Nas últimas semanas un calafrío percorreu as letras do país. Un agre debate monopolizou intervencións en columnas de opinión e na rede. As preguntas son vellas: ¿Temos unha literatura de calidade? ¿Podemos competir no panorama internacional das letras? A cuestión non é nova, nin moito menos. Agora, ¿é normal que se este a falar disto nestas alturas? Consultamos estudosos das nosas letras para que analicen a pertinencia deste debate.
É difícil que nesta altura alguén interesado pola literatura do país non se teña decatado. Unha columna do académico Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia o pasado dezaseis de decembro abría unha pequena caixa dos tronos nas nosas letras. No seu texto, este escritor e estudoso apunta ideas coma o que se escribe en galego acostuma ser, non só de moi pouca calidade, senón un timo á cultura, á intelixencia e ao bo gusto ou penso que nos últimos corenta anos a creación en lingua galega se foi degradando. Estas incendiarias declaracións deron nunha fervenza de respostas e nun intenso debate no que se implicaron nomes coma Manuel Rivas, Suso de Toro ou Manuel Bragado, para alén dun bo feixe de internautas máis ou menos anónimos. Unha das últimas intervencións foi a de Camilo Franco, apuntando a posible existencia dun compoñente xeracional no debate.
Cuestión repetida
Desde o seu posto de profesora de Literatura Galega na Universidade de Barcelona, Helena González labrouse nos últimos anos un sólido nome como estudosa da nosa literatura. Desde alí, apunta que a polémica é un síntoma de normalidade. Amosa que é posible debater sobre qué tipo de literatura temos e como debería ser, e sobre todo enfrontar posicións que cren nunha literatura de elite con outras que cren na capacidade de producir textos non só destinados a ser clásicos, senón axeitados para todos os públicos. Como era de agardar, este tema xa xurdira con anterioridade nas nosas letras, e a súa resolución deixouse sentir no mundo editorial e na configuración do noso panorama cultural. É un tipo de polémica recorrente, pero paréceme mellor unha literatura con polémicas que unha que só sexa un listado de novidades. Non todos os que participamos no campo literario temos as mesmas posturas, explica González. Nos anos oitenta, por exemplo esta foi unha das grandes cuestións, lembra. Acabou gañando a necesidade de diversificar a literatura. É curioso que fose Franco Grande quen desencadease o debate, coma se escusase todo o debate que vertebrou o mundo editorial e o sistema literario galego daquela.
Vida e antecedentes históricos
De xeito semellante, o crítico e escritor Manuel Forcadela, salienta que esta polémica é unha crise de crecemento, un sinal de que `valemos´. Ninguén atraca unha esterqueira. A maiores, apunta que o tema é recorrente na historia das letras universais. O debate é tan antigo como a mesma literatura e reavívase cada certo tempo naquelas tradicións literarias que están vivas. Nese sentido é un síntoma de vitalidade, resume. A facer historia, este investigador lembra que se nos temos que retrotraer historicamente sería bo relembrar o famoso Debate dos Antigos e os Modernos na Francia do S. XVI sobre os méritos do francés e do latín como linguas literarias. As posturas opostas eran o progreso e o racionalismo fronte á reverencia polas regras e preceptos dos clásicos. A cuestión repetiuse, con variantes, en diferentes épocas e sistemas literarios. O mesmo aconteceu na Literatura Portuguesa, nosa irmá, no tránsito do neoclasicismo ao romantismo. E qué outra cousa dicía Manuel Antonio no seu celebérrimo manifesto `Máis alá´.
Elite e masas
Á hora de analizar o debate, González resúmeo á loita entre a idea dunha literatura de elites e unha aposta por chegar ao máximo público posible. Hai debates semellantes sobre a calidade da lingua. Hai quen clama por unha lingua literaria mais canónica, equiparable co canon universal, e quen defende o acceso dun maior número de falantes e de públicos, explica. O problema de tentar producir só textos que sexan pretendidamente clásicos dá o problema de ver cáles son e quén o decide, isto foi algo que argumentou moita xente que participou neste debate. Eu penso que non hai literatura galega se non é para todos os públicos, non pode vivir só para a academia.
Distintas xeracións
En canto á presenza dunha cuestión xeracional neste debate, Helena González apunta a adecuación das letras á súa época e o feito de que o concepto de calidade varía. No mundo da tradución xa se chegou á conclusión de que cada período histórico ten que revisar as súas translacións. Entón tamén debemos dispor de literatura propia para diferentes públicos e distintos períodos, lembra. Hai libros que á xente dunha xeración non lle din nada e que pode acompañar os lectores dunha xeración posterior.
Distintos sistemas
Para alén das xeracións, a calidade tamén varía segundo o contexto cultural no que se lea unha obra. Cando estudamos outras tradicións literarias sorpréndennos determinados prestixios. Obras que son obxecto de grandes gabanzas e que non terían cabida entre nós. Por iso os textos son traducibles pero os autores non, nin moito menos as tradicións, explica Manuel Forcadela. Que un texto sexa un clásico nunha tradición non quere dicir que o vaia ser noutra. Os americanos foron quen de venderlle ao mundo obras de calidade pésima que xamais serían valoradas fora do contexto político-social que as fixo cumios estéticos.
O debate que virá
O que está claro é que non vimos aínda o último asalto do debate sobre a calidade da nosa literatura. Forcadela teno claro. Mentres `o capital simbólico literario´ siga `a amorearse de xeito nacional´, tal e como proclamou Pascale Casanova, a literatura galega seguirá a ser un síntoma indispensable da existencia da nación galega e todos os conflitos que se xeren no seu seo seguirán a ser unha mostra de que ese capital existe e hai quen está disposto a pór o seu prestixio en xogo para obter algún beneficio, explica. E conclúe: Como dicía Mao, que mil flores nazan e mil escolas poéticas compitan.