O flamante Premio Xerais 2011 de novela, Xavier Queipo, presentará hoxe ás 20,15 horas a edición da súa obra gañadora Extramunde nun acto cheo de espectacularidade. O escritor, nado en Santiago e residente en Bruxelas por motivos profesionais, preparou para esta presentación no Centro Galego de Arte Contemporánea o espectáculo O embigo do mundo / L´ombelico del mondo que fará un percorrido pola súa traxectoria literaria. O autor conta coa colaboración de terceiros como o editor Manuel Bragado, o dramaturgo e actor Quico Cadaval e a bailarina e coreógrafa Olga Cameselle para levar a cabo este espectáculo que el considera “unha reafirmación persoal, un percorrido por unha traxectoria que se proxecta agora nesta novela, Extramunde, que hoxe celebramos”. En O embigo do mundo Manolo Bragado glosará en breves palabras a súa experiencia como lector de Extramunde, a seguir, Quico Cadaval recollerá as esencias que encontrou en O ladrón de esperma e Papaventos; Olga Cameselle dará vida a Dragona, femia tráxica e feliz e para rematar, o Colectivo Riolagares (MisterChoco e o mesmo Xavier Queipo) presentará unha mestura de textos, imaxes e música que recolla o conxunto do traballo literario do autor, con Galicia e o galego como puntos cardinais.