Galicia estará especialmente presente na vindeira edición da Fête de la Bretagne, que se celebra en maio. Este evento, que festexa o patrimonio e as tradicións deste país inclúe na súa vindeira edición unha conferencia sobre o traballo de Castelao encol das cruces de pedra que se conservan na zona. Ademais, dous roteiros recuperarán os espazos que Álvaro Cunqueiro recreou na súa novela As crónicas do sochantre, ambientada tamén no país. As actividades están coordinadas por Pierre Joubin, presidente do Comité Bretagne-Galicie.