Victoria Canedo directora do Ballet Galego Rey de Viana, cre que fai falla en Galicia a constitución dun ballet clásico

Victoria Canedo: “Para vivir da danza non hai que emigrar, hai que valer”

Victoria Canedo é a Ninette de Valois galega, ou polo menos leva camiño de selo. Leva máis de cincuenta anos dedicándose ó mundo da danza,e para ser máis precisos, da danza de carácter que é o que define ó Ballet Rey de Viana. E é normal porque todo nela é carácter. Tocoulle o papel máis difícil de interpretar, o de ser muller dun dos artífices e dos creadores do espíritu da danza en Galicia nun momento no que só se falaba de folclore. Hoxe en día, cando o Rey de Viana é un ballet recoñecido e aclamado en todo o mundo, Victoria Canedo mira cara dentro, analizando como é a danza que se fai en Galicia.

Máis de cincuenta anos ó servicio da danza é moito tempo para ver como cambian as cousas... ¿en qué panorama se encadra o Rei de Viana?


Nós fundamos o ballet no ano 49, que foi cando empezamos a traballar, con xente que non sabía nada, e logo fomos mellorando pouco a pouco. O nivel de danza por aquel momento en Galicia era unicamente folclórico. Había moitos grupos de coros e danzas folclóricos, que foron mellorando bastante. E a situación en Galicia era diferente do que había naquel momento en España, onde existían danzas moi bonitas, como son os verdiales de Andalucía a través dos que foi rexurdindo o folclore en España.




¿E resultou moi difícil “amoldar” ese panorama ó ballet clásico?


O alumnado se forma cun fondo clásico pero menténdolle clases de carácter. Onde os exercicios son de base clásica pero cun tipo de exercicios que che dan máis soltura para o carácter. Para saír a un escenario, no que un espectador vai a pagar a súa butaca, non podes improvisar. Tes que bailar ben, ter unha perfección, non vale bailar de calquera manera. E para iso precisas dun fondo clásico que che permita ter a soltura para poder bailar todas as cousas que se che ocorran.



¿Cómo unha compañía que comeza sendo privada pasa a ser unha compañía de producción do IGAEM?


Primeiro porque a deputación nos ano 70, dérannos o primeiro premio das artes, e logo o presidente propuxo que nos acolléramos á Deputación. Nós naquel momento estabamos cun contrato nunha planta no Colón e propúxonos que as mesmas condicións que nos ponían eles para pagar nola poñía a Deputación e así foi... e así foi como a Deputación entrou tamén no Colón por nós. E ademais era unha cousa boa, podías darlle unha bolsa decente ós rapaces para comezar e logo cando tivemos uns pequenos líos coa Deputación, nós marchámonos e foi cando a Xunta nos propuxo entrar no IGAEM e así estamos ata hoxe.







"EN GALICIA FAI FALLA UNHA COMPAÑÍA DE BALLET CLÁSICO, PORQUE NON A HAI, PERO TEN QUE SER BOA, PORQUE SE NON É UNHA BIRRIA"








Este ano anuciábase o inicio dos cursos da Escola de danza de carácter.. ¿parece que cambiaron as cousas?


Antes entraban desde primeiro curso, pero agora fomos cambiando un pouco o sistema, porque fomos cambiando, porque vemos que non dá tanto resultado. E empezamos cunha clase que está dirixido ó ballet, agora xa non só facemos clásico, xa facemos a mestura do que é o baile de carácter. Xa non só collemos nenas de sete anos porque é moi difícil, cando xa esixen unha calidade que implican moitas horas. E porque as mamás queren que as nenas estudien porque, á larga é do que van a vivir. Porque do ballet pouca quede vivindo.



...entonces.... o tópico que di para vivir do Ballet hai que emigrar é certo ¿non?


Non, non hai que emigrar. Hai que valer, para vivir da danza. A danza é elitista porque ten que haber unhas condicións físicas, éticas, e tes que ter un sentimento cara a danza. Ben é certo que aquí hai moi poucas compañías, por iso, se queres o que fai falla aquí é unha boa compañía de clásico. Que non a hai... pero que tampouco a hai en Madrid.



Pero para ter unha compañía de clásica precísase un número de bailaríns considerable...


Si, bastante considerable e moi ben preparados. Porque un ballet clásico ten que ser moi bo porque senón sería unha birria.




E.... ¿existe a calidade e a cantidade suficiente como para poder formar unha compañía?


