Os secretos castrexos dunha canteira

O Laboratorio de Patrimonio do CSIC e a Deputación de Pontevedra escavan o Monte do Castro

A escavación do monte do Castro (Ribadumia). Foto: Blog de A Lanzada
A escavación do monte do Castro (Ribadumia). Foto: Blog de A Lanzada
Un equipo de arqueólogos está a escavar o único castro do concello de Ribadumia. Aínda que a campaña está en curso, o equipo xa localizou vivendas, ánforas, restos de caldeiras, unha estraña sucesión de muros romanos e o sistema que os castrexos tiñan para gardar o gran antes da imprantación dos hórreos. Falamos cos responsables da escavación para coñecer que é o que amosa o Monte do Castro.

O Monte do Castro é un castro de grandes dimensións para o seu contorno, entre catro e cinco hectáreas, e o único documentado no concello de Ribadumia.
Está a ser escavado dentro do proxecto “Pousadas Xardín”, que é froito dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Laboratorio de Patrimonio do CSIC (LaPA). Dentro deste convenio o equipo escavou durante este verán no xacemento da Lanzada. Agora no inverno, no medio das chuvias, o equipo abre a terra no interior do Salnés.

Precisamente os arqueólogos que traballaron nos dous xacementos agardaban atopar relacións entre os dous sitios arqueolóxicos, toda vez que a Lanzada se presenta como un importante punto comercial e vinculado a industrias do mar e o Monte do Castro podería ser un xacemento que coincidira na cronoloxía. “Pero por agora é curioso”, sinala Roberto Aboal, director da escavación, do LaPA, “pero atopamos moitas máis coincidencias con outro castro, o de Castrolandín”. Precisamente o LaPA escavou hai máis dunha década este sitio arqueolóxico de Cuntis. Aínda que o Monte do Castro en Ribadumia dobla o tamaño, parece coincidir no tipo de vivendas e nos materiais cerámicos que se atopan. Un castro ubicado nunha zona agrícola e parece que orientado a esas tarefas, a diferencia da propia Lanzada, só que cunha privilexiada vista do río Umia e a Ría de Arousa ao fondo.

“Consérvase o foxo e un parapeto brutal, de entre tres ou catro metros de alto”, sinala Rafael Rodríguez, codirector da escavación e arqueólogo da Deputación de Pontevedra, “dunhas certas dimensións. Ten entre catro e cinco hectáreas de tamaño, e dobla a Castrolandín. Ademáis, é o único castro do actual concello de Ribadumia”. Sen embargo, o castro non chegou ata o mundo moderno en moi bo estado. “Era un monte polifuncional”, continúa Rafael Rodríguez, “empregouse como canteira, para aproveitamento forestal e como moitos xacementos arqueolóxicos en Galicia, tamén como basureiro”. Tanta actividade pasou factura aos edificios. Segundo Roberto Aboal, “na propia escavación estamos vendo isto. Un dos muros dunha das cabanas está practicamente arrasado por estes movementos. Estamos tentando ver a incidencia do impacto”.

A cronoloxía
Aínda que a escavación aínda está en curso, os investigadores teñen máis ou menos clara a cronoloxía do xacemento. Entre o século II a.C. e o I d.C. A maior parte das cerámicas que aparecen son castrexas, pero tamén se rexistran moitas cerámicas romanas, sobre todo unhas clásicas nas escavacións castrexas, os anacos de ánforas Halltern 70. Tras este nome de apariencia tan técnica agáchase unha realidade cotiá. Son as ánforas de orixe gaditana nas que os comerciantes traían viño e aceite ata Galicia e que despois se reaproveitaban para outros usos nos castros. Ata agora, o equipo levaba desenterradas algunhas estruturas. Unha delas, é unha gran cabana de cinco metros de diámetro en relativamente bo estado, no que os muros dunha banda da casa aínda acadan os 70 centímetros de altura. Aínda onte, despois de retirar o escombro, comezou a aparecer o chan orixinal e unha lareira no seu interior. Ao carón dela, aaprece outra cabana de dimensións máis modestas. E un pouco por riba no monte destas vivendas, a escavación afronta un dos seus principais desafíos: a aparición de muros que evidencian un novo xeito de facer cousas: polo momento oito ou nove muros cruzados e superpostos que poden corresponden a épocas distintas, pero claramente de adscrición romana, e nos que aparecen materiais e cerámicas claramente diferentes aos das cabanas dun pouco máis abaixo. Os arqueólogos aínda non coñecen que tipo de estruturas se localizan alí: conforme avance a escavación a situación irase aclarando.

Antes dos hórreos
O hórreo é tradicionalmente un dos símbolos da identidade de Galicia: un característico tipo de graneiro que asociamos coa identidade ancestral do país. Pero non sempre foi así. No Monte do Castro de Ribadumia están aparecendo unhas formacións características pero pouco coñecidas a nivel do público: unhas foxas labradas no chan e no xabre que na época dos castros funcionaban como graneiros. “Estaban revestidas con arxila”, sinala Rafa Rodríguez, “e eran case como adegas pequenas. Tapábanse con pallabarro”. Así que en Galicia o cereal, antes de gardarse no alto, gardouse baixo o chan. A zona das foxas serviu tamén como basureiro de cerámicas do propio castro. Alí atopouse un elemento moi interesante: unha asa de bronce dunha sítula, o tradicional caldeiro de metal característico nas sociedades do Ferro na península e no mundo atlántico.

A enigmática pedra desaparecida
Na tradición oral dos veciños das aldeas próximas ao Monte do Castro sobrancea na memoria a existencia dunha pedra ubicada no centro da croa, e mirando para o río Umia e a ría de Arousa. A tradición conta que estaba apuntando cara o sol. Esa pedra dispuña dunha serie de elementos que se adoitan relacionar cos santuarios de época castrexa. Tiña cinco escalóns labrados na rocha e na zona superior, unha pía labrada. Por desgraza, nada queda dese enigmático recinto: os canteiros voaron a pedra. Os arqueólogos están buscando fotografías que retrataran este curioso lugar. Ao mellor, dentro duns meses, podemos publicar en culturagalega.org algunha foto deste interesante colofón do Monte do Castro de Ribadumia.

O LaPA ofrece visitas gratuítas e guiadas á escavación do castro. Poden solicitarse no teléfono 600 94 01 33.