Estes clips soan

Revisamos os creadores de videoclips galegos cando se vive un bo momento para o xénero

Fotograma de <i>¿Cómo haremos para desaparecer?</i> de Rubén Domínguez
Fotograma de ¿Cómo haremos para desaparecer? de Rubén Domínguez
Por número, por calidade e por relevancia, o videoclip galego está a vivir un bo momento. Sábeo ben Alfonso Pato, ideólogo do festival de Cans e do extinto programa Onda Curta, que cada ano se sorprende pola calidade deste tipo de traballos. “O clip non é só meterlle unhas imaxes á música dun grupo, poñer a banda audiovisual a unha canción, o clip é algo máis: ten que ter actitude e estética”. Revisamos algúns dos creadores que están a despuntar neste xénero.

“A miña observación como director do programa Onda curta é que nos últimos cinco ou seis anos foron mellorando a calidade e a cantidade deste tipo de xénero” explica Alfonso Pato. Dun tempo a esta parte, o festival de Cans que el promove inclúe este formato na súa sección oficial e o número de producións que reciben non deixou de medrar. “Este ano recibimos entre sesenta e setenta traballos, con maior calidade e algúns feitos case ex profeso”. Luis Pardo tamén aprecia este incremento, “desde que nós comezamos co programa (V Clip de V Televisión), houbo un número notorio que entendemos que se debe tanto ao abaratamento da tecnoloxía, como á rede que multiplicou as posibilidades de difusión deste xénero”.

Os creadores
Son moitos nomes, pero na súa opinión hai referentes que están a xogar un papel moi destacado. “Non teñen ningún denominador común, máis ben o contrario, que destacan pola súa variedade e a súa diversidade” para Alfonso Pato. Un aspecto no que coincide Luis Pardo, que afirma non existir un único perfil e un abondoso número de creadores.

Juan Lesta e Belén Montero



“Son un punto e a parte neste tipo de xénero” explica Luis Pardo. Algo no que coincide Alfonso Pato, que di deles que “xogan noutra liga e cun criterio no que mesturan disciplinas próximas ao videoarte, videointalación, etc”.

Javi Camino


Ten elaborado videos para grupos novos e músicas novas como Franc3s, TAB ou SraSrSra. Para Alfonso Pato son aire fresco no panorama creativo, “ruidismo, imaxes suxas e aire gótico, todo mesturado con esa pegada gore que leva dentro e da que non se da despegado”. Luis Pardo destaca a versatilidade deste creador porque “está en todos os lados, tamén é certo que ten videos como Comebolsas que fixo nun par de horas, só así se xustifica ese ritmo de produción que nos da a sensación de que está en todos os lados”.

Rubén Domínguez

Sr. Anido, Novidades Carmiña ou o último de Franc3s son algúns dos grupos para os que Rubén Domínguez ten creado algún videoclip. Pato destaca del, a súa estética “as súas influencias da cultura pop e esas reminiscencias da estética punk que o caracterizan. É fresco, ten actitude e non ten complexos en facer imaxes para adiante”.

Alberto Baamonde

É o autor de tres dos videoclips de Eladio y los seres queridos como son La Cruz, España a las 8 ou Le Punk. Alberto é un creador que está a medio camiño entre o underground e o proceso xa industrial dos clips”. É un referente de creador deste tipo de xénero e , ademais de videoclips, fai audiovisuais para festivais, xiras e concertos. Luis Pardo destaca del o proxecto light sesión “que colle aos artistas nun momento de relax, unha cousa entre a improvisación e o videoclip, que empezou antes dos concertos e montaba unha cousa moi creativa. Ten unha mirada bastante persoal e moi fácil de identificar”.

Juan Pablo Etxeberry

Luis Pardo destaca Juan Pablo Etxeberry o videoclip “Dos semanas” que fixo para o grupo Misterioso Viaje Hollanda. “Creo que é unha mostra de como se aplica a animación, a unha historia como é do videoclip” explica o director de V Clips.
Desenvolven o seu traballo en Cataluña pero son galegos e tamén teñen un oco neste tipo de creadores. Son os CATALEGOS, un núcleo artellado arredor dos grupos CATPEOPLE e MANOS DE TOPO. “Nos vídeos de Catpeople, explica Alfonso Pato, ten moito que ver o vigués Adrián Pérez, cantante tamén do grupo, son increíblemente bos e teñen unha linguaxe moi publicitaria”. E no de “Manos de Topo”, está o vigués Rafa de los Arcos, que ten feito clips para varios grupos, en Galicia e Barcelona. Neste caso, Luis Pardo destaca o feito de que “Rafa compón videoclips para un montón de grupos de todo o Estado, pero ningún para o seu”.

Agás o caso de Belén Montero, non existen moitas mulleres creadores deste formato. Luis Pardo e Alfonso Pato coinciden en que hai certas ausencias neste sector, que esperan que se normalice.