A época de Pereiro

Galicia olla a movida dos 80 arredor da homenaxe do Día das Letras

Efervescencia creativa, cultura de base, descubrimento da noite, drogas, moda, videocreación, música... A época da movida está vencellada a unha serie de ideas que agora, a coincidir coa celebración do Día das Letras, Galicia olla con certa nostalxia. A época na que transcorreu Lois Pereiro desenvolveu a maior parte da súa obra poética aparece retratada en artigos, documentais, exposicións, concertos e espectáculos. Asomámonos a uns anos que, ata certo punto, están mitificados na actualidade.

Malia ao carácter icónico encol da movida que nesta ano está a recibir a figura de pereiro, non todas as opinións son unánimes á hora de falar do seu vencello con este movemento. María Fidalgo, historiadora que ten publicado diferentes artigos sobre esta época e, en particular sobre como este movemento se deu en Compostela, é unha das voces que cuestionan esta identificación. “Non penso que s epoida considerar que Pereiro sexa un representante da movida galega. De feito na súa biografía coincídelle fóra nos principais momentos da movida, e tampouco lle coincide exactamente por idade”, explica. “El como personaxe si que resulta típico desta época. O seu desenvolvemento como home maldito e poeta de culto, a relación coas drogas e a súa morte, e mesmo o seu aspecto físico nos últimos anos si que se corresponde co espíritu da movida. Pereiro pode relacionarse en todo caso coa movida en xeral e mesmo coa de Madrid, non tanto coa galega, tiña unha perspectiva máis cosmopolita”. Si recoñece esta historiadora unha certa conexión na pegada deste proceso no Monforte natal do poeta. “É certo que a xente de Monforte apostaba completamente pola movida, e notábase cando viñan a Santiago. Eran máis modernos que ninguén e apostaban completamente por unha estética posmoderna”.

O Lois da movida
Aínda que, efectivamente, a súa biografía mantivo a Pereiro afastado de Galicia nos primeiros anos deste proceso, o seu irmán Xosé Manuel defende a súa integración total neste movemento. “Certo que primeiro de todo habería que definir o que é a movida. Se entendemos como tal unha xente que consumía un determinado tipo de cultura que estaba a nacer por entón, entón está claro que Lois estaba plenamente integrado”. E cita como exemplo a súa presenza habitual en concertos e eventos culturais como a visita de La Fura dels Baus á Coruña. “Outra cousa, se se quere, eran os seus gustos musicais, que en parte coincidían cos do momento e en parte non, como lle pasa a todo o mundo”, conclúe. Para alén, a nivel de participación en propostas colectivas, Pereiro sostén que o poeta “escribiu nas principais revistas que se fixeron. Non só foi un dos fundadores de La Naval, senón que tamén participou en proxectos como Trilateral, Anima+l, La favorita ou Das Kapital entre outras”.

A Coruña
Dentro das revisións sobre aquel fenómeno que se están a desenvolver no noso país a coincidir co Día das Letras dedicado Pereiro, destaca especialmente a exposición Desembarco dos 80. Cando a Coruña foi posmoderna que fai un repaso da pegada desta época na cidade. Aínda que Fidalgo, por exemplo, non concorda moito coa importancia da movida coruñesa. “Penso que A Coruña non era para nada posmoderna. A movida era máis en Vigo, no campo da creación e de Santiago como difusión. Alí non había case nada, a xente ía a Santiago a saír. E está o exemplo de Clangor, que abrira na Coruña e tivo que fechar, e logo arrasou en Compostela”. Pola súa banda, Pereiro, aínda que recoñece unha menor dimensión do movemento fronte a outro lugares, sinala que “na Coruña desenvolveuse unha perspectiva máis irónica e poida que máis global. O concello implicouse menos, e estaba a Universidade Menéndez Pelayo que era a que desenvolvía iniciativas de todo tipo”.

