Dentro do universo dun guerreiro

Veciños e expertos reclaman que a Pedra Alta fique en Castrelo do Val

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Dentro do universo dun guerreiro

Esta fin de semana fíxose público un importante achado arqueolóxico en Castrelo do Val (Ourense): unha estela da Idade do Bronce que representa o tipo máis ao norte dun estilo artístico que sobranceara no suroeste da Península Ibérica: o dos guerreiros que dominaron a sociedade prehistórica antes da Idade do Ferro. Explicámosche no noso infográfico como ler e comprender o mundo que está detras desta estela prehistórica.

Gráfico: Aprende a ler a estela dun guerreiro.
Gráfico: Aprende a ler a estela dun guerreiro.

No ano 2010, un agricultor de Castrelo do Val, José Luis Lozano Rúa, atopou unha gran pedra granítica soterrada na súa finca de Pedra Alta. O achado estrañoulle, xa que toda esa zona é de xisto. Consultou con Bruno Rúa, un experto coñecedor da arqueoloxía da zona e autor da publicación Guía arqueolóxica do Alto Támega. Bruno comezou a investigar o mundo das estelas da Idade do Bronce, rarísimo en Galicia, e comunicou o achado aos arqueólogos Alberte Reboreda e Eduardo Breogán Nieto, que estaban traballando na zona. En colaboración cun dos grandes coñecedores dos petróglifos de Galicia, o conservador do Museo de Pontevedra Antonio de la Peña, estes investigadores descifraron o contido da estela: é un guerreiro coas súas armas, nunha tipoloxía única. E iso nunha zona privilexiada. "Ao carón desta zona está unha chaira coñecida coma o castro, aos pés do castro da Cabanca. En toda esta área apareceron aras romanas, laudas xermánicas. Toda a área ten unha gran relevancia", sinala Bruno Rúa.

Aproximadamente ao redor do 1200-1000 a.C., no suroeste da Península Ibérica sobrancearon un tipo singular de estelas monumentais en pedra que reflectían unha sociedade moi vinculada á guerra. Nas Estremaduras española e portuguesa, en Andalucía occidental e no Alentejo portugués, aparecen estelas de guerreiros (ás veces a propia estela ten forma antropomorfa) coa súa panoplia, é dicir, cun conxunto ideal de armas: escudos, espadas, lanzas e ás veces outros obxectos, coma os carros de guerra. "O sorprendente da estela ourensá de Pedra Alta é que é o achado máis ao norte deste tipo de monumento, moi lonxe do principal foco destes achados", sinala o arqueólogo Alberte Reboreda, e convértese na primeira vez en Galicia que aparecen algunhas formas artísticas que figuran na estela: o cinto que cingue a espada, o escudo con asideira e escotadura en V, ou a abraiante figura dun carro. Todo un universo simbólico e cultural que, segundo o arqueólogo Alberte Reboreda, "vincula o mundo mediterráneo e o atlántico" na Prehistoria e máis neste momento, cun achado tan septentrional deste tipo de estela.

O futuro da estela
A estela de Pedra Alta foi trasladada ao pequeno museo etnográfico municipal de Castrelo do Val, pero aínda non se coñece o seu futuro. O repentino trebón mediático é unha cuestión preocupa aos veciños. Para o experto local Bruno Rúa, "o noso máximo afán é que a pedra quede aquí en Castrelo, e que os investigadores veñan aquí estudala. Para o concello de Castrelo isto é unha lotería". A empatía co monumento prehistórico é moi grande por parte dos seus descubridores: o orgulloso propietario da finca, José Luis Lozano, tamén quere construír unha réplica da estela para reubicala no lugar no que apareceu a orixinal e recuperar o antigo sentido do lugar como Pedra Alta, pero que o orixinal fique preservado no Museo Etnográfico local. O concello de Castrelo tamén está interesado na musealización da estela.

Infográfico
En culturagalega.org realizamos un infográfico para que comprendas o significado dos elementos que figuran na estela guerreira de Pedra Alta. Podes consultalo na galería ou baixarte o PDF.

Que che parece esta nova?
95 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Un puñal cravado á memoria

Un puñal cravado á memoria

O Museo Arqueolóxico de Ourense dá a coñecer unha singular arma celtíbera localizada no castro de Santomé

Castrexos fóra dos castros

Castrexos fóra dos castros

O arqueólogo Ángel Concheiro identifica en Riós (Ourense) un excepcional sitio arqueolóxico da Idade do Ferro

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Idade do Bronce, Península Ibérica, Idade do Ferro, Ourense...