Unha escena probable

O sector escénico busca un formato que substitúa á feira a un mes da súa celebración

Vista do espectáculo
Vista do espectáculo "Só dous" de Neodans
Hai xusto un ano, na rolda de presentación da Feira Galega das Artes Escénicas, Juan Carlos Fasero apunto a necesidade de modificar o formato da Feira Galega das Artes Escénicas, é dicir, dun encontro que permitira xuntar a programadores e distribuidores nun único espazo. E aquela idea segue sen concretarse, ata tal punto que falta un mes para a celebración (os espazos escénicos xa están reservados para ese evento) e non hai nada concreto. En realidade ambas partes dan por sentado que non haberá feira no sentido habitual e falan dunha mostra ou xornadas que tentarán manter o carácter de exhibición que reclama o sector.

A última edición da Feira Galega das Artes Escénicas pechouse cun espectáculo chamado “Circo á feira” que ía ser unha proba para a necesidade do novo modelo de feira. Consistía nunha showcase (demostración de curta duración) de varios espectáculos de circo. A directora da Feira, María Paredes, explicou no seu momento que era o camiño a seguir. Pero o sector non estaba de acordo coa dirección apuntada. Díxoo no seu momento Ernesto Chao, e dío agora Salvador del Río, responsables de Escena Galega en diferentes momentos, colectivo que reúne as empresas profesionais do sector. “Haberá espectáculos que se poidan sintetizar en dez ou quince minutos, pero hai moitos outros que non se pode facer, ademais corre o risco de non ser representativo da función” explica. Pero na súa opinión, existe outro factor a maiores que invalida ese formato e ten que ver coa parte económica. “A iluminación, a escenografía, o son e os actores que se preparan para unha breve demostración son os mesmos que se se representase o espectáculo completo, por iso realmente o criterio económico non supón tal aforro” explica Salvador del Río.
No fondo, todas as discrepancias parecen vir polo apartado económico, porque os anunciados recortes afectan severamente ao capítulo da feira. Na última edición deste encontro profesional (a número XVIII) o orzamento foi de 180.000 euros, mentres que para este ano, a cifra que manexan é de 50.000 euros para a organización, é dicir, para convidar a programadores e distribuidores a ver os espectáculos escénicos da temporada. Fontes de Agadic confirman que os espazos están reservados para dentro dun mes e que vén difícil a organización do encontro. O presidente de Escena Galega asegura que durante un tempo barallaron a posibilidade de que fora este colectivo quen organizase o encontro, pero “a idea desbotámola porque con ese orzamento e a nosa falta de experiencia, quen o que ten que facer é a Agadic, que xa ten a dinámica, os contactos e as rutinas” asegurou.

A importancia do encontro
Nas dependencias de Agadic tivo lugar onte un dos preto de cinco encontros mantidos para desbloquear a situación. Para o sector é “innegociable” a realización dunha encontro con posibles compradores (en todas as súas variantes). “Os programadores piden cada vez máis ver os espectáculos completos” asegura Salvador del Río e para iso é necesario un encontro. “Entendemos que a un mes vista das datas previstas (do 17 ao 20 de outubro) non se pode desenvolver unha feira no sentido habitual, de feito non será feira nin manterá o nome, será máis ben un encontro entre profesionais” puntualiza. Tampouco o sector das artes escénicas ve posible un adiamento por varios motivos. “As programacións fanse con antelación e facelo máis adiante sería inoperativo” asume. A solución que desde Escena Galega lle trasladaron onte ao director-xerente de Agadic é que “aproveitaran o espazo que estaba reservado e fagan unha mostra dos traballos, recurtando todas as partidas de promoción, cartelería, visibilidade….e que se centre na posibilidade de ver os espectáculos”.

O certo é que a feira leva aparellado un mecanismo relevante para o sector teatral, que é a bonificación á contratación de espectáculos para a exhibición fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Unha medida que permite financiar o 40% do caché do espectáculos (impostos incluídos e sen necesidades técnicas) estean ou non presentes na feira. De feito, na última edición da feira das 41 funcións vendidas, 36 corresponderon a espectáculos que non se exhibiron no marco deste encontro (algunhas das compañías si participaron nos espazos promocionais situados no Auditorio de Galicia). Foi un ano atípico, xa que o número total de contratacións foi sensiblemente inferior ao de edicións anteriores, ao tempo que a relación de espectáculos vendidos adoita estar máis equilibrado (no ano 2009, vendéronse 66 funcións de montaxes vistos na feira e 22 non vistos).

“Como a feira se celebra desde hai 18 anos seguidos, non podemos saber a incidencia real que tería non celebrala” asume del Río, o que está moi claro é que para poder vender un espectáculo é necesario exhibilo e dalo a coñecer. En todo caso, nos vindeiros días Agadic deberá dar unha resposta definitiva sobre o modelo e a forma que tomará o encontro nesta edición.