Unha semaniña de catro discos

Treixadura fecha un ciclo con Esa si que é muiñada, o seu novo álbum

Material gráfico do disco
Material gráfico do disco
O último álbum de Treixadura fecha un ciclo que coincide con vinte anos dos grupo e cunha tetraloxía discográfica, un proxecto pouco común no noso país. A seguir a liña de recuperación de cantos tradicionais e de taberna, o grupo combina agora o seu son co das bandas de música e outras corais nunha ambiciosa aposta que estará de xira polo país esta verán.

Comezou con Unha noite no muíño en 1999 e finaliza neste 2011 con esa si que é muiñada. Catro discos, cada un dos cales ten como título un dos versos desta coñecida cantiga, foron a grande a aposta de Treixadura polo seu traballo de recuperación e reinterpretación de cantigas tradicionais. "Cando comezamos era para nós un soño conseguir completar esta tetraloxía. A medida que foi pasando o tempo e fomos atopando a colaboración da xente e do público vimos que podía ser posible", explica Toniño, percusionista e voceiro da formación. No camiño, o proxecto pasou de ser un grupo de gaitas e percusión de 5 membros a integrar un orfeón con dez persoas máis. "Un punto de inflexión foi o comezo da colaboración con eses dez homes que nos botaron unha man e que acabaron sendo o Orfeón Treixadura, que nos directos deunos unha saída moi potente". Na actualidade, este grupo vocal está totalmente inserido no grupo e supón a seña de identidade do son Treixadura. "O que queriamos cando comezamos o proxecto era servir un pouco de elo na cadea de transmisión da música tradicional. Non só tocar o repertorio propio de gaiteiros, coros e bandas de música, senón tamén crear algo máis na música popular, por iso tamén hai temas propios de Treixadura", lembra Toniño. O proxecto avanzou compilando e versionanto temas tradicionais máis ou menos coñecidos.

Muiñada
"Este é un disco que envolve un pouco toda a traxectoria do grupo" lembra o percusionista do grupo. Na presentacón da obra, fálase dos "cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas,que permanecen en nós desde a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e a música". O proxecto, autoeditado e gravado nos estudios Casa de Tolos, conta con convidados de luxo, xa que reúne, na Foliada marmuradora e mais no tema que dá nome ao disco as voces dos catro coros decanos do noso país: Real Coro Toxos e Froles, Coral De Ruada, Cantigas e Agarimos e Cántigas da Terra. Canda a eles, a Agrupación Musical do Rosal participa tamén no último tema, unha aposta que quere reivindicar a importancia das formacións destes tipos na recuperación e transmisión da nosa música. O disco inclúe ademais unha nota emotiva cun tema dedicado a Xosé Méndez, Morgan, membro do orfeón falecido en 2010. "Dedicámoslle o tema Canto do meu compañeiro, unha canción tradicional á que lle engadimos unha nova copla", lembra Toniño. Canda a este tema, destaca propostas como Caraveliños, con letra tradicional sobre música propia, ou a xa mentada colaboración cos coros. "Están gustando moito unha serie de Alalás que gravamos e que pensamos que non ían ten tanta popularidade. Ao final será o público quen vaia peneirando estes temas".

O segredo Treixadura
Facer vinte anos de traxectoria no folk galego non é tan sinxelo, e menos coa saúde coa que celebra o seu aniversario esta formación. Unha das grandes peculiaridades de Treixadura é que conseguiu que algunhas das melodías orixinais que incluíu nos seus discos se incorporansen a repertorios de formacións de gaitas e outros grupos como se fosen pezas populares, como é o caso da súa Muiñeira de Santo Amaro. "Sabemos que moitos gaiteiros valoran o noso grupo, encántanos que nos concertos a xente cante con nós, mesmo temas que non son populares, e que apareza a nosa música nos bares e en festas e que se cante". A aceptación de Treixadura débese en boa medida a súa aposta pola vertente máis festeira da nosa tradición, cantos corais que en moitos casos son propios de tabernas ou eventoso sociais. "Cando o grupo naceu hai vinte anos estábamos convencidos d eque un grupo de gaiteiros tiña que ser capaz de facer un espectáculo como calquera outro. Era un momento no que a música de gaita non estaba moi considerada, e penamos que había que a actualizar algo e darlle un carácter máis lúdico no directo" lembra Toniño.

A evolución do público
Malia a que agora estes conceptos poden parecernos habituais, no seu momento supuxeron unha novidade no paronama da música tradicional galega, e foi parte dun proceso que deu nun potenciamento dos aspectos festivos da tradición. "As cousas van evolucionando. Hoxe é moi sinxelo atopar toda unha serie de seránas e de citas deste tipo no calendario. A música tradicional está a ocupar un epazo que tiña antes, está a darse unha revitalización cunha boa masa de xente que se dedica a tocar a cantar". Cun maior ou menor apegamento á tradición, a vertente máis verbeneira da nosa música popular tivo outros representantes neste período como son Quempallou ou Os Cempés, entre outros, afianzando un panorama ben afastado do formalismo que durante anos caracterizou a música e o baile tradicionais.

Despois da fin do ciclo
Unha vez rematado o ciclo destes catro discos, queda por saber cal é o camiño de futuro do grupo. Se temos en conta que antes unicamente publicara un disco como quinteto de gaitas e percusión, é difícil ter unha base para se facer unha idea da vindeira evolución. "Non sabemos ben aínda o que faremos. Polo de agora estamos a gozar do sabor deste, pero é de agardar que seguiremos nunha liña semellante, cun estilo moi clásico. Tentaremos coida a música de gaita, facer certa compilación nese sentido e seguir achegando a nosa música para o popular". Entre os proxectos máis inmediatos está facer os concertos de presentación do proxecto, que o grupo pretende concentrar cara aos vindeiros outono e inverno. "O verán será algo de repouso. Queremos aproveitar despois as salas e auditorios para que a xente poida escoitar e participar con calma. Polo xeral toda a programación neste estilo concéntrase no verán, pode acontecer que haxa un baleiro no inverno e aí queremos ir nós".

Ven ver o mar by Treixadura
Dosier sobre Esa si que é muiñada.