O Camiño que mudou o país

Os vinte anos de traballo da SA de Xestión do Plan Xacobeo marcaron o desenvolvemento da nosa cultura

Hai vinte anos chegaban peregrinando a Galicia 7.000 persoas no ano. En 2010 foron 274.000. Este é só un dos datos que amosa a importancia que o fenómeno Xacobeo tivo para o noso país ao longo das dúas últimas décadas. Canda ao turismo, arredor deste proxecto artelláronse ambiciosos programas de restauración de patrimonio e de dinamización cultural. Agora, unha exposición en Compostela fai repaso deste traballo.

Remata unha época. Logo de vivirmos catro anos santos nun período relativamente curto de tempo (1993, 1999, 2004 e 2010), haberá que agardar ata o vindeiro 2024 para que Día de Santiago coincida en domingo. A coincidir con este fin de ciclo e mais co vixésimo aniversario da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, unha exposición en Compostela repasa as actuacións que se viñeron desenvolvendo ao abeiro desta ruta, achegando cifras e unha visión xeral do que supuxo este fenómeno. A mostra está en marcha en San Martiño Pinario ata o vindeiro 23 de decembro.
Se imos atrás no tempo, situámonos en 1991. Os marcoproxectos das Olimpiadas de Barcelona e da Exposición Universal de Sevilla preséntanse como grandes oportunidades económicas a nivel estatal. En Galicia, bota a andar, con muito menos fastos, unha empresa pública que pretende dinamizar o fenómeno do Camiño de Santiago para facer do noso país un destino turístico destacado. Malia a este intenso traballo, non é sinxelo atopar na rede un resumo axeitado da actividade destas dúas décadas de actividade. Deste xeito, a exposición agora en marcha supón unha oportunidade fundamental para coñecer mellor o que deu de si todo este traballo, con curiosidades como a abondosa mercadotecnia coa figura do Pelegrín, mascota durante anos do programa, ou co efémero logo co que se dotou a sociedade durante a etapa do bipartito na Xunta.

O turismo
Non cabe dúbida que o aproveitamento turístico e económico deste importante ben cultural, Patrimonio da Humanidade desde 1993, foi un dos eixes cos que naceu o proxecto. Segundo explica Franciso Singul, comisario da exposición, “hai cousas moi evidentes da accion do Xacobeo neste tempo. Para comezar o incremento espectácular do número de peregrinos, que pasou de 7.000 a uns 180.000 neste 2011, con picos como os 274.000 do Ano Santo pasado. E isto contando só os que gañaron a Compostela” a facer máis de cen quilómetros de roteiro a andar ou algo máis en bicicleta ou cabalo. “Canda a isto hai moitos milleiros de turistas, e esa mellora da acollida de Galicia ao turismo tanto estatal como estranxeiro paréceme unha mellora a destacar”. Para acadar estes resultados, o Xacobeo buscou converterse nunha auténtica marca internacional de Galicia, participando en todo tipo de eventos, como as exposicións internacionais e universais que transcorreron nestas dúas décadas, e organizando un total 1.150 actos de promoción en todo o mundo, para alén de facer parte de todo tipo de feiras turísticas internacionais.

Identidade
Canda ao factor turístico, Singul destaca a pegada cultural que o Xacobeo está a deixar no país, incorporando o Camiño de Santiago como un elemento fundamental e definitorio do noso imaxinario social, logo de anos nos que a súa importancia ficara diminuída. Segundo explica, “o labor do Xacobeo destaca no sentido identitario. É un prestixio para Galicia ser o final dos camiños de peregrinación e contar co primeiro Itinerario Cultural Europeo que ademais é Patrimonio da Humanidade, é algo importantísimo para a historia de Europa e de Occidente”. Unha boa mostra do esforzo que se fixo neste tempo por incrementar a pegada do Camiño na sociedade galega e nos visitantes foi a creación dos 10 espazos dedicados de xeito permanente a este fenómeno. Así atopamos centros de interpretación, como o da Ruta Norte, en Mondoñedo, ou o do Camiño Primitivo en Lugo, coleccións visitables ou museos dedicados ás rutas de peregrinación.

Recuperación histórica
Precisamente unha das grandes áreas de traballo do Xacobeo foi a recuperación da nosa historia mediante motras e publicacións. “Fixemos moitas exposicións retrospectivas de síntese histórica como a de Xelmírez do pasado ano”, lembra Singul. Canda a esta, atopamos proxectos como o ciclo Galicia, Terra Única, que levou mostras de carácter histórico por diferentes localidades do país ao longo de 1997, Santiago Al-Andalus, Rudesindus dedicada a San Rosendo, dez anos despois, as vencelladas á capitalidade cultural de Santiago no ano 2000 ou a súa participación nas diferentes iniciativas de celebración dos 800 anos da Catedral. En total foron 110 as mostras que se contan neste período, moitas delas fóra de Galicia. De xeito paralelo, desenvolveuse un intenso traballo de investigación que se revela na forma dos 460 congresos, xornadas e encontros científicos que a S.A. organizou ou patrocinou.Segundo apunta o comisario “Durante todos estes anos preocupámonos de facer moitas publicacións, tanto a nivel divulgativos, como folletos, carteis ou pezas para feiras como investigacións, monografías, publicacións ou catálogos, houbo moita produción bibliográfica”, lembra Singul. Deste xeito, un total 215 guías, estudos e libros de divulgación viron a luz, e distribuíronse un total de 66 millóns de exemplares, incluíndo folletos. Entre estes atópanse desde guía turísticas ata libros de arte e publicacións altamente especializadas, que viron a luz da man desta entidade.

