Os fitos da fin de século

Repasamos, da man de Dolores Vilavedra, as nosas letras a finais do século XX

Autores que morren, tendencias temáticas e estilísticas, mudanzas na industria cultural. Non cabe dúbida que desde comezos dos anos oitenta as nosas letras sufriron unha evolución importante. Dolores Vilavedra, autora de A narrativa galega na fin de século analiza para nós os principais fitos e as correntes deste período.

Botar a ollada atrás e analizar como foron os últimos anos do século XX para as nosas letras. Esta é a ambiciosa tarefa que abordou Dolores Vilavedra, profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago, na súa obra. Segundo explica, “o libro está pensando como unha continuidade cronolóxica do que fixera González Millán, que acaba no 84. A idea era chegar ao 2000, pero ese corsé resultaba algo ríxido, e entón o que fago é facer algúns saltos para adiante ou para atrás co fin de explicar algúns fenómenos e clarificar a época”. É a partir deste traballo que elaboramos unha liña do tempo na que a autora seleccionou unha serie de fitos que, ao seu ver, exemplifican o devir das nosas letras no correspondente período. Para explicar esta selección, Vilavedra sinala que “procuro non me cinguir a fenómenos estritamente literarios. Atendo tamén a diferentes eventos históricos como o estatuto e tento reflectir os movementos na xerarquía autorial reflectindo a morte de determinadas figuras. Mais do que a súa importancia histórica, trátase de puntos que permiten falar sobre determinadas cuestións importantes”.

Tendencias
Para alén dos fitos que sinala na Liña do Tempo, Vilavedra marca unha serie de tendencias na evolución das nosas letras durante o período estudado que non son facilmente identificables nese gráfico. “A clave está por unha banda na diversidade de xéneros e de autores. Pola outra na madureza que está a acadar o sistema literario”, resume. Para ela “neste momento a narrativa evolúe libremente, nin marcada por prioridades comerciais nin coa intención de cubrir carencias no sistema literario. Hai un discurso moi maduro que evolúe con toda a liberdade dos sistemas artísticos na cultura europea occidental”. Deste xeito, enfrontámonos a unha situación nova no noso sistema literario, lastrado durante anos por esta necesidade de completar parcelas de creación inéditas en galego.

A hora das mulleres e do xénero
Canda a isto, a filóloga destaca a crecente presenza de narradoras nas nosas letras. “É de destacar o feito de que se articule tan rapidamente un discurso autorial feminino. Superouse a fase das pioneiras, na que Marina Mayoral, María Xosé Queizán ou Marilar Aleixandre eran fabas contadas. Agora hai un grupo de narradoras tal que xa nin permite singularizar”, explica. “É moi interesante tamén o fenómeno da literatura de xénero, que xa tivo o seu auxe, unha decadencia e agora un rexurdimento”, lembra Vilavedra. Ao éxito nos anos oitenta da novela negra con traballos como os de Aníbal Malvar, na actualidade Domingo Villar ou Diego Ameixeiras amosan a vixencia deste xénero na actualidade.

A memoria e a independencia
A cuestión da memoria histórica na literatura desenvólvese dun xeito curioso. “Malia a que é un fenómeno serodio, a nosata literatura é pioneira no estado español en trata este tema, e mesmo marca a pauta. Ademais dá en fenómenos de vendas incribles, con obras como Qué me queres amor? ou, sobre todo O lapis do carpinteiro”, que ademais se contan con versións cinematográficas. “Destacaría especialmente o feito de que en Galicia é a literatura a que abre o debate sobre a memoria, non é o debate a que inspira as letras. E paréceme moi interesante esa capacidade para ir por diante, que demostra tamén a independencia das nosas letras” xa mentada anterioremente. “Tamén fago unha valoración moi positiva das posmodernidade. Penso que se asimilou esa herdanza con moita naturalidade, con logros estéticos importantes e dun xeito moi noso, orixinal e desacomplexado, fronte a imposturas como as que se poden atopar na novela en castelán a este respecto”.

Non cabe dúbida de que o esforzo de Vilavedra permítenos unha nova achega a obras e autores cos que levamos tempo a convivir, situándoos nun contexto que non sempre temos claro pola súa proximidade.