Pode que só con galegos non se poida facer. Pero todo é comezar, porque as cousas non se fan só nun ano. Ti comezas cunha compañía pequena facendo pequenas pezas, con xente de fóra, porque non che queda máis remedio. A min gustaríame poder ter xente de aquí, galegos para o meu espectáculo, pero se non os teño, teño que nutrirme de alguén. ¿enténdesme?. Isto non digo que o primeiro ano vaias a saír adiante, pero ó mellor no terceiro e no cuarto sí. Podes comezar con ballets pequenos feitos con seriedade e constancia e non andar, como anda moita xente, criticándose uns a outros. Pero o problema e aquí son as críticas constantes. Que non podo entender porque.... se o teu ballet é bo, ¿non será mellor que haxa dous bos? É o que penso.... que poden saír outros ballets de carácter. Se é bo.








"NUN BALLET DE CARÁCTER COMO É O NOSO, SEMPRE TES XENTE SUFICIENTE PARA PODER VELO, PORQUE É ASEQUIBLE A TODOS OS PÚBLICOS"








¿Hai espectadores suficientes para garantir entrada nun espectáculo deste tipo?


Nun ballet de carácter como é o noso, sempre tes xente suficiente como para poder velo, porque é asequible a todos os públicos. Vas a pequenos pobos, onde seguramente a xente non entende de danza, pero lle gusta porque é un espectáculo asequible. As danzas de carácter sempre son asequibles, pero para un ballet clásico pode ser que non teñas eses espectadores, pero esto é de momento. Todo é cuestión de comezar. Cando empezamos, aínda que ás veces segue pasando, todo era tirarnos dardos, mesmo nos xornais. Pero tamén houbo outra xente que nos apoiou e nos animou desde o principio. E moitas veces as críticas veñen sen darlle a oportunidade de demostrar o que vale. Eu creo que se precisa un ballet clásico en galicia, e se queres, un ballet contemporáneo (pero ten que ser moi bo senon, non me serve, xa que acostuma a ser o refuxio de moita xente que non é capaz de chegar ó nivel do clásico).






Un ballet con raíces



O Ballet Rey de Viana, como danza de carácter que é está moi enraizado en Galicia, os seus costumes, a súa tradición... ¿cómo se inspiran para montar un ballet?


Nós facemos un ballet de carácter, é dicir, un fondo clásico pero adaptado á vida do sitio no que se enclava, que no noso caso é Galicia. E isto implica que non só nos dediquemos a facer unha danza, senón tamén facer un pouco de argumento. E isto é o que diferencia un ballet de carácter, que é único en Galicia. Non é que haxa moito noutras rexións, onde si hai é en Andalucía que é a única rexión que ten ballet de carácter.



¿Pero como é o proceso de traballo, para montar unha compañía?


Nós sempre fixemos do mesmo sitio. Íamos ós sitios, preguntábamos nos enterábamos, logo íamos á Real Academia Galega a onde nos fomos a documentar en moitísimas ocasións, temos libros a montóns e así conseguirmos información suficiente para montar unha coreografía. Por exemplo o ano pasado montei unha coreografía sobre os emigrantes inspirándome nunhas estampas dun libro de Villar Chao. Moitas veces les unha cousa, outras... pois... alguén che conta algo e dis, pois mira, esto resulta interesante e montas unha coreografía. Outro exemplo, foi o das sereas que xurdeu a partir dunha lenda que me contaron de Camariñas. Agora quero ir a Viana do Bolo que hai uns saltadores que vin hai moitos anos, que saltan sobre un pau moi grande, e nós faremos a nosa interpretación dese baile seu. E para iso preciso de xente que esté preparada, porque se non nos saltos... resulta moi difícil. Nós representamos a historia pero coa nosa técnica e tal e como nós a vemos.



¿E para o vestiario?


Acontece exactamente igual cos traxes, que foron sacados de fotografías e de gravados antigos e reproducidos tal cal. E outros son un pouco idealizados, cambiados e, de paso, modernizados. Facemos un pouco de constumbrismo.


Creo que agora andan metidos nunha coreografía sobre a “rapa das bestas”


Pois si, e a ver se sae porque é un pouco difícil xa que tes que poñer en escea uns cabalos e uns xinetes. E casi a temos terminada, pero agora hai que matizar. E iso é algo moi complexo e moi traballoso, é cando comeza a matización, a ver se resulta.