Cómo celebrar a cultura

O debate sobre manter como festivo o Día das Letras revive canda a outras cuestións sobre esta data

O grande eco social que obtivo o Día das Letras dedicado a Lois Pereiro neste 2011 fai rexurdir o debate sobre o modelo de celebración da festa da nosa literatura. Entre outros temas, volta á palestra o debate sobre se o 17 de maio debe ser laborable ou continuar como festivo. Revisamos diferentes posturas encol desta cuestión na primeira dunha serie de reportaxes que quere analizar as mudanzas e as posiblidades de futuro desta celebración.

Nos últimos anos a cuestión de facer laborable o Día das Letras Galegas foi xurdindo en diferentes foros e medios de comunicación. Pros e contras de manter como festivo a data fundamental de celebración da nosa cultura póñense periodicamente sobre a mesa e revelan mudanzas no xeito no que concebimos as celebracións e mais a nosa propia cultura. A recente proposta do alcalde da Coruña de mudar ese día libre polo de San Xoán, trouxo de novo á cuestión á palestra. Malia a que o Día das Letras está a a se celebrar de 1963, por impulso da Academia, foi festivo por vez primeira en 1991, baixo o mandato de Manuel Fraga na Xunta de Galicia. Case 50 anos da conmemoración e 20 de días libres que non acabaron de consolidar o modelo, a teor dos debates recorrentes sobre o mellor xeito de conmemorar a data. No seu momento, declarar festivo o Día supuxo, sen dúbida ningunha, un pulo ao recoñecemento oficial da nosa cultura e presentouse como un decidido apoio á recuperación da nosa lingua, situando no calendario de xeito claro e simbólico a celebración. No entanto, este feito provocou unha mudanza destacada no xeito en que se celebraba a data no país.

Mudanzas
No comezo da celebración, en pleno Franquismo, a data ía vencellada a toda unha serie de reivindicacións culturais e contaba cun amplo apoio de asociacións culturais vencelladas ao galeguismo. Coa chegada da Autonomía e o recoñecemento institucional o programa fo mudando. Actos institucionais, homenaxes e conferencias compuñan o groso da axenda para a data. Canda a isto, as actividades escolares fóronse facendo un oco fundamental nas actividades arredor deste día, con participación masiva de alumnos de todo o país en todo tipo de propostas encol dos diferentes autores homenaxeados. No entanto, co tempo as cousas mudaron no panorama cultural galego, con industrias culturais mais ou menos fortalecidas, e a esta liturxia fóronse engadindo un número crecente de presentacións de produtos culturais ou postos de librarías na rúa. Deste xeito, fóronse acumulando iniciativas que non sempre atopan nun día festivo o seu mellor acomodo, como poden ser as propias actividades escolares ou a venda para as librarías.

A última proposta
O último en sacar o tema aos medios foi o flamante alcalde da Coruña, Carlos Negreira. O rexedor propuxo substitución da xornada libre do Día das Letras pola declaración como festivo autonómico do 24 de xuño, San Xoán. No entanto, unha enquisa en liña de La Voz de Galicia amosa un apoio xeral a que se manteña a festividade do Día das Letras, aínda que tamén falamos de unicamente 1.419 votos emitidos mediante o web do xornal, o que implica unha discutible representatividade. Como resposta á iniciativa de Negreira, Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, insistiu na importancia de manter como festiva a data. "É innegociable, as Letras son unha festa nacional de Galicia", sinalou, a incidir na importancia do carácter simbólico da data para a nosa cultura.

Mudar festivos
A cuestión é que eliminar ou crear un festivo é ben máis sinxelo do que semella. Cada ano elabórase un calendario de días laborables atendendo aos festivos que coinciden en domingo. No mesmo, a Xunta de Galicia ten a potestade de pór en datas de relevancia para o noso país aqueles festivos que coincidan en domingo. Tamén pode seleccionarse unha destas festividades no lugar do 6 de xaneiro, xoves santo ou o 19 de xaneiro e o 25 de xullo (só unha das dúas), aínda que ata o de agora o Goberno Autonómico respectou o calendario que propón o Central, mantendo estas celebracións tradicionais. Deste xeito, comprobamos que a celebración do Día das Letras é posible pola coincidencia en domingo dalgún dos outros festivos do calendario.

