Coñecer desde a casa as coleccións dalgúns dos museos máis importantes do país. Esta é a opción que achega o web Ceres do Ministerio de Cultura. O proxecto oferta un catálogo en liña con exhaustivas fichas dos centros integrados na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España. Entre estes, atopamos espazos referenciais para Galicia como o Museo do Castro de Viladonga, o de Belas Artes da Coruña ou mesmo o Arqueolóxico de Ourense, que leva anos fechado e que nos permite así botarlle un ollo á súa colección.
Cer.es é o nome do proxecto co que o Ministerio de Cultura achega a Internet unha selección dos centros que fan parte da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España, un total de 73 centros na súa maioría centrados no patrimonio arqueolóxico e artístico. O proxecto achega fichas exhaustivas que catalogan cada un dos bens que se poden consultar no web. Datos como as medidas, datacións, unha descrición, a súa explicación, bibliografía relacionada ou o contexto aparecen canda a imaxes dos elementos.
Dentro dos centros do noso país, atopamos, cunha maior ou menor representacions, coleccións do
Museo do Castro de Viladonga, o Museo de Belas artes da Coruña, o Museo das Peregrinacións de Santiago, o Museo Etnolóxico de Ribadavia e mais o Museo Massó. A estes débese engadir o caso particular que supón o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que ten pecualirade de que, ao levar anos fechado, oferta mediante este web o princial xeito de coñecer os seus bens máis destacados.
Debemos pensar que, aos bens depositados nos centros galegos, engádese neste catálogo unha amplísima seleccións de restos arqueolóxicos e obras de arte orixinados no noso país ou vencellados co mesmo e que se atopan espallados por todo o Estado. Así, por exemplo, mediante a busca de termos como Sargadelos, podemos observar todas a pezas orixinarias desta fábrica disipoñibles neste catálogo. De xeito semellante, buscas con outros termos permítennos atopar mesmo pezas que pasaron en itinerancia no noso país, como é o caso dunha completa colección de cadros de Sorolla.
Unha ferramenta de grande interese para investigadores e público en xeral interesado en coñecer un pouco máis do noso patrimonio.
Fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Fondos do Museo do Castro de Viladonga
Fondos do Museo de Belas artes da Coruña
Fondos do Museo das Peregrinacións



