Negocios co pasado

O sector arqueolóxico comercial ten pendente a súa consolidación en Galicia

Un sector novo e dinámico, cunha actividade crecente e traballadores ben preparados. A arqueoloxía comercial constituiuse, nos últimos vinte anos, nunha realidade profesional que, no entanto, adoece aínda do pequeño tamaño das empresas e está a sufrir dun xeito especial os efectos da crise. Por vez primeira, Eva Parga, unha investigadora galega analizou o estado deste sector a nivel estatal nunha tese doutoral da Universidade de Santiago.

Localizar a totalidade das empresas dedicadas á arqueoloxía do Estado, contactalas, realizar un cuestionario e analizar os resultados. Aínda que o proceso pode semellar sinxelo, e mesmo básico para coñecer un sector como este, Eva Parga sabe que non é tan sinxelo. “Ademais das empresas hai tamén autónomos que se dan de baixa ou de alta segundo van aparecendo os proxectos. En Galicia existen rexistros a ese respecto, pero noutros lugares non, e ao final é moi díficil saber qué poboación está vencellada a este sector”. Deste xeito, Innovación e emerxencia dun servizo intensivo en coñecemento: O caso da arqueoloxía comercial, título da súa tese, resulta ser un traballo pioneiro na análise desta actividade e achega datos inéditos sobre o sector no país. A cuestión é especialmente importante polo grande volume de actuacións arqueolóxicas que realizan estas entidades. Segundo os datos que manexa Parga, ata 2008 deuse unha tendencia crecente que cifra entre 600 e 800 os permisos anuais para escavacións concedidos por Patrimonio no noso país, na maior parte dos casos executadas por empresas neste tipo, o que nos dá unha idea da pegada que esta actividade ten á hora de investigar o noso patrimonio.

A orixe
A eclosión das empresas dedicadas á arqueoloxía é relativamente recente no noso país, ao igual que no conxunto do Estado. En Galicia, o servizo de Arqueoloxía da Xunta nacía en 1985, e no 91 creábase un corpo facultativo de arqueólogos da Xunta. No entanto, sería a Lei de Patrimonio de 1995 o principal impulso á chamada arqueoloxía comercial, ao sistematizar os casos nos que se facían necesarias intervencións arqueolóxicas e mais regularizar o proceso das propeccións. En total, na actualidade están rexistradas no noso país 22 empresas deste tipo, segundo os datos que manexa na súa tese Parga. Isto sitúa a Galicia como a sexta comunidade con máis firmas deste tipo en todo o estado. “Chama a atención que hai un número elevado de empresas en relación con outras comunidades”, salienta a investigadora. Na maior parte dos casos, a fundación deste tipo de negocios centrouse nos primeiros cinco anos do presente século, diminuíndo a tendencia deste entón.

Os puntos fortes
“A arqueoloxía cumpre os requisitos e os factores que teñen os servizos intensivos en coñecemento. Trátase dun ámbito cunha elevada cualificación, con especialistas moi bos que posúen unhas posibilidades moi importantes”, asegura Parga. Profesionais amplamente preparados e un mercado ata hai ben pouco crecente fan deste un espazo con oportunidades para a creación de emprego. “Xa na actualidade o maior volume dos arqueólogos que traballan fano vencellados a empresas deste tipo. Está a se desenvolver un mercado de traballo moi importante”. Deste xeito, a investigación deste tipo preséntase como unha saída interesante para moitos estudantes de Historia, que se orientan cara a este campo “ademais están a xurdir xa graos especializados en Arqueoloxía, e está a se especializar a profesión”, conclúe.

