As novas lecturas (celtas) de Galicia

O auxe do turismo británico en Galicia inspira novos produtos baseados no celtismo para estes viaxeiros

Garita da Herbeira (Cedeira). Foto: <a href=Enfocado" width="300">
Garita da Herbeira (Cedeira). Foto: Enfocado
O turismo de cruceiros é unha realidade crecente en Galicia, e canda el, aparecen un turista británico e francés que procura unha Galicia que vai máis alá das historias xacobeas e os tópicos máis coñecidos de Galicia. Suso Martínez, guía turístico, demanda máis formación e apoio para abrir novas interpretacións da paisaxe e da cultura galegas baseadas na cultura atlántica e adaptadas aos intereses deste viaxeiro.

“Temos un importante novo grupo de turistas de Bretaña, Escocia, Inglaterra, Gales ou Cornualles”, asegura Suso Martínez, guía oficial e promotor de guiasdegalicia.com, que interviu sobre turismo celta no III Congreso Internacional de Estudos Celtas celebrado en Narón esta pasada fin de semana. “O porto de Vigo é líder en turismo británico de cruceiros, e na Coruña imos ter o doble de cruceiros británicos este ano con respecto ao anterior. E tamén chegan a Ferrol, a Vilagarcía e probablemente dentro de pouco a San Cibrao”. Galicia adoita ser a última parada dos cruceiros antes de entrar no Mediterráneo. Suso Martínez, un profesional do turismo que acompaña a grupos de visitantes por todo o país, deuse de conta de que moitos destes turistas británicos e franceses non parecían demasiado interesados no mundo xacobeo e si noutras cuestións. “Pídenme ver a Torre de Breogán”, comenta Suso, pero tamén os escenarios do exilio do conde O’Sullivan”, en alusión á fuxida de rebeldes irlandeses de Irlanda a Galicia no século XVII.

Para Suso Martínez, este turista británico síntese moi interesado por cuestións atlánticas, a diferencia do visitante español, que ten un “carácter máis relixioso, máis católico, aínda que iso tamén está cambiando nos últimos anos”. Galicia, segundo este guía, “ten unha potencialidade extraordinaria no turismo atlántico” pero existe un problema, a ausencia de contidos e de formación: “non temos profesionais con competencias para facer un itinerario ou unha interpretación da paisaxe en clave céltica para todos estes turistas británicos”. Martínez decatouse de que hai un problema de formación e de falta de aposta das institucións por este tipo de contidos de base celta. “Hai unha demanda pero non estamos dando resposta desde os profesionais”, sinala Martínez.

Cal é o problema? “No sector turístico trabállase fundamentalmente cos tópicos”, sinala Suso, “a gastronomía, a tradición xacobea, a beleza das rías. As claves que se lle dan aos turistas son moi sinxelas, son unicamente paisaxísticas. Pero eu como turista non quero que me digan tópicos. Os guías turísticos non debemos ofrecer tópicos, senón interpretar o territorio”. Trátase dun modelo de negocio evidente e aínda non explotado, porque “aínda non fumos capaces de converter o celtismo en marca turística de Galicia e Asturias vai conseguilo en moi pouco tempo”.

A cuestión é que, segundo o coordinador de guiasdegalicia.com, este tipo de contidos funcionan, e moi ben. “O último press trip que fixemos foi con xornalistas británicos e escoceses. Un deles, escocés, estaba preparando un artigo sobre a Europa céltica e quería tirar algunhas fotos de Galicia para indicar que tamén no norte de España teñen restos de culturas celtas, pero pouco máis. Cando fixemos os últimos dous quilómetros dunha das rutas megalíticas máis importantes de Europa, o Camiño dos Arrieiros que chega ata a Estaca de Bares, e comezamos a ascender cara a Garita da Herbeira, o home alucinou e díxome algo extraordinario: nada do que vira ata entón para a súa reportaxe era tan violentamente céltico –esas foron as súas palabras -como ese tramo que fixemos da ría de Ortigueira e Cedeira”.

Martínez leva tempo ofrecendo itinerarios celtas por Galicia. Pedímoslle que nos relate por onde leva a estes grupos turísticos británicos para explicar a Galicia celta.

“Creo que a clave é o mar. A Galicia interior é moi interesante tamén pero o mar é algo compartido por toda a Céltica e o Atlántico é un punto de partida interesante”. Se os turistas están polo norte de Galicia, Suso lévaos polo Camiño dos Arreiros, pola Fundación Ortegalia, onde ven o Forno dos Mouros, desprazado da súa localización orixinal, visitan a Garita da Herbeira e castros marítimos, para rematar en Santo André de Teixido. Se a visita é no sur de Galicia, o itinerario celta pasa obrigatoriamente polo Facho de Donón e o santuario do Deus Berobreo que está aló, onde entre o século II e o III d.C., os galaicos chantaban pequenos altares devotos ao deus nunha plataforma sobre as Illas Cíes. Suso interpreta o Facho como unha ‘lanzadeira de ánimas’, o lugar desde o que os mortos na Antigüidade collían o camiño do Alén. Na Costa da Morte o camiño pasa tamén por forza por Fisterra, onde Suso agarda á posta de sol para explicar algúns aspectos da relixión celta e do propio Camiño de Santiago.

Pode medrar este tipo de turismo? “Eu animo moitísimo ás administracións e aos alcaldes a que aposten polo turismo céltico e que non teñan medo”, sinala Martínez, “durante moito tempo vinculouse o celtismo ao nacionalismo político pero isto vai moito máis alá”. Unha Galicia céltica para un turista que demanda outro tipo de contidos e que busca os paralelos coa súa propia orixe.