A longa historia do home verde

Coñecemos con Alfredo Erias a presenza da figura do green man na arte románica galega

Nos capiteis das igrexas románicas galegas e en moitas de Europa, un home vomitas follas pola boca no medio dunha vexetación da que parece formar parte. É a figura do green man, unha personaxe mitolóxica e alegórica moi antiga de especial presenza nos países da Europa atlántica, pero case descoñecida polo público en Galicia. Alfredo Erias, director do Museo de Betanzos, desvélanos a súa abundante presenza en Galicia e nos explica a súa misteriosa orixe.

Alfredo Erias, un incansable investigador histórico de longa traxectoria e promotor cultural, é director do Museo das Mariñas e Arquiveiro municipal de Betanzos. Durante o III Congreso de Estudos Celtas, celebrado en Narón entre o 15 e 17 de abril deste ano, Erias presentou unha fascinante investigación sobre a figura dos green men, un motivo artístico de dilatada presenza na arte europea, e a súa presenza en Galicia. Pedímoslle que nos contara máis sobre esta figura.

Que son os green men?

O home verde, green man nas Illas Británicas, le feuillou en Francia, blattqesicht en Alemaña, el busgosu en Asturias, etc. adoita figurarse como unha cara cuberta de follas, as cales, habitualmente, aínda que non sempre, saen da súa boca, ou entran, a partir de ramas ou caulículos. Atópanse en boa parte de Europa e mesmo se rastrexa no continente asiático, pero de maneira especial vémolo nos países do arco atlántico, alí onde a cultura celta deixou unha pegada máis fonda e aínda hoxe é inspiración para artistas e obxecto de festas primaverais de ecos antigos.

Cando aparecen?

Considero que o green man ten a súa orixe formal nos distintos avatares dun deus creador do bosque e dos animais indoeuropeo, con Cernunnos e o tricéfalo galo como protagonistas principais, pero sen esquecernos de Dionisos, Orfeo, Pan, Silvano, Esus e outros máis. Sen embargo, a forma máis repetida que chega ata nós semella ser unha recreación esencialmente baixomedieval insertada plenamente na iconografía románica.

Galicia está presente desde os primeiros momentos na catedral de Santiago de Compostela (na base dun incensario que leva un anxo da porta de Praterías), contando ademais con pezas de importancia europea como a pila bautismal do Hospital de Quiroga na que o green man se identifica co cervo nunha metáfora que seguramente representa a Cristo (identificado co cervo) como deus creador cristián, pero que tamén remite a Cernunnos (por esa mesma identificación co cervo) como deus creador do bosque celta.

Cal é o seu significado?

Os green men en xeral, formando parte da iconografía cristián, teñen esencialmente dúas caras formais e funcionais: na 1ª vemos cabezas fermosas de home vomitando ramas ou saíndolles ramas e follas da cara e a cabeza, e na 2ª, caras de homes grotescos devorando a Árbore da Vida ou vomitando a Árbore do Mal. Un e outro, aínda que pareza que están illados, deben situarse dentro do gran sistema do Xuízo Universal, repectivamente no Paraíso e no Inferno. Por outra banda, na Baixa Idade Media, a demonización que o cristianismo fai de Cernunnos e do tricéfalo galo, supón que son monstros inequivocamente infernais as cabezas masculinas con cornos e as figuras tricéfalas que vemos nos canzorros.
É evidente que, como deuses ou como demos, os green men manteñen aínda hoxe unha presenza social moi importante, tanto formalmente (sobre todo nas Illas Británicas onde se recrean unha e outra vez) como funcionalmente en festas da primavera.

Cando deixan de usarse?

Curiosamente é unha imaxe moi resistente e, ademais do Románico e do Gótico, aínda a vemos no Renacemento, no Barroco, no Neoclásico e mesmo amplamente no Art Nouveau (tamén en Galicia). Pode que a súa función por momentos sexa esencialmente decorativa, pero, de feito, permanece aí. E xa digo que nas Illas Británicas os artistas seguen hoxe a inspirarse nesta figura. En Galicia, que nos caracterizamos por vivir afastados da nosa historia, todo é diferente, pero, cando viaxamos cara o pasado, dámonos conta de que non soamente formabamos parte dunha alta cultura de rango esencialmente atlántico, senón que, en casos concretos, poidemos ser pioneiros e influir de maneira moi importante noutros pobos, aparte de levar a nosa xenética urbi et orbe (pero sobre todo cara a costa atlántica) polo feito de ser esencialmente emigrantes desde finais da última glaciación.

