
Do mesmo xeito, nos últimos meses novas propostas seguen este vieiro. Así, o Concello da Coruña presentou a súa propia guía para o programa Layar, que permite identificar e localizar todo tipo de recursos sobre unha imaxe real do contorno na pantalla do propio móbil. A aproveitar outras posibilidades destes aparellos, a consultora Dhuman ten para a descarga de dispositivos Android a aplicación Owntheway, que combina a xeolocalización sobre mapas con audioguías que permiten visitar, polo momento, Forcarei, Compostela e Mondariz Balneario. De certo non son máis que as primeiras apostar por este sistema, que se han multiplicar con toda seguridade nos vindeiros meses. Entre as máis recentes, este mes de febreiro subiuse á rede unha capa de turismo accesible con máis de 300 localizacións deste tipo dispoñibles para smartphones.