O corpus poético de Álvaro Cunqueiro duplicarase con textos inéditos seus no ano do centenario. Así o aseguraba onte Manuel Forcadela no faladoiro que sobre o autor mindoniense organizou o Consello da Cultura Galega na súa sede en Compostela. Este escritor e profesor da Universidade de Vigo asegurou que faltan aínda por descubrir boa parte da produción poética do autor, e que a celebración do centenario do nacemento de Cunqueiro servirá para saia á luz. A coincidir con este evento, o Consello da Cultura Galega abriu a inscrición, a través do seu web, do congreso Mil e un Cunqueiros, que se celebrará entre o 28 de setembro e o 1 de outubro.