A arqueoloxía como hobby (II)

Moitas escavacións aproveitan o traballo de afeccionados ao patrimonio histórico

Para alén do traballo de descuberta, documentación e difusión de restos, non faltan casos nos que afeccionados á arqueoloxía abordan traballos de envergadura. Escavacións e publicacións xorden da man de asociacións e colectivos, e non é estraño que mesmo institucións e organismos de investigación aproveiten as posibilidades do voluntariado para contar con man de obra axeitada.

Antón Malde é o responsable do traballo de posta en valor do depósito de Pena Furada, en Coirós, un conxunto pétreo cuns gravados únicos no noso país. O proxecto, apoiado polo Concello de Coirós é un dos que este ano se desenvolven a aproveitar as posibilidades do voluntariado. Segundo explica Malde, a aposta por este modelo “é fundamentalente porque se trata dun depósito importantísimo, e se non se aborda deste xeito, non se fai. Ningunha institución pón moito interese en o investigar, aínda que só esixe unha intervención moi sinxela”. Deste xeito, ollamos como a aposta polo voluntariado, e o seu baixo custe, permite unha axilidade impensable noutro tipo de actuacións que pasan pola contratación de empresas ou polo traballo de institucións académicas.

Desbroce arqueolóxico
En concreto, o traballo que se desenvolverá este verán en Coirós consistirá nunha simple limpeza de vexetación na zona que permita observar mellor os restos e descubrir, se acaso, novas pegadas do noso pasado. “Para alén de pór en valor este depósito coñecelo mellor a nivel científico, queremos tamén darlle á sociedade a ocasión de que poida participar nunha investigación”. A tarefa non require neste caso unha formación especial dos voluntarios que o van desenvolver, nin a nivel físico nin teórico. “Non se trata de obxectos moi delicados e non cómpren coñecementos especiais. Imos contar, iso si, con varios participantes que somos técnicos para cubrir o apartado científico que ten toda actuación arqueolóxica”. Canda a estes especialistas, que en moitos casos desenvolven investigacións deste tipo noutros ámbitos, o proxecto contará tamén “cun grande grupo de xente á que simplemente lle gusta o patrimonio, e o mesmo que fai un roteiro ou vai de visita, participa nisto”. En total unha quincena de persoas colaborarán para recuperar este ben pouco coñecido.

Formación
A perspectiva formativa é un dos eixes cos que o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo abordou, ao longo do pasado mes de xullo, a intervención que realizou no Conxunto Rupestre do Monte do Señoriño de Armeá, en Allariz. “Como o noso é un laboratorio docente apostamos por un voluntariado vencellado a estudos, facendo disto un campo de prácticas no que os participantes acban cunha credencial do número de horas de estiverona traballar no depóstito”, explica Martín Xosé Vázquez, responsable de difusión desta iniciativa. No marco da escavación, o equipo da Universidade, composto por cinco persoas, achegou clases de debuxo arqueolóxico, así como formación no manexo de sistemas de xeorreferenciación e mesmo nocións de restauración para a ducia de participantes que se vencellaron ao proxecto.

Difundir e ensinar
Para alén do voluntariado como man de obra para as escavacións, hai casos nos que son os propios colectivos de afeccionados os que abordan a xestión das prospeccións. Un dos últimos traballos deste tipo no que se involucrou Xosé Lois Vilar desde o Instituto de Estudos Miñoranos foi unha escavación en Campo Lameiro. “Alí estábamos cinco arqueólogos, que se encargan dos traballos máis delicados. O primeiro que fai o director é explicar como se fraguou o xacemento, e a súa evolución. Aínda que interpretar iso pode ser difícil para o propio arqueólogo”, explica. En casos coma estes, a formación dos voluntarios que participan no proxecto é fundamental. “Polo xeral está todo moi ben feito, mesmo sendo unha asociación sen ánimo de lucro faise todo en condicións. Non queremos que dea a impresión porque o facemos nós sen ánimos de lucro sexa algo mal feito. Tamén fixemos prospeccións, catalogación e musealización de petróglifos en Baiona e noutras áreas e os proxectos non teñen nada que lles envexar a profesionais. Agora imos escavar en Arbo, tivemos dúas xuntanzas con xente que vai escavar, ensínaselles a distinguir no material lítico as diferentes caras e partes... iso é algo evidente. Agora estamos a estudar escenas de caza e de acoso en petróglifos de Galicia como afeccionados, sen que ninguén nos pague”.