Referentes de celebración
En 2004, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega celebraba unha tertulia na que se abordaba, entre outras cuestións arredor da festividade, o tema do día libre, nunha serie de opinións plenamente vixente a día de hoxe. No encontro, Dolores Vilavedra, profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago, lembraba que “a perda de pulo do Día das Letras está vencellada á perda do seu carácter reivindicativo”, e salientou a necesidade de apostar por unha data lectiva para conseguir unha maior penetración neste sentido. O moderador da mesa, Miguel Anxo Fernán Vello, comparaba a celebración co día catalán de San Jordi. “Houbo un momento no que tanto no ámbito académico, no ensino, nas asociacións e mesmo desde institucións e medios, coa presenza de libreiros na rúa, que semellaba que este día podía ser unha especie de San Jordi galego. E isto viuse coutado cando se decidiu facer festivo”. Hoxe, o editor e poeta mantén a mesma posición, “sigo a defender que debería ser un día normal e procurar unha crecente implicación de diferentes sectores da sociedade e unha maior repercusión. Cun día festivo boa parte da poboación desconecta da realidade, trasládase do seu lugar habitual e con iso muda a conexión co tecido diario e a actividade profesional. Eu vexo un Día das Letras laborable máis vivo na cidadanía e con máis participación, tendo como referencia, aínda que afastada, esta grande festa do San Jordi”.

As librarías
Coincide con esta proposta, como era de agardar, o sector das librarías. O actual presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, sinala que “antes de que se fixese festivo había moito máis movemento entre as librarías, moitas saían á rúa, e iso é algo que hoxe é completamente impensable”. No mesmo sentido se manifestaba, na tertulia do Consello da Cultura, Antón Pedreira, un referente nese mundo. “O feito de ser festivo dá a idea de que os únicos que sostemos ese día somos uns poucos libreiros”, sinalaba naquel entón, a apuntar que ata un 20% dos establecementos de venta de libros non abren no 17 de maio, “malia a que a Consellaría de Industria habilita que se poida facer, e non abren porque realmente non venden libro galego ese día”. Patiño recupera tamén a imaxe do San Jordi como exemplo a seguir en Galicia. “Facer festivo contribúe a desvirtuar o Día. Calquera festividade é aproveitada para o lecer doutro tipo, non o cultural, e iso non axuda a promocionar a figura e a cultura. Debería artellarse como día hábil e concentrar nel as actividades dos centros educativos, facendo un día cultural xa non digo semellante ao San Jordi, pero no que polo menos se respire cultura galega na rúa”. Precisamente a participación dos centros de ensino muda enormemente en función de se a data é lectiva ou non. Así o lembraba na tertulia do Consello Pilar Sampedro, da Asociación de Literatura Infantil e Xuvenil Galix. “Realmente nos centros celébrase unha semana das letras, pero ata certo punto queda como algo éxotico. Traemos xente que vén, conta algo para os alumnos e marcha”.

A participación
Malia a que pode semellar que o festivo apoia os elementos máis litúrxicos e os actos oficiais fronte aos que poderíamos considerar como comerciais, entendendo como tal a facilidade na presentación e venda de libros, a dicotomía non queda tan clara. Tal e como sinala Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua galega, “cómpre que haxa actos institucionais, pero é importante, como aconteceu este ano en Monforte, que teñan contido, que a xente participe e non sexan eventos fechados e puramente institucionais. A afondar nesta cuestión, Cesáreo Sánchez, coincide en que “é determinante que sexa lectivos nos colexios para que participen, doutro xeito todo o mundo marcha. O prestixio do día non se consegue só dándolle unha festividade senón cunha xornada dedicada a todas as letras aínda que cun autor destacado. Ten que ser un día especial para o libro galego, e dado que normalmente vai bo tempo sería bo que se visen os libros na rúa”. Fronte ás propostas de facer un día lectivo das Letras, o escritor Carlos Negro argumentaba na tertulia do Consello que, malia a compartir boa parte dos argumentos a prol, “resulta un luxo negar a celebración de datas simbólicas onde a protagonista sexa a lingua e cultura. Non podemos renunciar a iso. A falta de normalización cultural e lingüística no país mantense como un dos principais argumentos a prol da necesidade dunha data neste sentido”, explicaba.

Pendentes da Academia
Dun xeito ou doutro, semella claro que o modelo para o día das letras está pendente dunha reformulación. Na actualidade, no entanto, semella que a Real Academia, principal responsable desta celebración, amosa unha maior permeabilidade ás propostas sociais do que noutros tempos. Segundo recoñece Cesáreo Sánchez, “As Letras son froito da composición da propia Academia, e esta mudou moito. En xeral, pódese dialogar con eles, e hai unha confianza que facilita a colaboración”. A propia elección de Pereiro respondeu ata certo punto a un movemento social neste sentido, e é ben posible que o Día das Letras de 2011 marque nunha grande medida o futuro desta celebración. Queda por ver as leccións que se tiran.