Enterrar os papeis (literalmente)

O material que a familia de Villaverde cedeu á RAG é clave para entender o movemento obreiro

En agosto de 1936, días despois que a Garda Civil viñera buscar a José Villaverde, o seu sogro Joaquín colleu fotografías, cartas e xornais que el dirixira e gardounos nesa maleta. Enterrouna nos terreos da fábrica Senra da Coruña, onde permaneceu ata finais dos corenta, cando unha noite o mesmo sogro que enterrou foina buscar para evitar que a descubrirán coa urbanización do solar. O contido desa maleta, fundamental para entender o movemento obreiro en Galicia, gárdase desde a semana pasada na Real Academia Galega.

Son preto dun centenar de fotografías, manuscritos persoais e a colección de xornais máis completa que se garda no mundo do xornal Solidaridad. Un material que pertenceu a José Villaverde, un carpinteiro da Coruña que chegou a dirixir o xornal que daba conta da actualidade obreira en Galicia. A súa foi unha das milleiras historias de paseados que se documentan no proxecto interuniversitario sobre a Guerra Civil e o franquismo Nomes e voces . Un dos investigadores, Gustavo Hervella, comenta cinco dos fondos que as herdeiras de Villaverde lle cederon á Real Academia Galega a semana pasada.

José Villaverde: o carpinteiro








Fotos: Proxecto interuniversitario sobre a Guerra Civil e o franquismo. Nomes e voces
“Este é José Villaverde, o dono da maleta” explica Gustavo, ato tempo que indica que foi director de Solidaridad e colaborador do xornal La Calle. “Era carpinteiro, naceu en Santiago e afiliouse á CNT en Vigo, pero logo acabaría vivindo na Coruña” explicou. Foi asasinado en Arteixo o 25 de setembro, sen xuízo e despois de ser paseado. Boa parte do material que aparece na maleta revela parte do carácter deste home que, sen formación académica lía cousas como “Los males del alma y la eugenesia”, “Sociedad y prostitución”, “Los sindicatos obreros y la revolución social” ou “Turistas en España”.

Solidaridad








Fotos: Proxecto interuniversitario sobre a Guerra Civil e o franquismo Nomes e voces
“É un xornal dos anarquistas da Coruña, da CNT no que José Villaverde foi director e redactor” explica Gustavo Hervella. “É un periódico anarquista que é moi importante porque nel escribiron destacados anarquistas, non só de Galicia senón do resto do Estado”. Ademais, trátase da colección máis completa que existe no mundo que se conserva deste xornal. Ademais, na súa opinión, resulta moi importante para estudar o período anarquista en Galicia. Gustavo Hervella explica na maleta tamén estaba o xornal La Calle, do que hai 7 exemplares, que son os únicos que se conservan no mundo.

Unha figura clave: o sogro








Fotos: Proxecto interuniversitario sobre a Guerra Civil e o franquismo Nomes e voces
O home que sae nesta foto é Joaquín Otero, o sogro de José Villaverde . Gustavo explica que “Joaquín Otero era un anarquista clásico, foi o fundador de Germinal e foi o que enterrou a maleta no ano 1936”. Foi en agosto de 1936 nos terreos da Fábrica de zapatos Senra. Precisamente o lugar no que Joaquín e os seus fillos traballaron e que lles evitou ser tamén paseados. “Foi tamén o que recuperou o cadáver do seu xenro logo de ser asasinado e, unha década despois, de desenterrar a maleta e gardala”.

A familia







Fotos: Proxecto interuniversitario sobre a Guerra Civil e o franquismo Nomes e voces .

Son a viúva e as fillas de José Villaverde, froito de dous matrimonios diferentes. Nesta foto destacan os nomes que lle puxo á súas fillas: Nieves Libertad, Mar y Luz (que non Mariluz) ou Fraternidad. “Foron as que tiveron a documentación toda, as que gardaron a memoria de José Villaverde e que agora cederon á Real Academia Galega” di Gustavo Hervella.

O momento previo á Guerra Civil








Fotos: Proxecto interuniversitario sobre a Guerra Civil e o franquismo Nomes e voces

Esta foto está aquí porque aparecen dúas persoas portando “Solidaridad obreira” e “Tierra y libertad”, dous xornais da época” explica Gustavo. A foto foi tomada na praia de San Amaro, dun grupo de libertarios da Coruña que estaban na Praia e reflicte a sociedade que existía antes do golpe de Estado. “Pódese apreciar nos traxes de baño, moito máis curtos que os que viñeron despois, na presenza de mulleres e homes xuntos e nas actitudes que rompería despois o 1936” explica. Vestido cun traxe negro está Jose Villaverde.