O estado das fundacións

A febleza económica e organizativa e unha actividade escasa marcan o panorama das fundacións culturais galegas

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, presentaba esta mañá na Xunta o Informe sobre as Fundacións Culturais de Interese Galego. Este traballo, realizado por encarga do Goberno Galego, analiza por vez primeira de xeito sistemático a situación legal e real deste ámbito, e sinala a debilidade de moitas destas entidades. Reformas legais que permitan controlar mellor a viabilidade das mesmas ou singularizar algunhas da fundacións máis importantes para o país son algunhas das propostas do CCG para o sector.

En Galicia existen na actualidade 520 fundacións de interese galego. Enténdese como tal “a persoa xurídica constituída por unha masa de bens vinculados polo fundador ou fundadores a un fin de interese xeral”, e a Xunta recoñécelles interese galego a aquelas que traballan por fins de interese xeral para Galicia e desenvolven principalmente as súas actividades no país e teñen no mesmo o seu domicilio. En liña co que acontece no resto de Europa, un 90% das fundacións existente naceu logo de 1983. Do total, unha cuarta parte, 145, están dedicadas ao campo cultural, moi por diante do ámbito asistencial e social (16,4%) ou do industrial (12,3%).

Heteroxeneidade
Unha das principais características do sector é a súa heteroxeneidade, tanto a nivel de tamaño como de ámbitos de actuación. Deste xeito, coexisten no país organismos que tocan todo tipo de aspectos como exposicións, edición, programación de artes escénicas, xestión de coleccións artísticas ou tarefas de apoio á creación, e chegan a marcar boa parte da axenda cultural do país. É o caso das fundacións vencelladas a bancos e caixas. Canda a elas mantéñense entidades concentradas na xestión de centros culturais ou artísticos (a Fundación MARCO, a da Cidade da Cultura ou a do Centro Internacional da Estampa de Betanzos son só algúns exemplos neste sentido) ou as dedicadas exclusivamente a un ámbito de actividade ou en manter a memoria e o legado dun escritor, músico ou persoeiro (casos de Castelao, Carlos Casares, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Valle-Inclán ou Reveriano Soutullo entre moitos outros).

A situación
Segundo recolle o Informe “podemos falar dun sector economicamente moi feble, con recursos moi limitados na maioría dos casos, excesivamente dependente dos recursos públicos, con escasa capacidade de captación de recursos privados e con dotacións fundacionais manifestamente insuficientes” para os seus fins. A fundación cultural tipo en Galicia conta cunha media de dez membros no seu padroado, o órgano de goberno fundamental destas entidades. Malia a que no mesmo poden participar tanto persoas físicas como xurídicas, no noso país é moi escasa a presenza de sociedades e empresas nestes órganos, xa que só participan en 31. Pola contra, destaca unha importante integración das administracións públicas nos mesmos. Segundo os datos que do Consello da Cultura, a Xunta de Galicia ten representación en 27 fundacións, os concellos en 36, as deputacións en 13 e outras institucións públicas en 21. Aínda máis, hai 16 fundacións culturais que as entidades deste tipo supoñen a maioría dos membros do padroado, o que amosa en xeral unha participación importante da Administración no sector fundacional do país, unha tendencia que tamén queda de manifesto a nivel de orzamentos. A falta de presenza privada, segundo sinala o informe, supón “unha desnaturalización da institución fundacional, que se acaba por converter nunha sorte de asociación de persoas ou intereses na procura de recursos” cos que desenvolver os seus proxectos, e non nun mecanismo que achegue novos recursos ao campo cultural.