Os escavadores
Na maior parte dos casos, segundo a experiencia de Vilar os afeccionados que participan nas escavacións son “xente nova, moitas veces que está a estudar ou xa acabou a carreira de Historia e non ten traballo. Hai casos como o de Manolo Ledo, que é o mellor prospector de arqueoloxía en Galicia, que coñece todas as épocas, sabe prospectar e atopar desde unha punta de frecha a un maravedí e nin é titulado nin nada, pero ten lecturas e moitísimos traballo de campo”. Vázquez, pola súa banda, sinala que a nivel de traballo voluntario contan con “xente de todas as universidades galegas e mais da UNED. Había quen se licenciara había tempo e quen quería retomar a investigación unha vez que conseguira unha certa estabilidade económica. Tamén había estudntes novos, que eran os que puñan máis interese. Antes existía unha especialidade de Arqueoloxía, pero coas reformas nos planos de estudos desapareceu e mesmo as horas dedicadas á disciplina en Historia son menos”, o que leva aos interesados por aproveitar as ocasións de escavar que se lles presentan.

Acondicionar e amosar
Antonio de la Peña, conservador no Museo de Pontevedra, pola súa banda, aborda coa Comunidade de montes de Sabaxáns un proxecto para acondicionar o contorno e estudar os petróglifos de Pé da Mula. “Estamos a traballar coa Escola de Restauración de Pontevedra. O proxecto conta con todas as medidas legais e non leva dotación económica. A Comunidade corre cos gastos de mantemento. Amosáronse receptivos porque se lles explicou ben que é o que teñen aí e o que queremos facer. Fixemos alí unha charla sobre o tema e viñeron 150 persoas ”, explica. E é que este tipo de propostas implican tamén grandes posibilidades de difusión do patrimonio. Tamén os membros do Laboratorio de Arqueoloxía de Vigo tentaron cubrir nesta escavación a vertente de arqueoloxía participativa no seu traballo en Allariz. “Un pouco seguindo o traballo que se desenvolveu no depósito da Lanzada, que foi pioneiro en Galicia, quixemos que a xente puidese visitar libremente a escavación e facer que dalgún xeito a sentise como súa”, lembra Vázquez. Aínda que finalmente a orientación fundamental do proxecto foi para a formación, organizáronse visitas nas que os participantes tiñan a ocasión de coñecer o método de traballo e mesmo de tocar os materiais que ían aparecendo.

Custos
Obviamente, unha das vantaxes fundamentais deste xeito de traballo é a redución de custos que supón traballar con man de obra voluntaria. Tal e como recoñece Vázquez, “neste conxunto rupestre fixemos un mes traballo cunha cuarta parte do custo que tería para unha empresa. Tamén é normal que como universidade teñamos outros obxectivos, e ao concello permitiulle aforrar e abordar o proxecto”. Malia ao aforro de persoal, proxectos deste tipo teñen un custe económico que non sempre é sinxelo de cubrir. “No caso de haber cartos, tentamos cubrir os custes de materiais”, explica Vilar desde o IEM. “Hai casos nos que compre abordar desbroces de monte, planimetrías ou sinalización cando se musealiza algo. Hai tamén cousas que cómpre apoio, por exemplo para facer determinadas datacións, que custan milleiros de euros”. É o caso do depósito paleolítico do Cabrón, onde o Concello de Arbo vai achegar unha partida para coñecer a antigüidade duns restos paleolíticos que poden ser os máis antigos do país. “É algo que porque lle convén, constrúe a súa historia e é algo que logo pode vender a nivel turístico”, conclúe este investigador.

Canda a estes, outras iniciativas aproveitan o interese dos afeccionados pola historia e o pasado para desenvolver investigacións sobre o noso pasado dun un xeito máis flexible, didáctico e aberto do que as escavacións de urxencia ou algúns tipos de prospeccións profesionais. Os interesados, só teñen que estar atentos.