e-catálogo

Desigual ritmo das editoras na implantación do libro dixital

Hai moitas incógnitas aínda por despexar ao redor do libro electrónico. En qué formato traballar, para qué dispositivos, se facer só unha traslación do libro impreso ao dixital ou, pola contra, buscar un formato enriquecido. Segundo datos do Ministerio de Cultura, só o 3% dos libros que se venden están en formato dixital. Mentres as editoras galegas esperan que o mercado despexe dúbidas sobre a fórmula a seguir, cada quen fai as súas experiencias por separado. En total hai disponibles 250 títulos en diferentes plataformas e formatos.

“O mercado editorial galego ten a disposición do público 250 títulos de libros dixitais na nosa lingua” afirmaba Anxela Chillón, de Galaxia nunha conferencia denominada “Novos títulos en galego en libro electrónico” organizada hai unhas semanas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. E con iso, segundo datos da Panorámica da edición española de libros, informe publicado pola Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura, o galego é a terceira lingua na que se editan máis libros electrónicos en todo o estado. Con todo, o certo é que as diferentes editoras consultadas aseguran que se están a dar paos de cego neste sentido. “Non temos datos moi fiables, e os que hai son a nivel estatal e din, entre outras cousas, que o libro dixital supón xa o 15.9% das obras rexistradas, pero só o 3% da facturación” afirmaba Anxela Chillón do departamento de Innovación e Novas Tecnoloxías de Galaxia.

Un catálogo moi dispar
Se no ámbito estatal, o 75% das editoras españolas teñen un proxecto dixital en marcha, no caso galego, esa porcentaxe descende ata o 50%. Aínda así, teñen ritmos de traballo moi diferentes, pero cada un próximo á liña de traballo que xestiona para a edición en papel. Por poñer casos concretos, Alvarellos Editorial está a desenvolver dúas liñas de traballo. Unha primeira de dixitalización do fondo para poñer á venda exclusivamente en dixital. “Serían uns 10-15 títulos, dispoñibles proximamente a moi baixo prezo (entre 2 e 4 euros) que están descatalogados e que reeditamos case para bibliófilos” afirma Henrique Alvarellos, responsable da empresa. Canda esta liña, están a preparar outra sección para ver “o modelo de negocio que se establece en cada título, por exemplo se nos centramos soamente en traslación do texto, sen ningún contido engadido, o custe non pode ser máis do 40% do que custa en papel”, asegura ao tempo que ten claro “que se falamos de texto enriquecido con audios, vídeos ou outro material entón terá que ter outro prezo”. A distribución das publicacións será a través de Meubook (a plataforma de distribución de Tórculo) e da vindeira plataforma que vai a poñer a disposición do público a Asociación Galega de Editores. “Os editores pequenos non nos podemos permitir o luxo de ir innovando, así que ás veces esperamos que sexan as grandes editoras, as que teñen máis marxe, as que vaian de avanzadilla neste sector, para logo nos ir copiando as fórmulas” explica o director de Alvarellos. Pola súa banda, Pablo Morell, da editorial Trymar que ten unha marcada liña pedagóxica, afirma que están na mesma fase de agarda, para ver como se desenvolve o mercado. “Estamos estudando a fórmula que se axusta mellor e que funciona no mercado” asegura Pablo Morell, que conta con oito títulos en formato ePub que pretenden por á venda a través da Plataforma da Asociación Galega, así como nunha tenda virtual propia. A estratexia de Trymar é que “non debe ser só a simple traslación do texto, porque para iso xa existe o formato CD, e nós queremos crear algo máis, ben sexan xogos, ben sexan sonso u calquera outro formato”.

