O colectivo Tender a Man levará a Pereiro ata Toquio

Multiplícanse os actos en memoria do poeta

Danza, música contemporánea e poesía mestúranse na proposta coa que o colectivo Tender a Man achegará a Lois Pereiro a Toquio. No marco do Instituto Cervantes da capital xaponesa, Branca Novoneyra, Yolanda Castaño, Mónica Nut e mais os músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés presentarán o 17 de maio ás 19 horas a súa proposta multimedia, que inclúe a proxección de textos en xaponés, castelán e galego. Canda a esta, multiplícanse as propostas homenaxe ao poeta monfortino.

Entre outras, confírmase a celebración dun plenario extraordinario da Real Academia en Monforte, ás 12.15 horas no salón de actos da Casa da Cultura. O acto contará con intervencións de Margarita Ledo, Manuel Rivas, Darío Xohán Cabana, Antón Santamarina, Luz Pozo Garza e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Para facilitar o seguimento de todos os actos arredor do Día das Letras e mais da convocatoria Vento Lois, que se celebra o 12 de maio, un seguidor do web dedicado a Pereiro creou dous mapas nos que se irán incorporando as diferentes celebracións previstas.