A propósito dos encoros

Propostas audiovisuais retratan o impacto ambiental e social no noso país dos encoros

Imaxe da construción do Encoro da Ribeira. Foto: Familia Vila
Imaxe da construción do Encoro da Ribeira. Foto: Familia Vila
Estes días Iberdrola e Gas Natural Fenosa anunciaban proxectos relativos aos encoros galegos en diferentes etapas dos ríos Miño e Si. Non son novas as actuacións destas compañías na xeografía galega, co correspondente impacto sobre zonas de alto valor ecolóxico, así como nas súas consecuencias no eido social. Desta volta, con este proxectos en curso, revisamos propostas audiovisuais que reflectiron esta situación moi repetida na historia do país.

Belesar, Peares e Santa Cristina son os tres enclaves naturais de Galicia que estes días están de actualidade por mor de actuacións a cargo de dúas grandes empresas enerxéticas do Estado. Dunha banda, Iberdrola acaba de publicar o estudo de impacto ambiental para un proxecto de aproveitamento hidroeléctrico que foi moi criticado por diferentes asociacións ecoloxistas polo acto impacto ecolóxico (pretende crear un novo embalse que perfore o cumio do canón e cuxos traballos se estenderán por oito anos). Da outra banda, Gas Natural iniciou as obras de construción das novas minicentrais hidroeléctricas que chamou Belesar II e Peares II para optimizar o aproveitamento enerxético. Todas estas actuacións sucédense nun momento no que está aberto o período de alegacións ao plan hidrolóxico Miño-Sil que foi publicado no BOE a principios deste mes de agosto.

A proliferación deste tipo de infraestructudas encravadas no noso patrimonio natural é un feito que vén de moito atás. A primeira iniciativa desta natureza data de finais do século XX, cando Laureano Salgado construíu a central de Segade, cerca de Caldas de Reis(Pontevedra) que funcionou ata 1952. Ata os primeiros momentos do franquismo o aproveitamento hidroeléctrico veu a cargo de pequenas iniciativas familiares que pouco a pouco se foron capitalizando ata que en 1943, Pedro Barrié de la Maza funda FENOSA (“Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A.“). Pero foi a época dos grandes encoros, sendo As Conchas (Ourense, no río LImia) o primeiro desta grande serie fomentada por unha política hidráulica franquista. Está estudado o impacto sociocultural deste tipo de infraestruturas e, nos últimos tempos, o sector audiovisual deu acubillo á súa creación.

Pola banda do documental
O primeiro en dar conta da realidade da construción dos encoros no noso país foi o NO-DO, o noticiario documental, que seguíu cada inauguración e ofreceu unha visión parcial e controlada. De feito, é o propio NO-DO o que fornece de material fílmico a algunhas producións audiovisuais na súa exposición de como afectou social e ambientalmente na contorna a construción dun encoro. É o caso de Pedro Prada que en 2007 elaborou un documental que recolle a memoria histórica das xentes do pobo de Alberguería, vila que desapareceu en 1958 baixo as augas do río Xares no concello da Veiga (Ourense). Alberguería personaliza un fenómeno que se reproduxo en toda Galicia nos anos da ditadura Franquista.
Hai moitos máis exemplos como O río é noso, curtametraxe documental realizada na primavera de 2004 polo Cineclube Compostela contra a construción dun encoro en Frádegas, na cunca alta do río Ulla. Para a pequena pantalla, a serie MOBilízate dedicou o seu capítulo número sete ás protestas dos veciños de Ribeira de Piquín, Meira e A Pontenova defenden o río Eo, contra a construción dunha central hidroeléctrica.

E no ámbito da ficción
A repercusión dos encoros foi máis alá do ámbito estritamente documental, e chegou a ser temática de diferentes propostas de ficción. Antón Reixa como director, e Xosé Morais como guionista, prepararon Nacion X, unha producion integramente galega que conta como, diante do inminente asolagamento do val no que vive pola construción dunha présa, o protagonista proclama cos seus veciños unha república independente. Pero o goberno acabado de constituír terá que enfrontarse a diversos problemas, mentres as forzas da garda civil preparan o asalto da vila cos antidisturbios.

Con localizacións e inspiración argumental no concello de Chantada, no que se atopa o encoro de Belesar, transcorre Empantanados, unha curtametraxe protagonizada por Miguel de Lira, conta a historia sobre o abandono das antigas aldeas asolagadas polas obras hidráulicas.

Ata Libro de Familia, unha das series máis vista da pequeña pantalla no noso país, ten abordado o problema. Unha das liñas argumentais dunha temporada da serie amosa a preocupación dos veciños de Santalla pola ameaza que a construción do encoro supón para a aldea.