A ciencia está de moda

A divulgación científica ocupa un espazo cada vez maior na cultura do país e contará cunha asociación propia

Nos últimos anos, a presenza da ciencia nos medios de comunicación e na rede está en incremento. Libros, blogs, conferencias e actividades de divulgación están a se afianzar na axenda como parte imprescindible, e xa común, da programación cultural. Obras de autores como Xurxo Mariño ou Jorge Mira, institucións como os Museos Científicos da Coruña ou actividades como o Día da Ciencia son algúns do representantes no noso país dunha tendencia que traspasa fronteiras. Agora, unha nacente asociación de comunicadores de ciencia busca potenciar este traballos.

Xurxo Mariño, o nome detrás dos cafés científicos, das columnas de divulgación Os dados do reloxeiro e ADN de Culturagalega.org ou do concepto discurshow, recoñece que na actualidade a divulgación da ciencia está nun bo momento. “Sempre houbo xente con afán de dar a coñecer isto, publicábase algún libro ou había algún espazo na radio. As tecnoloxías da información axudan moito a que nos poidamos comunicar e hai unha maior interacción entre as persoas. Agora alguén vai dar unha charla ou inventa unha experiencia e todo o mundo se entera”. Blogs, redes sociais e páxinas de todo tipo están a axuda a visibilizar a ciencia tanto da man dos profesionais que traballan nela como de amantes desta disciplina. A importancia destas tecnoloxías, para alén de favorecer o eco dos traballos de difusión, está tamén nas enormes posibilidades que achegan para realizar eses propios traballos. “Son unhas ferramentas que permiten vestir con traxes moi atractivos, especialmente para xente nova. Alguén fai unha presentación para unha charla e mete videos e imaxes tiradas de Internet. Logo se queres facer algo máis potente, pódense realizar propostas espectaculares”. Nese sentido pódense mencionar, por exemplo, as curtas de animación dixital que desenvolve o grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo mediante o proxecto Divulgare.

Un país de divulgadores
Encol do estado da divulgación no noso país, Manuel Vicente, director do programa Efervesciencia da Radio Galega, ten claro que “están a se facer cousas bastante ben e con calidade. Especialmente para ser un lugar que non está moi arriba no ranking de ciencia por comunidades”, explica. “Hai moitas iniciativas a nivel de comunicación, e pódese dicir que estamos por riba da meida estatal. Por exemplo, nas convocatorias de axudas do FECYT atópanse máis propostas galegas da que nos corresponderían pola actividade científica que hai”. No entanto, os efectos da crise se estean deixando sentir neste ámbito. “Falamos da ciencia como cultura, pero a divulgación sofre o mesmo que a cultura nos tempos da crise, é dos primeiros ámbitos que sofren recortes”, explica. Entre as propostas que destaca este comunicador “gústanme especialmente as que rachan un pouco coas propostas máis trilladas e levan a ciencia a públicos que non agardaban atopala. Os mercados, a praia ou o teatro son fórmulas para comunicar cultura científica moi interesantes”.

Pioneiros galegos
E é que no noso país non se pode falar de divulgación científica sen mencionar o traballo pioneiro que levan desenvolvendo desde hai anos os Museos Científicos Coruñeses. Exposicións, conferencias, actividades de todo tipo, ou as coñecidas monografías científicas distribuídas cos xornais galegos son algunhas das propostas que puxeron en contacto a moito do público galego coa ciencia dun xeito ameno e didáctico. “Son uns centros de categoría internacional” recoñece Xurxo Mariño, “e semella que non se lles dá toda a importancia e a publicidade que merecen. Co tempo foron gañando moita importancia e pasaron de ser un espazo que simplemente se visita a facer un grande labor de transmisión fóra de si”. Na actualidade o equipo didáctico está a preparar unha monografía sobre enerxía nuclear a raíz do accidente nuclear de Fukushima, en Xapón.