Restauración patrimonial
A recuperación e investigacións das rutas que levan a Compostela foi unha das prioridades para o Xacobeo. Deste xeito, sinalizáronse e acondicionáronse oito rutas (recentemente ampliadas a dez), cun total de 1.300 quilómetros, segundo esta entidade, e constríuse unha importante rede de albergues que recolle na actualidade 73 establecementos repartidos entre os diferentes camiños, a maior parte deles de carácter público. “Os propios albergues ás veces poden ser modestas escolas rurais, pero outras foron importantes edificios históricos que houbo que restaurar”, explica. Deste xeito, canda ao traballo nos Camiños, a Sociedade tamén tivo un papel destacado na restauración de elementos patrimoniais no noso país, sendo un dos principais actores neste campo en Galicia xunto ás intervencións promovidas desde a Consellaría de Cultura e polo 1% cultural do Ministerio de Fomento. Igrexas como a de Santa María do Cebreiro, Santiago de Triacastela, o órgano da catedral de Tui, o museo arte sacra de Santa María de Sar e mais o da Catedral de Mondoñedo, o hospital de peregrinos de Ribadiso, a Casa forte de Lusío (Samos) ou mesmo o poboado castrexo de Castromaior son algúns dos bens que se recuperaron ou foron impulsados ao abeiro deste programa. En total, a exposición cifra en 140 as actuacións deste tipo que se abordaron ao longo das últimas décadas, incluíndo aquelas que afectaron a contornos naturais e urbanos dos camiños. Canda a isto, abordouse tamén a reorganización de exposicións como as que manteñen en San Martiño Pinario ou San Paio de Antealtares.

Arte
Canda aos grandes eventos e obras, a exposición lembra de xeito especial a atención á creación artística vencellada ao Camiño ou promovida desde o Xacobeo. Deste xeito, ocupa unha boa parte do espazo unha mostra das ilustracións de Francisco Leiro para a edición en galego desta obra que se promoveu desde a Sociedade. Canda a isto, faise un repaso de pezas de autores como Berta Cáccamo, Xosé Freixanes, Antón Lamazares, Antón García Patiño, Paco Pestana ou Buciños, incluíndo un grupo de pezas orixinais da colección de arte contemporánea que foi reunindo a S.A. de Xestión neste tempo. Tamén se lle presta unha especial atención ás producións audiovisuais vencelladas ao Camiño, como é o recente filme The Way, o documental Os Camiños da Concordia ou a curtametraxe O fillo do trono. Para alén do traballo de restauración e promoción directamente turística, o Xacobeo tivo un impacto fundamental na oferta de exposicións, espectáculos e concertos nas últimas dúas décadas. “A nivel promocional en xeral traballouse para reforzar a oferta cultural, o que foi importante tanto para Compostela como para Galicia”, lembra Singul. Via Stellae, Xacobeo Classics, Galicia importa, o propio Galicia terra única ou macroconcertos de figuras internacionais atoparon agocho baixo a marca da vieira.

Futuro
Malia ao que mudou a situación do país neste tempo, para Singul “a orientación desde o comezo do Xacobeo segue a ser a mesma. Basicamente trátase de coidar a rutas, coidar a rede de albergues en todos os camiños e logo traballar moito a promoción internacional, en colaboración con universidades e entidades como Amigos do Camiño, a diversos niveis”. Malia a que imos ter que agardar para vermos outro Xacobeo, a Sociedade de Xestión non vai cesar na súa actividade. Para comezar, está en marcha a súa integración no novo organismo único para a promoción turística do país. Será deste este novo organismo que desenvolverá os seus primeiros proxectos. “Agora continuaremos traballando con vistas ao 2021, pero antes hai moito que facer. Hai que continuar coidando e delimitandos ben os camiños. Acabamos de recoñecer os Camiño Portugués da Costa e mais o Camiño de Inverno”, que aínda precisan albergues e sinalización axeitada. Canda a isto, non faltarán tampouco celebracións nas que ha participar a SA. “A nivel promocional hai fitos importantes cada poucos anos. Xa o vindeiro ano son 25 anos da declaración do Camiño como primeiro Itinerario Cultural Europeo, e en 2014 cúmprese o oitavo centenario da peregrinaxe de San Francisco de Asis. Son fitos a desenvolver no futuro, cousas coas que se pode traballar a curto ou medio prazo. Sempre hai elementos para destacar e reforzar de xeito significativo”.