O traballo e as achegas voluntarias sosteñen desde hai vintecinco anos o principal museo antropolóxico de Galicia

O Pobo do Museo

Fundouse polo amor á cultura duns poucos. Medrou mediante doazóns desinteresadas de fondos. Mantense en grande medida gracias ás achegas económicas de socios e patróns. É o Museo do Pobo Galego, o principal centro sobre antropoloxía e etnoloxía do país, que vén de facer vintecinco anos en marcha.

Foi o 29 de outubro de 1979 cando se inauguraron as tres primeiras salas do Museo do Pobo, pero a orixe deste centro hai que buscala xa en 1975. Foi entón cando o historiador Justo Beramendi, os arquitectos Rafael Baltar Tojo e Manuel Gallego Jorreto e o que despois sería o primeiro director do centro, Carlos García Martínez, deciden poñer a andar a iniciativa de crear un museo de antropoloxía que recollese toda a cultura material e inmaterial que se estaba perdendo no país. A través do Colexio de Arquitectos de Galicia convocouse a persoeiros da cultura e a institucións a participar nunha xuntanza, que se celebrou en xaneiro 1976 e da que sairía unha Comisión Xestora que se encargou de elaborar os Estatutos de funcionamento da institución. Dentro das posibilidades que ofrecía a lexislación da época para legalizar o colectivo, optouse pola figura do padroado, que sería formalmente constituído o trinta e un de xullo do mesmo ano.



Apoios económicos

De acordo con esta organización, o Museo conta cunha serie de patróns, tanto persoas físicas coma entidades xurídicas, que colaboran co seu mantemento. Na lista inicial atopamos moitos dos nomes máis destacados da cultura do país, coma Antonio Fraguas, Isaac Díaz Pardo, Domingo García Sabell, Ramón Piñeiro, césar Portela, Luciano García Alén, Agustín Sixto Seco... O seu número na actualidade é de corenta, entre os que están as deputacións e os principais bancos do país. Ademais dos patróns están os socios, máis de mil cincocentos, físicos e xurídicos, que tamén colaboran no sostemento da institución. As cotas oscilan entre os seis euros que pagan os socios xuvenís ós sesenta que aportan os concellos e outras institucións. Os socios e patróns achegaron no último coas súas achegas un vinte por cento do orzamento anual con que conta o centro, 490.646 euros. Esta porcentaxe ten sido maior ó longo da historia do Museo e no ano 2000 máis da metade do orzamento do centro, 312.526 veu por esta vía. Ademais das achegas dos socios o centro conta co apoio económico da xunta (un 36% no 2002), e outras achegas mediante convenios extraordinarios con diferentes institucións, que neste último ano supuxeron un 40% do orzamento.



Apoios materiais


Ademais de cartos, o Museo vén recibindo desde a súa fundación doazóns de fondos, ata completar un 53% das 8.167 pezas con que contas. Ademais das doazóns outra terceira parte do material que manexa o centro son cesións e só un 13% se mercou. A escaseza de espacio provocou que só un 15% de todo este material estea exposto permanentemente, aínda que son moitas as pezas empregadas en mostras temporais do propio Museo ou doutras institucións. Ademais do material para exposición, fundamentalmente restos arqueolóxicos e material de tipo etnográfico, o Museo do Pobo recibiu ó longo da súa historia abondosas doazóns de libros e mesmo de bibliotecas enteiras, o que lle permitiu ser o principal centro de documentación sobre antropoloxía e etnografía do país.



Unha biblioteca múltiple

Vintetrés mil dos case corenta mil volumes de que se compón a biblioteca do Museo do Pobo proveñen directamente das doazóns de particulares. Antonio Fraguas (que cedeu 12.500 volumes), Xaquín Lorenzo “Xocas” (que deixou 2.330), Taboada Chivite (3.423) ou Manuel Beiras (arredor de mil) son os principais benefactores deste centro de documentación, que conta tamén coa biblioteca de Rodríguez Fraiz e con parte da de Bouza Brey, cedidas polos seus descendentes. Cada unha destas bibliotecas conserva a súa individualidade e está situada nun espacio diferente, aínda que todas elas se integran nunha única base de datos para consulta. O acceso a todo este saber é de balde e só esixe solicitar cita previa. En breve os libros disporán de máis medios e dun novo espacio para optimizar o seu emprego.




En construcción


Unha característica que marcou a historia do Museo nos seus vintecinco anos foron as continuas obras de rehabilitación do antigo convento de San Domingos de Bonaval que o acolle. Desde que o Concello de Santiago cedeu o edificio en 1976, pouco a pouco fóronse reformando e ampliando as instalacións para responder ás necesidades do centro, o que supuxo importantes investimentos para a institución. Así, das tres salas (tecido, cestería e cerámica) con que abriu, chegouse ás once salas e ó auditorio que funcionan actualmente. Ademais da nova biblioteca, pendente de inauguración, están a ultimarse os traballos de dúas novas salas, dedicadas respectivamente á antropoloxía cultural e á prensa e á imprenta, que se sumarán á de imaxinería relixiosa, inaugurada o pasado ano.



Punto de inflexión


Con estes traballos remata o proceso de consolidación do edificio do Museo. Segundo sinalou no aniversario do centro Fernando Acuña Castroviejo, catedrático en Arqueoloxía e membro fundador da institución, “agora xa non necesitamos buscar medios para habilitar o edificio, agora debemos traballar por ser un organismo vivo, testemuño e referente do noso patrimonio”. Así, logo a inauguración dos novos espacios, o centro iniciará unha expansión das súas actividades. Polo de agora está previsto celebrar para o vindeiro ano unha nova edición do encontro bianual O Feito Diferencial Galego, que versará sobre o Dereito, e continuar coa organización de mostras temporais. Tamén se pretende potenciar o traballo da Fundación Antonio Fraguas, creada en 1999 e que ten como función fundamental apoiar o funcionamento do Museo do Pobo. É de agardar que estas actividades permitan superar a media de 85.000 visitantes anuais que ten o centro. Por certo, ir de visita é de balde.