Cal é a imprantación deste tipo de figuras en Galicia en relación a outras áreas europeas? Existe máis ou menos un número de figuras identificadas?

Eu soamente traballei cuns poucos casos, pero falta facer un catálogo de green men na nosa terra. E considero que sería moi importante facelo, entre outras razóns, porque a presencia desta figura en Galicia favorece o irmanamento cultural, xa de por si intenso, e as relacións de todo tipo cos pobos atlánticos europeos, que na súa maioría son os que camiñan cara a Compostela polos nosos camiños de peregrinación (entre eles, o Camiño Inglés). Favorecer estas relacións é clave para nós e para eles desde todos os puntos de vista e xa vai sendo hora de que desde Galicia procuremos entre todos irmanarnos de verdade con esa xente que, em moitos casos, adoita considerarnos desde sempre (a través de escritos altomedievais e de mitos que permanecen na súa memoria colectiva) como os seus pais culturais.

Como te interesaches polos green men?

Foi un proceso longo. Hai moitos anos, na procura de sepulcros para debuxar, topeime no Hospital de Quiroga coa súa marabillosa pía bautismal. Comenteillo ó meu amigo, o profesor Fernando Alonso Romero, pero a cousa quedou aí. Moito máis tarde, tamén me chamou a atención o sepulcro de Ventosa, en Agolada, cheo de green men. E logo, claro, xa estaba canso de ver os green men das igrexas de Betanzos. Procurei estudar se no noso gran referente, a catedral de Santiago, estaba esta figura, como así foi. Atopeina tamén en capiteis do antigo claustro de San Francisco na mesma cidade e, con todo iso, chegou un momento en que o traballo xurdiu con total naturalidade. Iso si, xa postos, doume conta de que, agora, Galicia aparece no mapa europeo do green man e espero que se continúe polo camiño aberto.

Xa sei que é especular, pero o green man sería unha peza do folclore popular medieval levado á pedra? Quero dicir, tería un espazo no imaxinario popular de aquela?

Por unha parte, as imaxes de deuses antigos do bosque estaban por todas partes e o Cristianismo sempre intentou e aínda intenta dar sentido a todo o que se atopa, integrándoo no seu particular punto de vista ecuménico, derivado de ser a relixión oficial do Imperio Romano. Pero, sen dúbida, as festas da primavera que daquela se facían tiveron tamén moito que ver no renacemento e recreación desta figura. Pensemos que aínda os maios que hoxe sobreviven son un canto á resurrección primaveral da vida, de ecos moi antigos, mesmo prehistóricos. Por iso estamos diante dunha figura tan resistente: porque está enraízada no máis fondo do noso subconsciente colectivo. E cando digo noso, refírome, como pouco, a todo o continente euroasiático e mesmo ó Norte de África.

Os <i>green men</i> galegos

Os green men galegos

Green man da Catedral de Santiago, no pórtico de Platerías. Foto: Alfredo Erias.

Pía Bautismal do Hospital de Quiroga. Foto: Alfredo Erias

Pía Bautismal do Hospital de Quiroga. Foto: Alfredo Erias

Green man do claustro de San Francisco (Santiago de Compostela). Foto: Alfredo Erias

Green man do claustro de San Francisco (Santiago de Compostela). Foto: Alfredo Erias

Green man do claustro de San Francisco (Santiago de Compostela). Foto: Alfredo Erias

Green man do claustro de San Francisco (Santiago de Compostela). Foto: Alfredo Erias

Green men invertidos con Fernán Pérez de Andrade. Foto: Alfredo Erias

Green men invertidos con Fernán Pérez de Andrade. Foto: Alfredo Erias

Green man na igrexa de San Francisco (Betanzos). Foto: Alfredo Erias

Green man na igrexa de San Francisco (Betanzos). Foto: Alfredo Erias

Green man grotesco na igrexa de San Francisco (Betanzos). Foto: Alfredo Erias

Green man grotesco na igrexa de San Francisco (Betanzos). Foto: Alfredo Erias

Diversos green men na igrexa de Ventosa (A Golada, Pontevedra). Foto: Alfredo Erias

Diversos green men na igrexa de Ventosa (A Golada, Pontevedra). Foto: Alfredo Erias