Pendente de consolidar
No entanto, segundo apunta esta investigadora, este ámbito “ten moito potencial pero aínda non o sabe, está nunha fase emerxente”. Para Parga “o sector está fraxilmente estruturado. Son empresas pequenas, compostas normalmente por unha ou dúas persoas con algún empregado e que collen xente en función do traballo que teñan”. Debemos pensar que na maior parte dos casos a facturación no país non chega aos 100.000 euros ao ano, unha cifra semellante á media estatal, e que habitualmente as firmas ofertan servizos moi vencellados á construción. E é que a maior parte dos contratos proveñen dos necesarios estudos arqueolóxicos que esixen as obras en determinadas zonas. E é que os datos revelan que son as empresas dedicadas á construción de infraestruturas os principais clientes do sector, con case o 40% da demanda, seguidas da empresas dedicadas á construción, con máis do 20%. “Polo mesmo, falamos dun sector moi vulnerable á crise” polo descenso nas novas construcións que se produciu nos últimos anos. Malia a isto, a arqueoloxía comercial galega resiste mellor do que noutros lugares do Estado. “Polos datos ollamos que a actividade foi medrando ata 2006 e 2007, e que mentres en Madrid ou Andalucía as actuacións se afundiron a partir de entón, en Galicia resisten malia a un certo descenso”. O desenvolvemento de grandes proxectos de infraestruturas no noso país, como é a construción do AVE pode ter contribuído a manter máis ou menos elevado o número de licitacións neste campo.

Eivas
Entre as eivas do sector, esa multiplicidade de pequenas empresas é para Parga unha das máis importantes. “Non existe un asociacionismo forte, danse pugnas entre elas e mais co sector académico nunha competencia insana”, denuncia. “Na maior parte dos casos están formadas por unha serie de profesionais vencellados ao mercado pero que carecen dunha formación empresarial en moitos casos”. Esa certa atomización leva tamén a que os grandes proxectos de escavacións xordan habitualmente da man de universidades e da administración. “Moitas veces os grandes proxectos saen doutros organismos, non se dan moitas iniciativas das empresas neste sentido”. Para alén, relacionada coa escasa estruturación do sector, está o problema de que en moitas ocasións non se produce unha publicidade axeitada das descubertas que se realizan nestas actuacións. “Polas entrevistas que realicei, as empresas adoitan dicir que a publicación depende na maior parte dos casos da admnistración. As empresas fan moitas veces un traballo de xestión que non lles deixa moito tempo para publicar”.

Crise e oportunidade
Como resposta á situación, está a se dar en varias empresas “un dez por cento aproximadamente”, segundo os datos desta investigadora, unha ampliación de actividades que inclúen propostas de turismo cultural e traballos de restauración ou avalación ambiental. Como en tantos outros sectores, a crise económica pode obrigar agora a desenvolver novos xeitos de abordar o negocio e pode dar na consolidación de determinadas firmas ou na concentración empresarial en firmas de maior tamaño. E é que os preto de vinte anos que leva a arqueoloxía comercial en marcha no noso país fan pensar que a actividade debería estar xa asentada como negocio. “Se comparamos con calquera sector, semella que agora tería que se consolidar no mercado, pero a crise tivo un efecto negativo neste proceso”, asegura Parga. “De calquera xeito, penso que haberá empresas que van desaparecer ou que se verán foi afectadas pola crise. Pola outra banda, isto tamén pode levar a algunhas firmas a crecer, ao caer as máis febles”

Observatorio
Cando menos, de cara ao futuro, o sector pode contar co traballo xa desenvolvido por Parga como un referente á hora de abordar a súa propia actividade. Ademais, esta socióloga pretende darlle continuidade á súa tese mediante a posta en marcha dun Observatorio de Arqueoloxía. “Este traballo quere por vez primeira centralizar a información sobre o sector da arqueoloxía profesional. Logo da primeira listaxe que se elaborou a nivel estatal para a tese, queremos facelo público e incorporar outros axentes que se queiran rexistrar, crear un portal web para amosar esta información e funcionar como punto de encontro. Deste xeito, se un cliente quere buscar unha empresa ou localizar un profesional o poida facer a partir de aí. Ademais queremos publicar a lexislación sobre patrimonio por comunidades, de xeito que as empresas poidan coñecer as especificiades neste sentido e incluír tamén un catálogo de publicacións relacionadas co sector”, conclúe. Está claro entón que a agardada consolidación do sector vai ter quen a rexistre.