Políticas públicas
Canda ás ferramentas informáticas, non cabe dúbida de nos últimos anos se desenvolveron políticas públicas a prol da divulgación científica que son en boa medida responsables do desenvolvemento neste ámbito. A nivel estatal, a creación en 2001 da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), centrada nesta actividade, deu pé a unha serie de convocatorias de axudas específicas para proxectos deste tipo. “A nivel estatal e autonómico, viuse que era un campo no que había que investir. Desde a Xunta, no anterior goberno, apoiouse no marco do programa In.Ci.Te, coa extinta iniciativa Diverciencia, que encheu o país de proposta de divulgación. Isto anima á xente, que se move máis ao ter a posibilidade dunha axuda económica. No meu caso fixemos os cafés científicos con estas dúas fontes de financiamento”.

Eivas
En canto ás eivas que existen aínda no campo da divulgación, Vicente destaca que “a ciencia non ten aínda todo o peso que debería nos medios. Ás veces estamos moi centrados nos anos internacionais, por exemplo o ano pasado todo era Darwin, este ano centrámonos na química. Logo hai unha comunicación moi vencellada á actualidade, por exemplo cando se puxo en marcha o Colisionador de Hadróns ou agora coa crise de Fukushima. E despois existe unha tendencia a concentrar a atención mediática en datas como a Semana da Ciencia”.

A asociación
De cara a mellorar a situación e con intención de coordinar o traballo das diferentes iniciativas de divulgación que se desenvolven en Galicia, está a nacer a Asociación Galega de Comunicadores de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGCCCT, unhas iniciais que corresponden tamén aos nucleótidos que conforman o ADN). A iniciativa naceu da man do propio Manuel Vicente, de Luísa Fernández, da Unidade de Cultura Científica do Centro Superior de Investigacións Científicas en Galicia e mais de Esteban F. Moreira, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña. Segundo explica Vicente, “o pasado ano coincidimos no congreso de Comunicación Social da Ciencia de Pamplona un grupo bastante amplo de galegos que traballan nisto desde diferentes ámbitos. Alí vimos que podía haber unha masa crítica abonda e que sería necesario articular isto un pouco”. E é que no colectivo coinciden xornalistas, investigadores e traballadores de museos e de diferentes institucións. O 1 de abril é a data escolleita para a primeira asemblea deste colectivo, ao que xa confirmaron o seu apoio corenta persoas de todo o país. Entre as finalidades do colectivo está “ser unha plataforma para facer actividades de comunicación que ao mellor de xeito individual non serían posibles. Tamén queremos traballar novos formatos, e ter unha base para participar en determinadas convocatorias de axudas. En xeral, o noso intrese é compartir experiencias e dar a entender que cómpre profesionalizar a comunicación da ciencia. Nos medios, por exemplo, do mesmo xeito que hai comunicación especializada en economía ou deportes, debe habela ciencia”

Outro xeito de pensar
Canda estes movementos, Mariño salienta que se está a crear un novo xeito de pensar que tamén inflúe en que cada vez haxa máis traballo de divulgación. “Ata o de agora había unha separación forte entre humanidades e ciencias das chamadas puras, pero están a se establecer pontes con movementos como o da terceira cultura, que busca unha comunicación do coñecemento por riba de ciencia e de humanidades. A cultura é un xeito de coñecemento global”. Ao tempo, recoñece que a propia situación da investigación deu nunha necesidade de comunicar este traballo. “Hai unha grande división e especialización neste campo, isto fai que nos deamos conta de que existe un problema e que tentemos voltar a mesturar estes coñecementos coa cultura xeral”. “Este é un movemento global. Está a callar nas universidades, e en españa están a aparecer as primeiras cátedras en Comunicación da Ciencia”. O Congreso sobre Comunicación Social da Ciencia, con cinco edicións, ou o que reúne os museos científicos estatais son outros exemplos de como este movemento está a arraigar. A apoiar a consolidación do sector, Vicente apunta que, “nos últimos anos houbo un crecemento da demanda de profesionais, agora semella que está algo parada. Pero están a nacer unidades de cultura científica nas universidades, e pensamos que é unha tendencia que está a medrar”.