O fenómeno vigués
Fidalgo recoñece a sorpresa que xerou xa no seu día o enorme eco que acadou a movida viguesa. “Ninguén se explicaba iso. Era unha cidade que non saía nin nos mapas do tempo, e naquel momento nin sequera tiña unha identidade moi definida. Entón a comezos dos oitenta comezaron a aparecer grupos que se reunían a tocar polos garitos, mesmo con fenómenos de fans, e conseguiron un tirón social inexplicable”. Nese movemendo, Fidalgo destaca especialmente o traballo desenvolvido por Bibiano. “Fora cantautor nos anos setenta, pero reconvertiuse e fíxose o número un da movida de Vigo” lembra Fidalgo, que destaca a explosión creativa que supuxo este momento para a cidade, especialmente no plano musical e mais no pictórico, coa creación do Grupo Atlántica. “Está por ver aínda o valor que ten o grupo para a posteridade, pero no seu momento si que tivo un papel revulsivo importante”. Encol do éxito no seu momento da movida viguesa, Pereiro sostén que é en parte resultado dunha certa especialización que se deu ao longo do Estado. “En San Sebastián estaba o pop delicado, no resto do País Vasco o Rock Radikal, e logo en Vigo había unha escena moi potente, fundamentalmente con Siniestro Total pero tamén cos Resentidos, Aerolíneas Federales e moitos máis grupos. Ademais, había unha oferta de locais de ocio e de espazos para actuacións que propiciaba esta escena musical”. O interese da cadea Radio 3 por este movemento facilitou a difusión do traballo que se desenvolvía en Galicia, ao igual que noutros lugares do Estado. “En xeral, eu penso que cando sae a flote a creatividade que hai, Galicia destaca. Outra cousa é o caso que se lle queira facer fóra. Cando están de boas ponse como algo exótico, se están de malas pasan didrectamente. Naquel momento, eu penso que había receptividade basicamente porque se facían cousas boas”, conclúe Pereiro

Compostela
Ao ver desta historiadora, a cidade careceu dunha vertebración co resto do país. “A xente da movida viguesa querían irse a Madrid e non tiña relación específica con Galicia. Ademais, en realidade era un movemento no que participaba moi pouca xente, eran todos da música e amigos, profesores e algúns mozos e mozas. A xente maior estaba coa reconversión e non había cartos para que os novos saísen”.Fronte a isto, contrapón a importancia de Compostela como cidade universitaria na difusión da movida en Galicia. “ “Era unha burbulla, unha cidade exclusivamente de estudantes. Entre aqueles 50.000 universitarios convivían xente do rural, urbanitas de Vigo, pijos da Coruña e fillos de militares de fóra. É o momento no que máis xente nova estuda por vez primeira en Compostela, non ten un pasado que reivindicar e opta por tomar a música como estandarte e o hedonismo puro”, resume Fidalgo. A pegada de locais como Clangor ou Número K supuxeron un revulsivo que para esta historiadora marcou o desenvolvemento da movida e do ocio noctunro no país. “Despois, cando voltou ao pobo, a xente exportou todo o que viu na cidade. E a partir de aí foise facendo un cambio nas vilas e naquel momento xestouse a noite que existe agora. Non se tratou de creación senón de difusión, non había moitos grupos da cidade”. Do mesmo xeito, considera que foi nesta cidade onde se xerou unha certa identidade galega da movida. “Nos pisos de estudantes a convivencia era tan estreita que mesmo xente que falaba castelán aprendeu galego alí. Deuse unha normalización máis intensa que a que conseguiron as políticas públicas”.

A pegada galega
Como riscos peculiares do movemento en Galicia, para o antigo vocalista de Radio Océano destaca “fundamentalmente a ironía”. Un xeito de abordar o mundo e a propia creación artística que ao seu ver atravesaba a movida nas diferentes cidades do país. “Pode verse en temas de Siniestro Total ou os Resentidos, no Atlantismo ou naquela grande publicaicón irónica que era La Naval, lembra. “Había unha certa ollada distanciada sobre as cousas, non era a épica do rock radical vasco nin o movemento potente pero sen sinais claras que se podía dar en Barcelona, Valencia ou Andalucía. Malia a que un momento de globalizar a cultura, aquí globlizábase asumindo como propios varios puntos de vista”. Como exemplo desta perspectiva, lembra a intervención do propio Lois Pereiro no coloquio Norte/Sur que se celebrou na Universidade Internacional Menéndez Pelayo en 1986. “ 'No sur tedes todo moi claro, no norte só sabemos o que non somos', dixo, e penso que iso resume bastante a diferenza”.
Catálogo completo da exposición Desembarco dos 80 en pdf.
Fonte: Concellalía de Cultura da Coruña