A implicación pública
Canda á escasa implicación privada no sector, as fundacións culturais galegas presentan en xeral unha grande precaridade de medios, xa que seis de cada dez ingresan menos de 18.000 euros ao ano, os cales proveñen unha ampla maioría de fondos públicos. De xeito curioso, compróbase que son aquelas entidades que desenvolven unha maior actividade aquelas que acaparan unha maior parte da actividade e teñen un maior tamaño. O Informe do Consello revela que as sete fundacións que tiveron unha media de ingresos de máis de 2,3 milllóns de euros nos últimos cinco anos recibiron 6 de cada 10 euros das achegas públicas neste campo, o que supón unha importante concentración, tanto de recursos como de actividades. En concreto, trátase das fundacións vencelladas a entidades financeiras (como Novacaixagalicia ou a Fundación Barrié) e aquelas de carácter público as que teñen máis recursos, tanto públicos como privados.

Actividade
Ao par da importante participación pública nestas entidades culturais, dáse un importante incumprimento das obrigas legais que teñen á hora de fornecer información á administración. Só un 25% das fundacións do país centradas na cultura responden axeitadamente aos requerimentos neste sentido, e só un terzo presenta a súa memoria de actividades, sen que isto supoña, a teor dos datos recollidos, un problema de cara a optar axudas públicas ou continuar con normalidade o seu traballo. Para mais, deste terzo no que consta a existencia de actividade, na maior parte dos casos o grado esta actividade é baixo. A aparente ausencia de actividade destacada en boa parte do sector chega mesmo en diferentes casos a atoparmos no noso país fundacións “abandonadas”. Se por unha banda a propia febleza económica pode explicar a situación, o informe do Consello salienta tamén como causas a dificultade burocrática dos procesos de extinción e fusión das mesmas, así como o feito de que na maior parte dos casos a Administración non toma a iniciativa neste campo a través dos Protectorados correspondentes.

A importancia
Malia á diversidade que se agocha no sector, e á falta de actividade de moitas destas entidades, o Consello salienta a importancia crecente do mesmo e sitúa esta figura como “un dos principais instrumentos xurídico-organizativos que a sociedade civil galega pode empregar para contribuír a artellar a defensa e a promoción dos valores culturais do noso pobo”. Nese sentido, e con vistas a mellorar a actuación deste sector, o CCG aposta por mellorar diferentes aspectos legais e administrativos. Entre outras cuestións, por exemplo, o Consello avoga por unificar nun só organismo as tarefas de protectorado, é dicir, a titelaxe que desenvolve a administración sobre estas entidades. Canda a isto, avógase por un maior control do traballo e xestión que desenvolven, vista a falta de datos sobre a actividade da maioría das que traballan encol da cultura. Unha das propostas curiosas do Informe é de singularizar “as fundacións cun especial valor simbólico” para o país. Trataríase de crear un réxime xurídico especial que recoñeza o seu valor intrínseco e dea resposta ás peculiaridades das mesmas, sempre atendendo a un selectivo proceso de selección e cun carácter temporal que garanta a continuidade do traballo da entidades recoñecidas con este campo.

Control e mudanzas
A reorganización das fundacións de carácter público existentes é outra das propostas que saen desde o Consello, clarificando os casos nos que se deben someter ao réxime xurídico público e evitando o seu emprego para fins diferentes aos propios da figura fundacional. Do mesmo xeito, o Consello aposta por un maior control público sobre os bens cos que crean estas entidades e as súas propostas de actuación, de xeito que garanta unha viabilidade que nos nosos tempos non está en moitos casos garantida. No Informe apúntase a posibilidade de fundacións nadas cun patrimonio material ou inmaterial de grande valor que podería ficar sen unha xestión adecuada pola ausencia de recursos para o mesmo. De cara a mellorar a implicación empresarial e privada nestas entidades, o Consello aposta por reformar a lexislación sobre mecenado, favorecendo vantaxes fiscais, ou mesmo abrindo a posibilidade de que se faga unha asignación para fins culturais na declaración do IRPF. Do mesmo xeito, considera necesario reformular as políticas de apoio público para evitar unha concentración excesiva de recursos en determinadas entidades, así como limitar a contía da axudas ás que poidan acceder e promover o traballo asociado entre diferentes fundacións.