Cando a terra se abre

Repasamos as principais escavacións arqueolóxicas deste verán

Campaña 2010 en San Vítor de Barxacova. Foto: Proxecto de investigación
Campaña 2010 en San Vítor de Barxacova. Foto: Proxecto de investigación
A falta de fondos públicos está a drenar as tradicionais campañas de investigación arqueolóxica que caracterizan o verán galego. Aínda así, hai varios proxectos que resisten: desde as covas nas que viviron os primeiros habitantes do Noroeste ata necrópoles medievais, poboados da Idade do Ferro, posibles santuarios galaicorromanos e fortalezas emblemáticas.

As dificultades de financiamento público están a repercutir na actividade arqueolóxica de Galicia. Sen embargo, este verán novos proxectos de investigación manteñen aceso o lumieiro da investigación. Como actividades de investigación ou posta en valor, varios sitios arqueolóxicos contarán con campañas de investigación ao longo de xullo e agosto. Avanzamos información sobre algunhas das máis destacadas.

A cova de Valdavara en Becerreá

En Valdavara continuarán as escavacións dun dos periodos máis descoñecidos do pasado de Galicia: o Paleolítico. En sucesivas campañas da Universidade de Santiago e a Rovira i Virgili de Tarragona, esta cova caliza de Becerreá (Lugo) permite comprender a presenza humana no Paleolítico Final e épocas posteriores.

Monte do Castro (Ribadumia)
A Deutación de Pontevedra está a acometer con fondos propios a segunda fase da escavación do Monte do Castro en Ribadumia. Trátase dun poboado típico da II Idade do Ferro galega, con cronoloxías entre o século II a.C. e o cambio de era. Segundo Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación e director da intervención, o obxectivo vai ser coñecer máis en profundidade a funcionalidade da terraza. Dunha banda, esta ten unha estrutura de almacenaxe, e a nova campaña vai tentar determinar se era un espazo público ou privado. A intervención tamén tentará comprender os espazos de metalurxia, e localizar posibles obradoiros alfareiros vinculados a eles, así como entender a relación entre todas estas casas e a veciña muralla. Os arqueólogos abrirán tamén sondaxes na croa –zona superior- do castro. A escavación durará catro meses que se completarán con dous de restauración.

O monte do Señoriño e a cidade de Armeá, en Augas Santas (Allariz)

A noticia coñeceuse en marzo. Preto da aldea de Armeá, na parroquia de Augas Santas (Allariz), o señor Manuel Losada localizou unhas estruturas rupestres na ladeira dun pequeno outeiro chamado o Monte do Señoriño. O espazo, identificado polos catedráticos da USC Marco García Quintela e Antonio Rodríguez Colmenero, como un posible santuario galaicorromano, suporía un importante achado, xa que sería o santuario castrexo de tipo “bracarense” ubicado máis ao norte da antiga Gallaecia. Pero hai interpretacións para todos os gustos. Unha asociación local de Augas Santas defende que se trata das bases dunha vila romana. A noticia xenerou un gran impacto nos medios e o concello de Allariz encargoulle ao Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo a escavación do complexo rupestre. As escavacións vainas dirixir Adolfo Fernández. O equipo abrirá unha gran área para determinar a funcionalidade do complexo monumental. Ao mesmo tempo, tamén se traballará na área das antigas escavacións realizadas en na veciña citania castrexa de Armeá a mediados do século XX.

San Vítor de Barxacova
Nunha paraxe espectacular e montañosa de difícil acceso, o Concello de Parada de Sil está a financiar a segunda campaña de escavación da necrópole medieval no San Vítor de Barxacova, que se realiza dentro do proxecto da Universidade de Vigo "O enclave medieval de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil, Ourense) no contexto da paisaxe do canón do río Mao na área da Ribeira Sacra", financiado pola Diputación de Ourense, dirixido por Bea Comendador.
.
A campaña do ano anterior permitiu revelar as interesantes tumbas talladas na rocha do San Vítor e puxo ao descuberto as ruínas da ermida medieval. Os arqueólogos Eduardo Breogán Nieto e Vítor Rodríguez atoparon materiais que falan do uso deste espazo sagrado como necrópole entre os séculos XI-XII e ata o século XV, pero algunhas evidencias, como o uso de tégula ou algúns fragmentos de cerámica, fanlles aventurar a posibilidade de que o uso do San Vítor se remonte moito máis atrás.

De feito, a campaña deste ano buscará nos derrubos por baixo da pena do San Vítor, nas pendentes próximas e ampliará as esvacacións na esplanada do xacemento para tentar ter unha dimensión máis clara do horizonte temporal do San Vítor de Barxacova. A investigación documental, curiosamente, non revela ningunha referencia directa ao San Vítor na Idade Media, pero si un territorio profundamente compartimentado desde a Idade Media que revela a presenza do espazo e a súa posible pertenza a familias ou parroquias hoxendía separadas deste espazo.

Os investigadores continuarán coa prospección de áreas próximas durante esta campaña, tentando localizar outros posibles xacementos da época.

Recuperación de fortalezas medievais
Este verán tamén se acometerán obras de posta en valor e recuperación de dous sitios arqueolóxicos emblemáticos para a historia do Arcebispado de Santiago. As Torres do Oeste, para as que se contan cun orzamento superior ao millón de euros, e a fortaleza da Rocha Forte, nas proximidades de Compostela, que será convertida nun parque arqueolóxico e para a que se contará cun sendeiro peatonal que unirá o sitio coa cidade.