

Vendas e institutos
A pegada da obra da sociedade galega non se podería entender sen a súa presenza como lectura recomendada nos centros do ensino do noso país. Milleiros de estudantes de secundaria achegáronse a Suso de Toro e á narración contemporánea na nosa lingua. Segundo lembra Manuel Bragado, actual director de Xerais, "foi o que nos abriu un novo publico para a literatura galega, permitiu renovar unha oferta para os centros escolares que era moi reducida e moi vencellada coa literatura galega dos anos 60 e 70 e pola outra abrir un revulsivo, unha patada no estómago a moitísimos lectores e amosar que era posible que en galego existise unha literatura rabiosamente contemporánea. Eu mesmo fago parte daquela xeracíon de novos lectores que se incorporou á literatura galega con este libro". A obra tivo tamén a súa importancia para o desenvolvemento de Edicións Xerais, segundo lembra Bragado, "foi, con Crime en Compostela, un dos dous títulos sobre os que se alicerzou a colección Narrativa", lembra. Desde a súa publicación, a obra viu 7 edicións na colección Narrativa e unha edición máis na colección "25 aniversario de Xerais", cun total de 16.700 exemplares vendidos. O libro segue vivo no catálogo de Xerais cunha edición revisada polo autor en 2004 e outra en 2006.

Suso de Toro sitúa a obra no marco dunha tendencia narrativa que deliberadamente quería rachar e ser incómoda.

¿Que sería de Suso de Toro sen Polaroid?
Pois non o sei. A obra era parte central do discurso co que arrincaba eu. Comezara con Caixón desastre que me premiaran no 83. Con Polaroid puiden formular mellor o que quería expresar. A anterior fora unha publicación institucional que funcionou moi ben, aínda que tiña unha tiraxe limitada de mil exemplares. Eu quería artellar algo mellor, e foi posible ao atopar a Luís Mariñas, de Edicións Xerais, que me permitiu facer unha obra como eu quería. Entón non podo imaxinar outra cousa. Aquel era o proxecto literario daquela época da miña vida, que continuei logo en Tic-tac.

¿Foi unha sorpresa que aparecese recomendada nos centros de ensino?
Foi, foi. Eu tiña claro que era un libro que nacía de min mesmo. E eu tiña unha formación basicamente no canon da literatura moderna en inglés, francés ou castelán, e tamén incorporei conscientemente referencias propias da miña xeración, que xa incluían a cultura propia dos medios de comunicación. Aínda que a miña primeira infancia foi sen televisión, fun crecendo con ela, e estaba a radio, os xornais, as revistas ou a música pop e en inglés. E iso non era só unha moda, era tamén unha linguaxe que quixen incorporar. Realicei en Polaroid unha fusión consciente e poida que aí estea o que é estritamente novidade. Polo resto é unha obra litearira que se le como tal, que che entretén.

¿Ata que punto foi unha aposta consciente por renovar na narrativa?
Fun afortunado porque había unha tarefa por facer. A cultura estaba dominada por un certo doctrinarismo ou catecismo nacionalista moi pío e moi de cartón pedra. E pola outra banda, a cultura funcionaba como botafumeiro dun poder moi conservador e moi reaccionario, que era o que estaba naquel momento na Xunta. E isto insatisfacíame polas dúas bandas. Entón a obra conscientemente estableceu unha dialéctica coas ideas dominantes naquel momento, e custionaba tamén as estéticas correspondentes. Hai unha parte do libro, un ciclo de oito textos chamado Apoteose do churrasco que é un retrato duro do meu país, no que conscientemente cuestionaba por unha banda a imaxe de vítima que cultivaba o nacionalismo como ao tempo tamén ese poder novo dunha dereita que estaba a se lexitimar e asentar pero que para min era unha cadea que se lle botaba ao pescozo ao país. Entón é un libro que realmente ten unha parte de belixerancia estética, ideolóxica e tamén política. E resultáballe incómodo a xente dun lado e doutro e agora vexo que iso foi parte do seu éxito.

¿Lembra algunha crítica que lle chamase especialmente a atención?
Houbo unha moi positiva que escribiu un crítico desde Barcelona, Xesús González Gómez, que saudou Polaroid como a novidade necesaria na literatura galega. El era moi crítico co que se publicaba daquela e saudou estrondosamente a chegada da obra. Para mín foi moi importante porque eu non coñecía ninguén, andaba fóra dos circuítos onde se movían os axentes da literatura, profesores ou escritores, e tampouco ninguén me coñecía persoalmente. Entón iso resultoume moi positivo, porque tampouco tiña padriños que apoisen a obra. E logo houbo outra crítica moi interesante e significativa, que fixeron dous profesores da Universidade da Coruña de Literatura Galega que saíron ao paso do libro cun artigo estenso na revista Luzes de Galicia e o que viñan dicir era que en realidade Polaroid non eran tan novo nin tan moderno, e que iso todo xa estaba inventado. Eu contesteilles no seguinte número cun artigo bastante reflexivo. Pero para min foi significativo atopar profesores de literatura galega que seguramente tiñan a súa idea sobre a literatura galega e se viron na necesidade de lle saír ao paso ao libro. Entón eu dixen "algo pasa" para que esta xente teñan a necesidade de saír publicamente. Poucas veces alguén se pon a escribir contra un libro para dicir que non é tan interesante como cre a xente, para desmentir os lectores.

¿Ata que punto pensa que ten vixencia o libro?
Agora vexo as cousas desde fóra. Achegueime ao libro e ao meu xeito de ver está perfectamente vivo. Non mudaría nada. En primeiro lugar porque é un libro deliberadamente imperfecto e non admite que se lle limen cousas, iso é parte da súa estética. É un libro que ten algo de xesto, entón non lle podo tocar nada. E por outra banda vexo que está vivo. E aínda máis, o discurso ideolóxico que está na Apoteose do churrasco asínoo hoxe. A visión do país que está aí segue a ser perfectamente válida para min. Se o quixese retratar hoxe non o faría mellor.

Cubertas dalgunhas edicións de Polaroid

Cubertas dalgunhas edicións de Polaroid

Tras Polaroid, un texto de Suso de Toro.