Disección do heroismo

Analizamos con David Rubín a narrativa da súa última novela gráfica

O maior reto na carreira de David Rubín como autor de banda deseñada. Unha novela gráfica de 500 páxinas en dous tomos, da cal xa está dispoñible o primeiro. El héroe, editado por Astiberri supón unha evolución destacada no autor, tanto a nivel argumental, coa súa reinterpretación do mundo mitolóxico grego, como nos campos narrativo e plástico. Analizamos co autor algunhas das peculiaridades que presenta este proxecto.

Logo de conseguir o éxito internacional con obras como La tetería del oso malayo, Cuaderno de tormenas ou El circo del desaliento, David Rubín lanzouse á súa obra máis ambiciosa. Unha novela gráfica de 500 páxinas na que recrea a historia do heroe grego Heracles. Co primeiro tomo a chegar ás librarías logo dun intenso traballo de elaboración, compróbase que o autor adapta o seu estilo gráfico e o xeito de narrar á envergadura do proxecto, arriscando novas solucións e apostando por propostas arriscadas, no que sen dúbida é un xiro decisivo na súa carreira artística.


A obra arrinca cun lento zoom inicial en cadriños horizontais e estirados, precedido dunha presentación en off que lembra ao comezo de Star Wars.






Segundo explica Rubín “aínda non podo desvelar moito a nivel argumental dese zoom porque entronca directamente co final do tomo dous, é unha especie de flash forward. Parecíame que funcionaba ben con esa voz en off e que xera as preguntas necesarias para se enfrontar ao resto das páxinas. Non podo explicar máis porque se desvela parte da trama”.


Na presentación de Euristeo e de Hércules, os dous personaxes principais do relato, observamos a inclusión de cadriños de pequeno tamaño dentro dun grande. Deste xeito, o autor combina a representación física do personaxe con accións vencelladas ao mesmo.






“O que me interesa nesta parte, sobre todo onde aparecen por vez primeira tanto Euristeo como Heracles, é sobre todo deixar claro desde estas poucas páxinas cales son as personalidades dos protagonistas. Desde aí constrúense as bases do personaxes, que logo irán mudando ao longo do relato, sobre todo a de Heracles”, lembra o autor. “No seu caso interesábame especialmente presentalo dando xa esa impresión de alguén que está por riba do normal. Para isto por exemplo nas dúas primeiras páxinas en que sae evitei amosar o seu rostro para que na terceira, cando o vemos por fin nun plano xeral e frontal, dese esa sensación de grandeza e de marabilla, alguén que aínda non é un heroe formado pero xa é alguén especial. Nestras tres páxinas de presentación de Heracles si que hai un xogo narrativo importante coa ocultación do rostro, xogo mesmo con planos subxectivos do personaxe”.


A estensión do proxecto permitiulle ao autor desenvolver recursos narrativos de todo tipo e xogar co tempo da narración. Nese sentido, atopamos fragmentos no que se demora de xeito especial o ritmo ou páxinas mudas.






“Estas páxinas que fan parte do comezo do cómic, son quizais as máis tranquiliñas a nivel formal. Máis adiante a cousa desmádrase moito máis e hai moitos máis xogos narrativos”, explica o autor, que recoñece que o formato escolleito para historia, lle permitiu experimentar libremente. “O bo de traballar nun formato que non implica un límite de páxinas determinado como pode pasar no mercado americano no álbum francobelga de 42 ou 64 páxinas. Nese sentido son formatos que limitan moito, sobre todo para tebeos que se centran nas aventuras e na acción. O que eu buscaba coas secuencias de acción e a ventura que hai ao longo do libro é voltar un pouco a esa emoción de cando eu era pequeno e lía a Jack Kirby ou cousas así. Tamén me apetecía o reto de facer secuencias de acción diferentes ás que se adoitan ver na BD, acelerar e decelerar o ritmo de lectura, xogar con splash pages e disposicións dos paneis de xeito que acompañasen a acción tanto a nivel narrativo como emocional. Para min cando menos foi unha gozada, algo co que disfrutei aínda que resultou difícil de levar a cabo. Algunha secuencia de acción chega a corenta páxinas e o reto foi xustamente non caer na repetición, non empregar os mesmos recursos narrativos e procurar que o o personaxe non se mova nin salte igual”.


Precisamente o tratamento demorado do tempo canda ao emprego destacado de primeiros planos deixa ver unha certa pegada do manga que o autor corrobora.






“Claro que hai influencia do manga neste libro, tamén en obras anteriores, aínda que puidese estar máis velada. No entanto non é a única influencia, isto é un compendio de todo o que veño mamando de cómic toda a vida, hai grande influencia da BD de superheroes estadounidense, e penso que tamén da BD europea, e o cemento que une todo isto é a BD de autor. Con esta mezcolanza de estilos e de xeitos de enfocar o cómic tentei, como creador, dar un apecto novo e un enfoque novo” explica Rubín.


O emprego da cor como un elemento narrativo máis antes do que con función plástica supón para o autor unha das principais novidades deste proxecto.






“Aínda que nas primeiras páxinas non se ve tanto, o emprego da cor nesta BD para min foi crucial. Non se trata dun estilo meramentee decorativo ou ornamental, senón que continuamente estamos a xogar con novos ambientes e sensacións. Para para min é un elemento narrativo máis, como o guión e o debuxo, e permite tamén crear emocións na páxina. Nese sentido non é un emprego para nada realista, buscaba achegar emoción á historia”, conclúe Rubín.

A presentación oficial da obra será o vindeiro 13 de abril ás sete e media da tarde no Centro Galego de Barcelona.