Chegan os mestres

Catro directores galegos copan as candidaturas dos premios do audiovisual galego

Fotograma de <i>Retornos</i>, filme de Luís Avilés
Fotograma de Retornos, filme de Luís Avilés
Jorge Coira, Dani de la Torre, Enrique Otero e Luís Avilés Baquero. Un deles farase o vindeiro día 17 de abril co premio a mellor director na Gala dos Mestre Mateo. Son novos, algún estreánse como directores de longametraxes pero entre todos sintentizan o talento do audiovisual galego. As súas películas acaparan un maior número de candidaturas dunha edición que chega con moitos axustes.

“Cada unha destaca pola exclusividade no seu estilo. 18 comidas pola improvisación, Mar Libre por ser histórica, Retornos porque é un thriller e a nosa, asegura Enrique Otero, director de Os Crebinsky, “por ser unha comedia máis tola”. Resulta evidente que este ano as catro favoritas parten de universos temáticos, estilísticos e creativos ben diferentes, pero todas destacan nestes Mestre Mateo con máis identidade propia que nunca.

De comidas e outras historias
A arriscada proposta que Jorge Coira (como director) e Fernanda del Nido (como produtora) asumiron cando puxeron en marcha un proxecto como 18 comidas, tivo unha acollida positiva. Desde a súa estrea no festival de cinema de Taormina (Italia) non deixaron de recolleitar premios e de sorprender cunha acollida en carteleira moi positiva. A de Coira é unha produción que conta seis historias que suceden ao redor dunha mesa, pero a frescura do filme é que se trata dunha produción diferente. Non ten un guión ao uso, senón que os actores improvisan nos seus papeis a partir dos conflictos e os puntos de partida que lles dá o director e o resultado foi aplaudido por crítica e público. Fáltalle agora o dos compañeiros de profesión (que son os que votan os premios da Academia Galega do Audiovisual). O filme Coira conta con 16 candidaturas, entre as que destaca mellor longametraxe, mellor dirección e cinco para a interpretación (Luís Tosar, Federico Pérez e Antonio Mourelos a mellor actor de reparto; e Camila Bossa e Cristina Brondo a mellor interpretación feminina de reparto).

Onde nunca pasa nada
Botou a andar cunha curtametraxe dirixida por Álex Sampayo (As loiras os prefiren cabaleiros) pero foi Cargo, a primeira longametraxe de Vaca Films, a que evidenciou os sinais desta factoría que ten un ascenso meteórico. Esta produción sintetizaba a súa liña temática (o terror psicolóxico), a calidade dos seus traballos, a vocación internacional (a coprodución é a fórmula a traballar) e, por suposto, a súa aposta clara polos valores do país. Retornos, o filme co que se presenta a esta edición do Mestre Mateo, suma parte desa intencionalidade. Na presentación para prensa deste traballo, a produtora Emma Lustres, fixo fincapé na necesidade de “apoiar o sector audiovisual galego”, por iso, nesta produción apostaron por un realizador novo. Retornos é a ópera prima de Luis Avilés Baquero, que ten un equipo técnico e artístico case ao cento por cento galego. Ademáis de ser finalista na categoría de dirección, compite en longametraxe, dirección de produción, dirección de fotografía, maquillaxe e perruquería, deseño de vestiario, dirección artística, montaxe, son, guión, música orixinal, montaxe, son, guión e os catro grandes premios de interpretación (protagonista e reparto tanto masculino como feminino).

Un universo “particular”
A terceira favorita en número de candidaturas é Os crebinsky. O filme, que ten estimada a súa chegada a cinemas comerciais en toda España o vindeiro 8 de abril, é unha hilarante comedia que conta as peripecias de dous irmáns que sobreviven a base dos obxectos que xorden da marea e inician unha insólita aventura. Protagonizada por Miguel de Lira, Luis Tosar, Celso Bugallo, Patricia de Lorenzo, entre outros, suma 12 candidaturas aos premios. “A nosa, afirma o seu director, Enrique Otero, é realismo fantasioso. Ese que sale da fantasía das nosas personaxes que está tanto na forma e na estética como no fondo, e que está narrado desde un punto de vista e unha estética que a fan diferente a ese nivel”. Os crebinsky chegarán a Ourense o vindeiro día 17 de abril, logo dunha xira-espectáculo que tivo seis paradas por toda Galicia e que comezou na pasada edición do Festival de Ortigueira.

Na onda das recreacións históricas
A última gran favorita, e tamén dirixida por un creador novel é Mar Libre. Comezou sendo o guión para unha longametraxe que acabou por se converter nunha miniserie de dous capítulos para televisión. Dani de la Torre, candidato tamén ao Mestre Mateo por mellor dirección explica que “houbo que facer bastantes cambios de adaptación para convertelo nun produto televisivo, que ten unha linguaxe e outras claves diferentes”. Mar libre conta con dez candidaturas, o que para Dani é todo un éxito: “supón valorar o traballo de moita xente que se deixou a pel nesta produción”. Esta película para televisión sitúase na liña dunha serie de producións de ambientación histórica. “Non fomos os primeiros, está Hispania, La República, La Señora…. Pero sí que está moi en boga e que demostra que é unha opción máis e sobre todo en Galicia” puntualiza de la Torre.

En todo caso, é o director de Mar Libre que apunta un dato a ter en conta. “As catro favoritas están dirixidas por directores novos e galegos. Alégrame que a xente do país que comezamos facendo curtametraxes e consiga rematar unha historia longa e que se recoñeza pola profesión e, esperemos tamén que polo público”. Nula presenza feminina en postos de dirección nunha gala na que Academia Galega do Audiovisual (AGA) está tirando da “imaxinación” para facer fronte aos recortes orzamentarios. Nunha nota de prensa remitida pola AGA “por primeira vez na historia dos premios, o equipo de produción dos Mestre Mateo contou coa participación e colaboración activa e desinteresada de varias personalidades da industria”. Actores, actrices, presentadores de televisión ou produtores de cine están a gravar pezas audiovisuais que servirán de soporte ao fío argumental da gala que se sucederá no Auditorio de Ourense o vindeiro 17 de abril.
Finalistas dos Mestre Mateo 2010.