Para grandes e para pequenos
Con todo, malia que as editoras están realizando tímidos intentos nese sector, “con nulos resultados económicos” asegura Anxela de Galaxia, hai dúas liñas de traballo que van sempre de avanzadilla como son os materiais didácticos e os recursos destinados a público infantil. Con respecto aos primeiros hai exemplos en numerosas empresas: a editora Xerme, a conta con 28 títulos desenvoltos en Flash, máis os libros de textos dixital para varias materias de primaria e secundaria; pola súa parte, Baía edicións tamén desenvolve libros de texto que, tal e como explica a súa directora, Belén López, “fan parte da rede Abalar, da Consellaría de Educación, que obriga a elaboración de materiais pedagóxicos específicos para o proxecto”; a editorial Galinova está a desenvolver DVDs interactivos para Educación Primaria, así como presentacións interactivas multimedia para a ESO sobre a Historia da ópera, o folclore, o jazz, o rock e o flamenco. Pola súa banda, a liña de traballo de Galaxia para público infantil está a traballar, tal e como explica Anxela, no libro enriquecido. “Cremos que pode non ser tan interesante a mera traslación como engadir outra serie de posibilidades” explica. De aí que Galaxia teña disponible a través da web Contoplanet cinco títulos, máis a experiencia do Soldadiño de Chumbo (elaborado con Continental e Moonbite Games) para iPad.

Non son estrictamente materiais educativos, pero si teñen un matiz de consulta a liña de traballo que desenvolve Baía Edicións. A súa directora, Belén López, asegura que “pensamos que non era moi cómodo ir polo monte cunha guía e comezamos a desenvolver unha aplicación para dispositivos móviles da nosa Guía de Árbores que permite identificar e coñecer as 50 especies máis común en Europa”. Algo semellante ao que fixo Ir Indo, que ten o diccionario de galego accesible a través da rede e de móbiles (www.digalego.com). Segundo Belén López, “esta é a liña que hai que seguir cos libros de consulta, como poden ser os ensaios e que a xente necesita para consultar algo concreto, non para ter todo o exemplar”. Na súa opinión, neste tipo de materiais “ten que primar o componente práctico”.

Despois, de xeito anecdótico e meramente de testeo de cómo vai o sector, as editoras contan con algúns títulos en epub (formato máis popularizado para o libro electrónico). Alvarellos contará despois do verán con entre dez e quince títulos do seu fondo histórico; Xerais conta con dous títulos xa á venda (www.todoebook.com) ; Trymar estará despois do verán con 8 títulos con DRM propio e que se porá á venda no seu propio web que, segundo os seus cálculos, estará operativo para 2012. Con respecto aos prazos, os editores recoñecen que non son períodos ríxidos, senón que depende do mercado. Belén López recoñece que “non sempre os proxectos levan os ritmos que queremos, estamos a ter moitos atrancos para desenvolvernos neste novo panorama, porque nos movemos en areas movedizas”.

As dificultades: entre o prezo e a distribución
“Hai a sensación de que o libro sáelle gratis ás editoras, pero non é exactamente así” explica Anxela de Galaxia. Con todo, son moitos os editores que recoñecen que o libro dixital permite aforrar custes de distribución e impresión que, nalgúns casos supuñan o 70% do prezo do libro en papel, pero ten outros. Belén López explica que o libro electrónico ten un IVE do 18%, moi superior ao 4% que ten en papel. Pero non só é iso, senón que moitas plataformas de distribución destes novos libros teñen uns prezos moi elevados. “Hai algunas que cobran o 60% do prezo final, porque se encargan tamén da conversión con sistemas de antipirateo, máis se encargan da distribución” explica Henrique Alvarellos, que ten moi claro que o prezo do libro dixital debe ser moito máis reducido. Para evitar iso, alén dos esforzos dalgunha editora por crear un DRM (sistema anticopia), está o anuncio da Asociación Galega de Editores de presentar para despois do verán, unha plataforma online para a venda de libro galego tanto físico como dixital. E que a realidade, segundo confesan todos os editores consultados, recoñece que o libro dixital está moi lonxe de ser rendible.