Portada de codigocero.com
Primeiro foi un programa da Radio Galega dedicado ás novas tecnoloxías. E despois, un 26 de xullo de 2001, convertiuse nun portal web destinado a prolongar os contidos da revista a través de diferentes servizos. Aquel proxecto fundado por Xosé María Fernández Pazos, Carlos Ballesteros e Marcus Fernández convertiuse hoxe nunha pequena publicación multisoporte que leva tamén unha chea de números en papel co obxectivo de informar, en galego, sobre a actualidade tecnolóxica galega e internacional. Falamos co director do portal web, Marcus Fernández, para coñecer máis sobre o proxecto e a visión do sector en Galicia.
O web de Código Cero ten dúas funcionalidades: por unha banda, converterse en almacén das versións en PDF da ‘edición impresa’, de carácter mensual, ás que o internauta pode acceder gratuitamente nada máis publicarse cada número novo e, por outra, proporcionar información diaria aos lectores da publicación. Para Marcus Fernández, “o que facemos é publicar cousas diferentes en distintos formatos. No web publicamos temas de actualidade e na revista os temas que non caducan, como entrevistas ou reportaxes”. En termos prácticos, a revista en papel só acolle unha pequena escolma das novas que codigocero.com editou ese mes.
A cuestión das redes sociais
Un dos piares de Código Cero é o seu boletín electrónico diario en HTML. Este boletín electrónico, que segue un formato próximo ao da portada da edición dixital, ofrece na caixa de correo persoal contidos tecnolóxicos en galego a 3000 subscritores diarios; aínda que o boletín mantense Marcus Fernández destaca que está a ser substituída polas redes sociais, nomeadamente Facebook e Twitter, e entre estas dúas, Twitter. “Chéganos moito máis tráfico polo Twitter que por Facebook, aínda que o seu uso é minoritario en porcentaxes absolutas en relación a Facebook. Pero vese que o sector TIC valora moito a inmediatez do Twitter”, sinala o director de codigocero.com.
Unha visión da evolución das TIC en Galicia
O sector das Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) cambiou moito nestes dez anos de codigocero.com. Preguntámoslle a Marcus Fernández cales foron os primeiros cambios que advertiron neste tempo. “Pois hai diferentes persectivas”, di Marcus Fernández, “as compañías que estaban en funcionamento cando nós comezamos desapareceron na súa meirande parte. Cando nacimos había portais e buscadores galegos de internet, pero agora a estrutura é globalizada. Aqueles que quixeron montar comunidades a nivel galego non atoparon oco”. Buscadores como U-lo ou Enxebre, Fillos.org ou medios como Vieiros desapareceron polo camiño.
Sen embargo, para Marcus Fernández tamén hai luces positivas. “Nos últimos tres anos, vemos o nacemento de moitísimas empresas tecnolóxicas que buscan internacionalizarse. En parte, este fenómeno da crise está a provocar un emprendemento tecnolóxico brutal”, asegura Fernández, “En Galicia xa hai máis de 900 empresas TIC, e iso significa un cambio moi importante. Nótase mesmo nas asociacións do sector. Onde antes custáballes moito traballo ter máis dunha ducia de asociados, agora teñen centos”.
En Código Cero están a dar conta destes notables cambios no sector das novas tecnoloxías en Galicia. Que sexa por moitos anos máis.

