O profesor da Universidade de Oxford John Rutherford glosou a dimensión galega e internacional de Álvaro Cunqueiro e a súa relación coa cultura anglosaxona no relatorio de peche do Congreso Internacional "Mil e un Cunqueiros" en Vigo. Rutherford sinalou que o coñecemento sobre o autor mindoniense está necesitado "dunha boa edición crítica da súa obra completa", que non existe ata o momento. Rutherford enfatizou que Cunqueiro "vivía máis na literatura que na realidade, aínda que nunca fixo literatura escapista" e analizou a relación do autor coa lingua inglesa e os intentos por ler en lingua orixinal a Shakespeare. "Claramente influille", asegurou Rutherford, "e admirábao pola universalidade do seu teatro".